Imprimir

División de opinións ante a tala do ciprés da Praza de Corcubión

que pasa na costa | 10 de xullo de 2019

Tala do ciprés do centro de Corcubión
Tala do ciprés do centro de Corcubión

Estes días, por Corcubión o tema de conversación trasladouse do pleno municipal á praza, para falar de árbores. Pero non da desfeita medioambiental que hai detrás da vila, ese eucaliptal que supón un verdadeiro perigo para a poboación, se non do ciprés que ata onte, engalanaba a entrada á Praza de Castelao.

O Concello vén de talar o ciprés da praza, no marco das obras para mellorar o xiro do autobús escolar. Unha obra que se realiza mentres o pobo segue esperando a reforma integral da Praza Castelao, o plan de ordenación do corazón de Corcubión, que aínda segue no caixón.

Falamos dun ciprés maxestuoso, prantado nos anos 60, que se mantiña en perfecto estado de saúde e que xa podía ter 5 metros de altura. Ben é certo que as labores de poda da árbore non foron as máis coidadas, e o seu crecemento aleatorio deu problemas en innumerables ocasións. Por exemplo camións das orquestras (como no pasado San Marcos) foron os que meirandes podas provocaron na árbore senlleira; ou a brasería do Mercado Medieval de hai tres anos tamén provocara a seca de varias das pólas da árbore.

Asi era o poderoso cipres de Corcubion
Así era o poderoso ciprés de Corcubión

Disparidade de opinións

Unha parte da poboación considera o feito un “arboricidio”, como o cataloga Jano Lamas, que lembra que “ano tras ano levan cortan árbores senlleiras, como as que daban sombra á fonte de Corcubión, que se talaron en dous procesos despois da construción de Correos.

O grupo Sempre Corcubión lamenta “a falta de planificación da praza de Castelao é cada vez mais evidente, este goberno debe cambiar as formas de programar as cousas e animamos a que se decida a facelo”. Se ben valora que a tala de abril, no San Marcos, deixou “danos irreparables”, espera que “o concello execute unha segunda parte de plantar outra árbore no sitio, como mal menor”.

Pola contra, outros veciños consideran que a tala desta conífera é necesaria. “Esa árbore, ademais de non ser bonita é un perigo. Deixárona medrar e sen podar, e agora todos corremos perigo, como acontece coas palmeiras. A Praza de Corcubión precisa árbores máis cativas e bonitas”, sinala Francisco Santiago López, fervente amante da natureza, que non pon valor a esa conífera e anima á veciñanza á preocuparse máis por acabar co eucaliptal do monte corcubionés.
Lembra ademais a necesidade de levar a cabo un ordenamento do centro da vila, tendo en conta a necesidade de aparcamento.

Novas relacionadas

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/corcubion/division-opinions-tala-do-cipres-da-praza-corcubion/20190710113228111394.html


© 2019 que pasa na costa

COPYRIGHT 2019 QUE PASA NA COSTA