Venres. 26.04.2024
El tiempo

Relatos da Fundación: Pegadas galegas polo mundo

Relatos da Fundación: Pegadas galegas polo mundo

Xa limos a primeira das obras gañadoras do I Concurso de Relatos da Fundación Fernando Blanco, que este primeiro ano recolle a visión dos pequenos da Costa da problemática da emigración. Hoxe imos co segundo, que non é outro que o relato escrito por Teresa Cousillas Lema, do CEIP Labarta Pose de Baio, e que recibía o 2º premio da Categoría A (2º e 3º ciclo de Primaria).

"Pegadas galegas polo mundo", de Teresa Cousillas Lema

Teresa-Cousillas-Lema-do-Labarta-Pose-recibiu-o-2-premio-da-Categoria-A-do-I-Concurso-de-Relatos-da-Fundacion-Fernando-Blanco

Son unha nena galega e vivo na Costa da Morte. A historia que vou contar non é unha historia triste, senón unha historia de amor a Galicia. Esta historia fala dos emigrantes da miña familia. Na miña familia emigraron o meu bisavó, os meus avós e as miñas avoas.

O meu bisavó emigrou a Arxentina porque tiña endebedadas as terras dos seus pais. Traballou barrendo as rúas das cidades e cando aforrou diñeiro voltou a Galicia. Comprou moitas terras, nunha delas está construída a miña casa, por iso coñezo esta historia.

Meus avós paternos e maternos emigraron a Inglaterra porque necesitaban un traballo onde gañar diñeiro e aquí non o había. Traballaron nos hoteis, meus avós de botóns e axudantes de cociña, e as miñas avoas limpaban e facían as camas das habitacións dos hoteis. Meu avó contoume que para ir a Londres tiveron que ir ata Irún en coche, e despóis colleron un barco ata South Padinton, cerca de Londres. Vivían con outros dous matrimonios nun piso con dereito a cociña. Un dos matrimonios era polaco, o outro italiano, e eles eran galegos.

O meu avó contoume que o seu primeiro soldo fora, no 1965, 15 libras á semana, claro que a vivenda valíalles 12 libras ó mes. Por sorte traballaba o meu avó e a miña avoa, dous soldos. O meu avó traballaba de axudante de cociña e tiña todos os alimentos etiquetados co nome en inglés, e tiña que aprender o nome das verduras en inglés, pero había verduras que non lle sabía o nome en galego porque en Galicia non se comercializaban: alcachofa, porro, apio, brócoli … Pode resultar moi triste, pero é a verdade. Cando aforraron diñeiro voltaron a Galicia e mercaron un barco e unha casa. A miña avoa díxome que tiñan moita morriña da súa terra, pero que tiveron que estar sete anos traballando en Inglaterra.

Os meus avós maternos tiveron as mesmas condicións, só que eles tiveron menos tempo, seis meses. A miña avoa sentía moita morriña e non se acostumaba. Nunha ocasión unha hóspede de nacionalidade india tiña o costume de deixarlle a propina debaixo da almofada para miña avoa, pero como ela non a entendía, a propina collíaa outra limpadora que levaba máis tempo traballando no hotel. Cando voltaron mercaron unha casa.

Por sorte, os meus pais non tiveron que emigrar, por agora, pero aínda, no presente, seguen emigrando familiares meus. Éste é o caso duns primos segundos meus que no mes de xuño, cando remate o colexio, irán vivir a Suiza, reuníndose co seu pai que marchou no mes de marzo para conseguir traballo, xa que estaba no paro.

A miña opinión persoal, tendo en conta que teño 10 anos, é que a emigración débese a que en Galicia hai persoas sen traballo que se ven obrigadas a buscalo lonxe da súa terra natal. A min non me gustaría emigrar, por iso vou facer tres reflexións para que isto non ocorra:

  • 1) Galicia é unha terra moi bonita, e se queremos que non haxa xente que teña que marchar dela, temos que crear traballos. Iso, creo, que é o máis importante.
  • 2) Os galegos/as pagan moitos impostos: a luz, o gas, as autopistas … Por iso hai galegos/as que migran porque non teñen tanto diñeiro para pagar tantos impostos. Debemos baixar os impostos.
  • 3) Debemos, entre todos, coidar a nosa natureza e os nosos recursos (a auga) para desenvolver unha agricultura, unha gandeiría, unha pesca e unha industria sostible.

Galega eu son e orgullosa de iso estou.
As nosas rías moi importantes son e querémolas con paixón.
Lonxe dela non quero estar e a súa bandeira quero vela ondear.
Iñorantes son os que non a saben apreciar.
Castros na nosa terra hai.
Ilustre Pondal, grazas a él o noso himno podemos cantar.
América, a onde Fernando Blanco emigrou, e escolas en Cee creou
.


  • Teresa Cousillas Lema, CEIP Labarta Pose de Baio, 2º premio da Categoría A (2º e 3º ciclo de Primaria) do I Concurso de Relatos da Fundación Fernando Blanco.

Outros Relatos da Fundación

Novas relacionadas

Máis información

Fonte

Comentarios