xoves. 08.05.2025
El tiempo

Xuventude de 6 paises reunirase en Vimianzo no mes de xullo

Xuventude de 6 paises reunirase en Vimianzo no mes de xullo
A mocidade de Camarinas participa no proxecto europeo YPAD

Cada vez son máis as fiestras abertas á Europa dende a nosa bisbarra. E falta fai que entre aire fresco. Xa estivemos cun equipo de rumanos en Camariñas, ou con suecos, os alumnos da Ponte do Porto saíron ver mundo mentres os maiores de Ponteceso exportaron sabedoría.

Desta volta toca ir ata Vimianzo, onde achegarán máis o continente a través do proxecto «Youth Acting in Rural Europe», que acaba de ser aprobado pola Axencia Nacional Española do Programa Erasmus+: Xuventude en Acción (Instituto da Xuventude - INJUVE).

«Youth Acting in Rural Europe» é un proxecto europeo dirixido á xuventude, que xira ao redor das temáticas do emprendemento xuvenil, a iniciativa social e o intercambio patrimonial natural e cultural, como eixos do desenvolvemento local rural e da construción dunha identidade europea común. O proxecto está cofinanciado polo programa ERASMUS+ 2014-2020, e ten como obxectivo mellorar as competencias dos mozos/as participantes no proxecto en relación con esas temáticas, a través da aprendizaxe non formal.

Os obxectivos específicos do proxecto son o fomento e a posta en práctica de competencias pre-laborais —como a iniciativa empresarial, a creatividade, o traballo en equipo, a comunicación, a negociación...—; o fomento da participación dos mozos/as nas accións de dinamización social e do patrimonio e tradicións da vida local; o fomento do sentimento de pertenza común á UE; a sensibilización da mocidade cara a valores como a solidariedade, a amizade, a democracia, a cooperación e a empatía; a adquisición de coñecementos sobre outras realidades culturais, e de habilidades e actitudes que lles permitan levar a cabo unha intercomunicación cultural positiva, cara á convivencia multicultural enriquecedora e o intercambio cultural activo; e a sensibilización sobre a necesidade de adquirir hábitos de lecer saudables relacionados coa participación positiva na contorna ambiental e comunitaria e a práctica de actividades ao aire libre.

O proxecto «Youth Acting in Rural Europe» está promovido polo Concello de Vimianzo, xunto con institucións doutros cinco países: outros dous concellos, de Italia e Eslovaquia (Tortona e Zemplínske Hámre), a asociación promotora do Ecomuseu de Barroso (Portugal) e dúas organizacións que traballan no ámbito da xuventude, Ballyfermot Youth Service (Irlanda) e Je voyage donc je suis (Francia).

De visita en visita

Nel poderán participar 30 mozos de entre 18 e 25 anos que residan principalmente no medio rural europeo. Na selección de participantes darase prioridade a aqueles mozos e mozas que pertenzan a contornas sociais desfavorecidas e que, por diferentes circunstancias da vida, estean en situación de inactividade.

As principais actividades previstas no proxecto son unha visita previa de planificación e un intercambio xuvenil.

A visita previa de planificación desenvolverase en Galicia a finais do mes de maio de 2015 e será organizada polo Concello de Vimianzo, en colaboración coas demais entidades socias do proxecto, co principal obxectivo de formalizar os acordos de colaboración e preparar o intercambio previsto, así como para intercambiar boas prácticas e experiencias desenvolvidas por estas no ámbito da mocidade.

Intercambio cultural

O intercambio xuvenil levarase a cabo en Vimianzo durante 8 días de actividades (desde o 28 de xuño ata o 5 de xullo de 2015); nelas participarán mozos/as dos 6 países europeos do proxecto. O obxectivo principal é dotar aos mozos/as participantes dunha serie de competencias pre-laborais relacionadas coa iniciativa social, o espírito emprendedor e a participación cidadá, así como o intercambio cultural positivo arredor das accións de dinamización social e desenvolvemento local que se realizan nas comunidades europeas participantes no proxecto.

O intercambio pretende facilitar tamén outro tipo de competencias máis específicas, como a aprendizaxe dunha lingua estranxeira, a comunicación, o traballo en equipos multiculturais e o sentimento de pertenza á UE. Igualmente, o intercambio de experiencias con mozos/as doutras localidades nas que realizan accións de dinamización ao redor de contextos patrimoniais con tradicións moi arraigadas permitirá profundar nas propias posibilidades de organización e acción social e fomentar novas liñas de actuación cara ao desenvolvemento da localidade a través da participación xuvenil.

O intercambio incluirá actividades de aprendizaxe non formal e informal, consistentes en talleres, presentacións, debates, dinámicas, actividades deportivas e de lecer ao aire libre, xogos de rol, visitas, etc. Así mesmo, os mozos/as terán a oportunidade de coñecer desde a práctica unha experiencia de iniciativa local, xa que os días de intercambio coincidirán coas accións de preparación e participación cidadá no «Asalto ao Castelo de Vimianzo», evento de valorización do patrimonio cultural da localidade.

O proxecto «Youth Acting in Rural Europe» ten un orzamento total de 17.636,00 euros, cofinanciado nun 100 % polo programa ERASMUS+. Ten unha duración de 8 meses; inicia a súa execución en maio de 2015 e prevese a súa finalización para o 1 de xaneiro de 2016.

Experiencias costa-europeoas

  • Camariñas exporta Acción Costeira a Rumanía.
  • 3 experiencias camariñás, exemplo europeo de desenvolvemento rural.
  • Camariñas recibe a Europa en clave de innovación rural.
  • Camariñas participa no Proxecto REN, rede de municipios rurais europeos.
  • Camariñas aprende en Suecia como fomentar o emprendemento na mocidade.
  • Alumnos da Ponte do Porto volven ao futuro por Europa.
  • Europa aprende a envellecer activamente en Ponteceso.
  • A mocidade camariñá ten a oportunidade de achegarse á europea co proxecto YPAD.
  • Camariñas intercambia experiencias coa Young People europea.
  • Europa coñece a Experiencia Social Xiria.
  • Fonte

    Comentarios