Venres. 29.03.2024
El tiempo

Cinco artistas en arte urbana abren o Rexenera Fest

Cinco artistas en arte urbana abren o Rexenera Fest
rexenera fest 2016 O Rexenera Fest de Carballo colle impulso coa actuación de cinco especialistas en arte urbana en distintos puntos da capital bergantiñana. O alemán Case Maclaim no Fórum Carballo, a polaca Natalia Rak na rúa Doutor Fleming, a arxentina Hyuro no Pazo da Cultura, o galego Nö3l na rúa Chile e o zaragozano Isaac Mahow na rúa Ecuador. Estes son os cinco nomes e as cinco localizacións de Carballo que cambiarán por completo durante a primeira semana de xuño - entre o luns 30 de maio e o domingo 5 de xuño - da man do festival Rexenera Fest. Así o avanzou hoxe en rolda de prensa a organización do festival, co concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, como promotor da iniciativa, e con Marcos Couso, máis coñecido como Sokram, como responsable do aspecto artístico do festival. Este ano o festival medra, no só porque a cita se consolida como un referente da arte urbana, senón tamén porque reúne a varios artistas do mellor da escena galega, española e internacional do mundo da arte urbana, facendo da vila un grande museo ao aire libre que vai ofrecendo novas pezas de arte ano tras ano. Un a un Os responsables do Rexenera Fest presentaron onte o cartel O Rexenera Fest celebrarase entre o 30 de maio e o 5 de xuño O alemán Case Maclaim é membro co-funfador da mundialmente coñecida M'Claim Crew, é un histórico pioneiro do fotorrealismo no graffiti e sitúase como un dos maiores representantes deste estilo na arte mural contemporánea. A polaca Natalia Rak é coñecida polos seus xigantes retratos en grandes laterais de edificios, realizando un traballo moi colorista con conceptos oníricos e case surrealistas, segundo explica Sokram. En 2013 gañou o "Artbattle" en Nova York, no que o seu mural The Legend of Giants foi votado como unha das cinco mellores pezas de arte urbana creadas en 2013, xunto a obras de Bansky e J.R. A arxentina Hyuro, afincada en Valencia, é coñecida pola pintura cargada de mensaxe e simboloxía, cunha "carga social moi pontente", explicou Sokram. Xera un vínculo entre a obra e o público, contribuíndo á busca do enfrontamento do espectador coa obra. O galego Nö3l, natural de Rianxo que reside en Guadalaxara - México -, é un dos maiores expoñentes da rica escena da arte urbana galega, e deixará pegada en Carballo co seu estilo, mensaxe e densa poeísa visual. Conta con moitas influencias que van dende a banda deseñada até o grafitti. Por último, Isaac Mahow, de Zaragoza, ten un estilo persoal baseado en formas cortantes e limpas mesturadas con outras sinuosas e degradadas. Presenta, segundo Sokram, "un estilo próximo á tatuaxe e con moita poesía". Encargarse dun dos murais de maior tamaño desta edición de 2016. Actividades paralelas Unha das novidades da segunda edición do Rexenera Fest é que vén cargada de actividades paralelas, didácticas e culturais. O festival organiza dúas masterclass impartidas por grandes artistas recoñecidos da escena galega como Sekone - o martes 31 de maio e o mércores 1 de xuño- que impartirá un maxistral obradoiro teórico e prático que xirará arredor da aproximación da complexa técnica do realismo ou hiperrealismo mediante o uso do spray. Así mesmo, Cestola na Cachola - o xoves 2 e o venres 3 de xuño- cooperativa galega cunha ampla experiencia como muralistas, encargaranse dunha masterclass de iniciación á arte mural na que achegarán técnicas de composición e de tradución do papel ao muro, o tratamento das cores pigmento e a súa aplicación para a creación das luces. Os dous obradoiros están dirixidos a persoas con certos coñecementos mínimos ou relacionados e relacionadas co mundo das artes plásticas, son gratuítos e contan con límite de prazas. As inscricións poden realizarse a través do web do festival. Mesas redondas O sábado 4, xa cando o festival está a piques de rematar, o Fórum Carballo acollerán unha mesa redonda sobre arte urbana a partir das 17 horas. Haberá representantes de destacados festivais galegos, españois e internacionais: o Festival Asalto - de Zaragoza, un dos pioneiros e con máis tradición de España -, Desordes Creativas - Ordes -, o Wool, Mistaker Maker e Lata 65, representados por Lara Seixo de Portugal, e tamén do colectivo Derrubando Muros con pintura, xermolo do Rexenera Fest. A continuación, a organización convidou a varios artistas a facer microconferencias expoñendo o seu traballo, para diseccionalo e achegalo ao público asistente. Participarán A.L. Crego, coñecido internacionalmente por dar vida en forma de imaxes GIF ás obras de moitos famosos muralistas e das súas creacións en formato bucle. De feito, ten animado todas as obras do anterior Rexenera Fest e moitas de Derrubando muros con pintura. Tamén estarán presentes creadores desta edición do festival, como Nö3l, Isaac Mahow ou Hyuro. Fin de festa  O sábado pola noite resérvase un espazo para a festa na Sala Dublín a partir das 22:30 horas con entrada libre. Os asistentes poderán gozar coa Familia Caamagno. Os de Sigüeiro veñen a presentar o seu último mini LP "Para unha vez que saimos", cheo de rock'n'roll garaxe, sons dos 60 ou o menos explorado power pop. E por outra banda, Fluzo poñerá o toque experimental á noite co seu hip hop electrónico co que poderemos bailar entre chiptunes hipnóticos, rimas e programacións que desafían as leis matemáticas. O colofón chega o domingo 5 de xuño cun roteiro guiado polas obras creadas durante o festival. O punto de partida será o Fórum Carballo a partir das 17 horas para realizar logo un percorrido polo museo público ao aire libre e as novas obras recén incorporadas. Xose Regueira e Sokram presentaron onte o cartel do Rexenera Fest Sokram e Xosé Regueira presentaron onte o cartel do Rexenera Fest  

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios