Luns. 14.10.2024
El tiempo

A Carballeira de Zas, un festival máis solidario que nunca

  • Mentres, Baio prepárase para a súa Carballeira 
Imagen Asociación Íntegro-Carballeira Zas 2019
Familia da Asociación Íntegro na Carballeira Zas
A Carballeira de Zas, un festival máis solidario que nunca

Entre as novidades que o Festival da Carballeira de Zas ofrécenos nesta 36ª edición hai espazo para a solidariedade. Este ano a dirección da Carballeira chegou a un acordo coa Asociación Íntegro. De cada entrada comprada online doarase 1€ á devandita entidade.

A Asociación Íntegro é unha entidade social sen ánimo de lucro fundada no ano 1992 e declarada de utilidade pública para promover a inclusión das persoas con diversidade funcional na Costa da Morte. As súas instalacións atópanse en Nantón no municipio de Cabana de Bergantiños. A recadación deste acto solidario destinarase para o programa de ocio inclusivo das 40 persoas usuarias do centro de día e centro ocupacional da Asociación.

Con este xesto desde a Carballeira apóiase o importante labor que desenvolve a Asociación e espérase poder, non só axudala economicamente senón servir como recoñecemento do seu compromiso.

As entradas para o festival están xa dispoñibles na páxina www.festadacarballeira.com e a través de Ticketea. O bono para os dous días é de 10€, tarifa que se manterá todo xuño. En xullo pasará a custar 12€. A venda en despacho de billetes será de 15€, bono de dous días.

Como en pasadas edicións, os asistentes poderán contar con zona de acampada gratuíta (situada a poucos metros do recinto musical), baños e duchas. Evento familiar Un ano máis, a tarde do sábado na Carballeira de Zas está pensada para o goce de maiores e pequenos, contando cunha zona de gastronomía, espazo lúdico infantil, feira de artesanía e diferentes actuacións a partir das 14 h.

Baio prepárase para unha nova edición da Festa da Carballeira

Festa Carballeira Baio 2019

Ademais, a Carballeira de Baio xa está preparada para encherse o próximo domingo, 30 de xuño, de merendas e de música. Será cunha nova edición da Festa da Carballeira que xa vai pola 39 e que ano tras ano se converte nun punto de encontro interxeracional no que a diversión está asegurada.

A festa comeza cunha sesión vermú que amenizarán o grupo de música tradicional da Asociación Cultural Adro e o dúo D`Festa. Pero a troula non cesará durante todo o día, así despois de repoñer forzas co xantar será a charanga Santa Compaña a que anime a sobremesa por cada unha das merendas xunto cunha foliada aberta a todos e a todas e organizada pola Asociación Cultural Adro. E xa a partir das 20:00 horas actuarán o dúo D`Festa e o dúo Charada que animarán a festa ata ben entrada a noitiña.

A organización da Festa da Carballeira de Baio corre a cargo do Concello de Zas que conta coa colaboración da Asociación Cultural Adro e da Comisión de Festas de Baio. Co fin de preservar a carballeira e a súa contorna e para que todos e todas os asistentes gocen da festa, non está permitido facer lume no chan, instalar carpas pechadas nin equipos musicais.

Por outra banda, xa se poden adquirir as camisetas da Festa da Carballeira deseñadas para a ocasión por Adrián Varela. As camisetas están á venda ao longo de toda a semana no Bar Cruce, na Cervecería Río Grande e no Bar Trébol. O prezo é de 7€ e tamén está dispoñible un pack composto por camiseta, pañoleta e mochila por 10€. A venta do material corre a cargo da Comisión de Festas de Baio.

Novas relacionadas

Comentarios