Entroido de Zas: Pasarrúas, desfiles, obradoiros infantís, concurso de disfraces e filloas
- A troula arrinca esta fin de semana cun Pasarrúas de Gaiteiros Desbrosadores pola feira
Xa está aquí o Entroido 2022 do Concello de Zas. E chega cun programa con actividades para que toda a familia saia á rúa. Pasarrúas, desfiles, obradoiros infantís, concurso de disfraces e filloas á pedra forman parte da completa programación artellada polo departamento de Cultura.
A festa comeza xa este domingo 20 de febreiro cun Pasarrúas e cantos de taberna co grupo Gaiteiros Desbrosadores e Nelson Quinteiro. Amenizarán a Feira (é 3º domingo de mes), na praza nova Jorge Mira dende as 11:30h.
A seguinte cita será xa o sábado, 26 de febreiro. A partir das 17:30 horas, as rúas de Baio acollerán un Desfile ancestral polas rúas de Baio cos grupos Gaiteiros Desbrosadores, Gaiteiros das Rías Baixas e colectivo Máis Cantos. De seguido, toca o Serán de entroido na nova praza de Baio cos grupos do desfile e a dinamización do grupo Tabernarios Trío.
No marco do programa das Torres do Allo, o domingo, 27 de febreiro, a partir das 16:00 horas, hai un obradorio de entroido para nenas e nenos de 4 a 12 anos.
Xa o luns, 28 de febreiro, no Centro Sociocultural de Zas, e de 11:00 a 13:00 horas: Obradoiro de entroido para nenas e nenos de 4 a 12 anos. Mentres que o martes, 1 de marzo (Centro Sociocultural de Baio). De 11:00 a 13:00 horas: Obradoiro de entroido para nenas e nenos de 4 a 12 anos
Para participar en calquera destes obradoiros é obrigatorio anotarse previamente no Centro Sociocultural de Zas (981 751 398) ou no Centro Sociocultural de Baio (981 718 056).
Concurso de disfraces
O martes de entroido, 1 de marzo, celebrarase o tradicional concurso de disfraces no pavillón municipal de Zas. A festa comeza ás 16:00 horas cun espectáculo de cabaré infantil e co reparto de filloas á pedra. E xa as 19:00 horas comezará o concurso de disfraces no que se repartirán 1.750€ en premios distribuidos en varias categorías, destacando o Premio especial “Zaschoqueiro” (100€, no que se valorará a peculiaridade e a orixinalidade do disfraz que debe ser artesanal).
Para participar no concurso de disfraces é necesario anotarse previamente nas dependencias municipiais ou o propio día do certame antes das 18:00 horas no pavillón de Zas entregando debidamente cumprimentada a Ficha de Inscrición que se pode descargar a través desta ligazón da Sede Electrónica do Concello de Zas.
Máis programas do Entroido
- Malpica volve presentar un completo programa de Entroido feito polas Asociación e para as Parroquias.
- Bailes de disfraces, música, inchables, doces e Enterro da Sardiña no Entroido de Camariñas.
- O Concurso de disfraces da Laracha volverá ser virtual.
- As Casas da Cultura acollen as citas infantís do Entroido dumbriés.
- Un sábado de Batukada e inchables para o día Entroido de Carnota.
- Fisterra recupera o seu “participativo e enxeñoso” Entroido.