![Belen da Crega, concelleira de Cultura en Carnota, fala da tradicion teatral e cultural da vila]()
Belen da Crega, concelleira de Cultura en Carnota, fala da tradicion teatral e cultural da vila
Tivemos o pracer de compartir unha conversa amena con
Belén da Crega, veterana da
mostra Víndemo Ver e concelleira de Cultura e Normalización Lingüística do concello de Carnota. En xaneiro por fin conseguiron encamiñar a
Escola Municipal de Teatro que até agora non foi posible, ben por falta de infraestruturas como por outras razóns. E iso que Carnota é unha verdadeira canteira de artistas, véxase a
Miguel de Lira,
César Cambeiro e moitos outros. Carnota ten unha tradición teatral e cultural moi arraigada, sendo xa “cousa dos nosos avós” diferentes eventos como o entroido de Caldebarcos, O Porquiño de Lariño ou grupos de teatro como O Teatro do Canle, Teatro Pedramar,...
Na edición deste ano da Mostra Víndemo Ver, que terá lugar entre o 24 e o 27 de marzo, poderase ver por primeira vez os resultados da Escola Municipal de Teatro, co espectáculo de
Teatro de Rúa “O Convite”. Esta iniciativa xa foi encamiñada ó Víndemo Ver e vai traer moitas sorpresas a Carnota e sobre todo moitas risas.
¿Por que razón facer teatro de rúa, e non teatro convencional? “Carnota é moito de vida na rúa, gústalle máis ver movemento na praza e nos exteriores que ir ó teatro. E como Carnota non é de ir ó teatro, o teatro vai a eles, acércase á xente e vaille dar ambiente ó Víndemo Ver", asegura Belén da Crega. Carnota é unha vila que se involucra cos acontecementos sociais, e este ano en Semana Santa, non vai ser diferente.
A
V Mostra de Feira Local de Carnota vai ser unha mostra interactiva, con obradoiros, con demostracións en vivo, actuacións teatrais e musicais, produtos ecolóxicos e diferentes eventos deportivos como a carreira BTT ou a carreira Vikinga.
Belén tamén nos falou de futuros proxectos que ten a Escola Municipal de Teatro, como por exemplo organizar visitas teatralizadas ó
Museo Aberto.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).