Imprimir

A activista asasinada Berta Cáceres protagoniza o setembro da Galería Mulleres

que pasa na costa | 03 de setembro de 2019

A activista Berta Cáceres

“O mundo perdeu a unha persoa irrepetible e iso tennos que doer a todos. Pero Berta Cáceres non está morta, está multiplicada. Ela segue presente en cada unha das persoas que continuamos coa loita. A miña nai deixoume moitas ensinanzas e toda a súa forza. As persoas que loitan pola vida, nunca morren.”
- Berta Zúñiga Cáceres (filla de Berta Cáceres)

Continúa a Galería Mulleres de Muxía, percorrendo a historia en clave de muller. Este mes de setembro de 2019, Viki Rivadulla quere recordar a figura de Berta Cáceres (La Esperanza, Honduras, 1971-2016), líder indíxena lenca, feminista e activista do medio ambiente hondureña.

Foi a cofundadora e coordinadora xeral do Consello Cívico de Organizacións Populares e Indíxenas de Honduras (COPINH) para loitar en defensa do medio ambiente, o rescate da cultura lenca e para elevar as condicións de vida da poboación. Foi recoñecida co Premio Ambiental Goldman, o máximo recoñecemento mundial para activistas de medio ambiente. Na súa infancia e adolescencia Berta viviu e uniuse ás loitas do seu pobo.

Desde o golpe de estado de 2009, iniciáronse en Honduras unha gran cantidade de megaproxectos moi destrutivos para o medio ambiente, que conlevan o desprazamento de comunidades indíxenas e a privatización de ríos e territorios, destinándose case o 30 % do territorio nacional a concesións mineiras. Berta denuciou o acoso e a persecución ás tribos indíxenas e o roubo das súas terras ancestrais por parte do goberno de Honduras, á vez que se lles criminalizaba e presentábaselles nos medios de comunicación como violentos e perigosos.

Iso custoulle a vida. Foi asasinada en 2016 pola súa loita contra a construción do proxecto hidroeléctrico de Auga Zarca, situado nunha zona crucial para a supervivencia das comunidades indíxenas. A madrugada do 2 de marzo de 2016 un grupo de sicarios asasinárona. Os autores intelectuais aínda se descoñecen, nun proceso de investigación repleto de irregularidades que foi obstaculizado polo propio Goberno de Honduras.

Unha das súas fillas, Berta Zúñiga Cáceres, asumiu o liderado do COPINH. Berta Cáceres é un símbolo das decenas de persoas, activistas, que morreron por defender a súa terra e os recursos naturais, enfrontándose a poderosas empresas multinacionais, grupos de poder e intereses partidistas.

 

Galería Mulleres Muxía

Fonte

  • A Biblioteca da Muller de Muxía, da man de Viki Rivadulla.
Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/muxia/activista-asasinada-berta-caceres-protagoniza-setembro-da-galeria-mulleres/20190902221914112688.html


© 2019 que pasa na costa

COPYRIGHT 2019 QUE PASA NA COSTA