A Carballeira de Zas volve berrar
A Carballeira de Velar volveu a vibrar ao son da música onte, 9 de agosto, co comezo da 39ª edición da Festa da Carballeira de Zas. Milleiros de persoas de toda a comarca non faltaron á cita co festival folqueiro máis auténtico de Galicia e da comarca, xunto coa Festa Folk na Fin do Camiño.
Como xa é tradición, o mestre de cerimonias foi o humorista e actor zasense Roi Da Costa, encargado de poñer a ton aos asistentes e provocar algunha que outra gargallada, dando comezo o festival co tradicional berro de Eiiiiiii Carballeira!
Ás 22 horas da noite, Roi deu paso ao primeiro concerto, e o público encheuse de ovacións cara o cantante galego Javi Maneiro, quen ofreceu un espectáculo de música rock inesquecible.
Logo, subiron ao escenario Amparanoia, para dalo todo xunto a Artistas del Gremio. Estas dúas bandas mesturan a longa traxectoria de Amparanoia coa enerxía da banda zaragozana para, con bases de electrónica e instrumentos de vento, festexar a vida con todos os alí presentes.
Para pechar a noite do venres por todo o alto, os galegos Rebeliom do Inframundo ofreceron un directo explosivo, mesturando hip-hop, electrónica, folk e punk. Sen dúbida, deixáronnos a todos coa boca aberta.
Programa do sábado
Xornada do sábado 10 de agosto, sesión vermú, artesanía, e máis música nun ambiente familiar. Como xa é costume, o sábado é un día para toda a familia, onde dende os máis cativos ata os maiores, poderán gozar dunha tarde chea de gastronomía, actividades, e, como non, música.
Dende as 12 do mediodía, o segundo día da Carballeira abrirá as súas portas para que todos os asistentes poidan desfrutar dunha sesión vermú con mexillonada de balde, churrasco, un mercado de artesanía e unha zona infantil. Na feira de artesanía, os asistentes poderán atopar instrumentos musicais, bixutería, produtos naturais, e moito máis!
Os máis pequenos, ademais dun espazo infantil con actividades e pintacaras, desfrutarán do grupo de Rock&Roll infantil Gramola Gominola. Tras eles, a música non parará. Guadi Galego e Fanfarria Taquikardia darán comezo aos concertos para un público máis adulto nesta tarde de sábado.
A Foliada tampouco faltará nesta 39ª edición, coa actuación de Pandereteiros O Fiadeiro, Brincadeira, Pandereteiras Xacarandaina, Os petadores e Churía a partir das 18 horas.
A banda galega De Ninghures será a última actuación da tarde antes de comezar cos concertos da noite, ás 20:30 horas. Entrada a noite, subiranse ao escenario principal da Carballeira de Velar: Os do fondo da barra, The O ́Reillys and the Paddyhats, Mondra e Storrentos.
Máis novas da Carballeira
- Carballeira 2022: Zas quedou pequena para a gran volta da Festa da Carballeira
- Carballeira 2020: A Festa da Carballeira, a 12ª Festa de Interese Turístico da Costa da Morte.
- Carballeira 2019: Crónica: Tradición e vangarda déronse a man na 36ª Festa da Carballeira de Zas.
- Carballeira 2017: A Festa da Carballeira vence ao orballo e ao vento coa súa música de raíz.
- Carballeira 2016: A Carballeira de Zas bate marcas