O IES de Baio sumerxiuse na maxia de Brandomil
Que importante é coñecer a nosa historia. E por Zas, a historia que está facendo a Fundación Brandomil ten que ser espallada.
Nese marco, a Fundación presentou este vernes no IES Maximino Romero de Lema o libro da Fundación
Brandomil "Brandomil na historia, un Couto de mulleres", ante alumnado de 2º de Bacharelato.
O acto literario comezou coa presentación dos convidados por parte da alumna Tania Pose Rey e a continuación tomou a palabra Tania Carreira Rial, técnica de Patrimonio do Concello de Zas, que estivo acompañada polo secretario da Fundación Brandomil, Enrique Iglesias Seoane.
A técnica do concello, despois de localizar Brandomil nun mapa do concello de Zas, fixo un percorrido pola historia de Brandomil, dende os tempos antigos pasando pola época romana, xermanos, época medieval...
Un especial foco de atención xirou ao redor das descubertas arqueolóxicas que permitiron observar que en Brandomil hai un patrimonio, do que aínda se descoñece a magnitude, e que cómpre dar a coñecer para que sexa defendido e preservado pola comunidade.
Porque falamos dunha zona rica en castros (Brandomil, Atrás, Aquelabanda) e con importantes vestixios de tempos da ocupación romana. Proseguir as escavacións arqueolóxicas permitiría afondar no coñecemento histórico da zona.
A conversa tivo que seguir na Biblioteca porque moitos rapaces da zona quixeron seguir preguntando e averigüando cousas sobre a zona.