Domingo. 16.06.2024
El tiempo

Labarta Pose regresou a Pontevedra coa súa Antoloxía Poética

  • Lolo Muíño recordou que no 2025 cúmprense 100 anos do seu pasamento “polo que sería unha data moi acaída para o seu recoñemento polo Día das Letras Galegas”.
22.05.2024_Presentacion Antoloxia Poetia Labarta Pose en Pontevedra
Xosé Manuel Varela, Chema Rei (editores), Lolo Muíño (alcalde de Zas), Valentín García (Secretario Xeral de Política Lingüística) e Mercedes Bará (xornalista) durante a presentación da Antoloxía en Pontevedra
Labarta Pose regresou a Pontevedra coa súa Antoloxía Poética

Segue o Concello de Zas levando a obra de Labarta Pose por todo país, facendo imposible que a Real Academia Galega non tomen en consideración a dedicación do Día das Letras Galegas ao autor zaseiro. 

Desta volta, foi o salón de actos da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra o que acollía onte a tarde a presentación da “Antoloxía Poética” de Enrique Labarta Pose. Pontevedra foi unha das cidades elexidas para dar a coñecer unha parte da súa obra por ser un lugar co garda unha estreita relación xa que segundo indicou Mercedes Bará, autora de múltiples artigos sobre Labarta, aquí viviu uns dez anos da súa vida.¡

“A presentación de hoxe é un chanzo máis para que se coñeza a figura de Labarta e para que a Real Academia Galega lle adique o seu propio Día das Letras Galegas”, sinalou o rexedor Lolo Muíño, que recordou que no 2025 cúmprense 100 anos do seu pasamento “polo que sería unha data moi acaída para o seu recoñemento”.

Os propios editores da “Antoloxía Poética”, Xosé María Rei Lema e Xosé Manuel Varela Varela, fixeron durante a presentación un repaso da vida de Labarta, unha análise dalgunha das súas obras para poñer de manifesto a calidade da súa obra, e deron conta da importancia que tivo na súa época. Durante o seu paso por Pontevedra participou de forma moi activa na actividade cultural da cidade e tivo unha estreita relación con destacados persoeiros. Precisamente entre o público asistente á presentación de onte estaba Marina Pintos-Fonseca, neta de Javier Pintos
Fonseca, con quen Labarta gardou unha amizade, e Amancio Landín, familiar de Prudencio Landín.

Encargouse de pechar o acto o Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, que comezou a súa intervención destacando o mérito do Concello de Zas por poñer a Enrique Labarta Pose no gran escaparate da literatura galega e candidatalo á gran festa das Letras Galegas. “Merece o seu propio Día das Letras Galegas e por iso quería estar hoxe aquí para demostrar que Labarta é un grande autor”, sinalou Valentín García durante a súa intervención.

Tras a presentación da “Antoloxía Poética” algúns dos asistentes visitaron a rúa que leva o nome de Enrique Labarta Pose.

22.05.2024_visita rua Labarta Pose en Pontevedra

Máis novas

 

Comentarios