Vimianzo presenta a IV edición do Dúatlon Val de Soneira

A Casa da Cultura de Vimianzo acolleu onte a presentación da cuarta edición do Dúatlon Val de Soneira, que é Campionato Galego. Ademais, é puntuable para o Circuíto Galego de Dúatlon de Estrada. A proba, que se reafirma como cita ineludible no calendario deportivo, terá lugar na localidade o sábado 3 de maio de 2025.
O Concelleiro Sergio Miñones destacou que “o dúatlon Val de Soneira logrou converterse en algo que vai moito máis aló dunha proba deportiva. Estamos completamente comprometidos coa inclusión no deporte e esforzámonos en mellorar cada ano para seguir derrubando barreiras”. Ademais, o edil fixo referencia ao cartel para afirmar que “un campión ou unha campioa non se mide polas vitorias que consegue, senón polos obstáculos que supera. E nós estamos de lado de todos eses deportistas que loitan por alcanzar unha inclusividade total”.
Pola súa parte, a rexedora Mónica Rodríguez salientou que esta proba “é cada ano sinónimo de éxito, e agardamos que sexa así unha vez máis. Cada edición supérase o número de inscritos, algo que nos confirma que Vimianzo se está a consolidar como terra de dúatlons e un punto de referencia no deporte galego”.
O presidente da Federación Galega de Tríatlon agradeceu “ao Concello de Vimianzo e, concretamente, á concellería de Deportes, pola implicación que ten co dúatlon, tanto coa organización do Dúatlon de Reis coma con este” e destacou “a participación de deportistas internacionais e a casi segura do noso triatleta olímpico Antonio Serrat, que necesita probas de preparación e este Campionato Galego que se vai realizar en Vimianzo é unha de altísimo nivel”.
Patricia Gómez, nai de Dani Blanco, explicou que “o ano pasado Dani competía cun guía, pero este ano vaino facer só” e definiu a proba como “unha superación, todo un reto. Nós intentamos visibilizar a importancia do deporte inclusivo, porque todos temos dereito a cumprir os nosos soños e cruzar metas independentemente da nosa condición”.
Eva Piñel mostrouse “moi motivada e ilusionada de cara ao 3 de maio tras un inverno apartada de campionatos por unha longa lesión”.
Detalles da proba
Nesta IV edición manteranse tres probas cun percorrido adaptado a diferentes distancias:
Super-sprint: comezará ás 14:30 horas e estará destinada a novas promesas do deporte. Inclúe un circuíto cadete, xuvenil e júnior, ademais dunha proba popular e unha inclusiva.
- Distancia sprint feminina: comezará ás 15:30 horas e tamén haberá proba inclusiva.
- Distancia sprint masculina: comezará ás 17:20 horas e contará, do mesmo xeito, cunha proba inclusiva.
As persoas que desexen inscribirse pódeno facer ata o 29 de abril a través da páxina web da Federación Galega de Tríatlon: www.fegatri.com

