Martes. 19.03.2024
El tiempo

Vimianzo prendeu o Nadal e presenta o seu programa cunha pista de xeo como novidade

Alumeado de Nadal en Vimianzo
Vimianzo prendeu o Nadal e presenta o seu programa cunha pista de xeo como novidade

Vimianzo acendeu a pasada tarde de venres o Nadal co espectáculo de rúa a cargo da Troula de Animación “A luz do Nadal”. A cita serviu ademais para presentar da programación cultural “Vive o Nadal en Vimianzo” para as festas, que trae, por primeira vez, unha pista de xeo natural cuberta para que a veciñanza desfrute cos patíns.

Durante o acto, o comercio e hostalaría vimianceses obsequiaron ás persoas asistentes con vales desconto baixo a denominación de chocorascas, xa que houbo tamén degustación de chocolate con churros. Cada vasiño daba a posibilidade de obter descontos no comercio ou cafés de balde na hostalaría.

Bo Nadal en Vimianzo

Pista de Xeo

A gran novidade será a instalación, do 17 de decembro ao 9 de xaneiro, dunha pista de xeo natural cuberta para toda a veciñanza. Haberá unha app móbil para efectuar o pago e o centro deste espazo contará coa serigrafía do Concello.

Programa

O día 4 de decembro terá lugar o espectáculo ‘Pioneiras’ ás 20:30 horas no Auditorio da Casa da Cultura. Unha cita coa danza que aúna nunha experiencia infinitos tipos de mulleres.

O día 11 de decembro, tamén na Casa da Cultura ás 12:00 horas haberá un concerto da Orquestra Infantil da Sinfónica de Galicia. Pola tarde, quenda de “Estrela de día” a cargo de P.T. Excéntricas ás 20:30 horas tamén neste espazo.

Os días 14 e 17 de decembro celebraranse varias videoconferencias con Papá Noel na Aula CeMIT, con horario as 10:30 horas.

O día 18 de decembro proxectarase “El Grinch” ás 18:30 horas no Auditorio da Casa da Cultura. O 19 de decembro, o espectáculo dos Bolechas “O Crebanoces” copará novamente o Auditorio da Casa da Cultura ás 18:30 horas. Unha hora máis tarde, entregaranse os premios do Concurso de Postais de Nadal impulsado polo Concello de Vimianzo.

Os días 20 e 23 de decembro, Papá noel visitará os centros sociais e animará as rúas do municipio.

Duende Sico representará “A mestra da lngua” ás 11:30 horas no Auditorio da Casa da Cultura o 24 de decembro. Unha hora máis tarde, ás 12:30 horas, terá lugar a recepción de Papá Noel, que recibirá as misivas dos máis pequenos.

O 26 de decembro celebrarase a Festa de Nadal na Casa da Cultura co concerto de Mamá Cabra ás 18:30 horas e unha chocolatada ás 19:30 horas.

Durante o derradeiro día do ano, o 31 de decembro, Teatro Calavera emocionará á rapazada coa Festa Infantil Fin de Ano ás 12:00 horas.

Comezaremos o ano co Mago Richard e o seu “Conto de Nadal” o día 2 de xaneiro ás 18:30 horas.

As súas Maxestades de Oriente percorrerán as parroquias o 5 de xaneiro, e haberá unha recepción Real ás 20:00 horas na praza do Concello.

Pecharán a programación o Concerto de Nadal da Escola Municipal de Música o día 8 de xaneiro ás 18:30 horas e o Duatlón de Reis, o día 9 de xaneiro en Castromil, puntuable para o Circuíto Galego de Duatlón de Cros.

Nadal con Irma Macías

Do 22 ao 30 de decembro, Irma Macías deleitará cos “Contos de Nadal” ás persoas das 14 parroquias de Vimianzo. Acodirá á Escola de Berdoias, de Cambeda, de Carantoña, de Cereixo, de Serramo, de Tines, de Treos, de Bamiro, de Baíñas, de Castrelo, de Pasarela, ao Centro Cultural de Carnés, ao Salón Parroquial de Castromil e á Casa da Cultura.

Máis novas do Nadal

Comentarios