Martes. 07.05.2024
El tiempo

'MC…VP' é a caña

'MC…VP' é a caña
Case corenta goles e unha incidencia decisiva na práctica totalidade dos anotados polo seu equipo convirten ao canteirán na pedra filosofal da mellor tempada do Baio no século XXI MC posa na súa cervexería 'Río Grande' para QPC Que o fútbol son ciclos é unha lección tan certa como que aos protagonistas das mesmas lles custa moito asumir esa realidade. No caso dun dos 'culpables' do nacemento organizado e federado na Costa da Morte, o século XXI non acababa de devolverlle boa parte do que lle debía a historia no XX. Salvo o ascenso de hai un par de anos e algunha final de Copa, o Club Deportivo Baio coleccionaba máis 'uis' que celebración. Tivo que ser coincidindo co mellor xogador da década cando a explosión de ambos derivase nun clímax que, salvo sorpresa, leve de novo a Platas Reinoso o título de campión da Liga da Costa. Preto de celebrar o seu 27 aniversario, Martín Fuentes Santos (Baio, 1990) é a pedra filosofal do clube da súa terra. Máis alá dos 37 goles asinados, a súa influencia é determinante na casa totalidade dos acadados polos seus compañeiros, xa sexa en forma de asistencias, desmarques ou bolas paradas provocadas. A súa última demostración chegou a pasada semana ante o Corme, con dúas dianas antolóxicas, nun acto multitudinario, e unha afección rendida aos seus pés. Prudente como un veterán e coa cabeza ben asentada desde a súa etapa formativa, as palabras soan máis a agradecemento que a euforia. "Está claro que deportivamente foi un ano moi bo para min porque as cosas están a ir moi ben ben, sobre todo o mais importante que digo siempre, que me respetaron as lesions e eso fai que semana a semana te atopes como debes", confesa. "Teño a sorte de que o equipo confía moito en min, e niso teño moito que agradecer, pero somos un equipo e imos todos xuntos", engade. A traxectoria de MC, resumida en imaxes Coñecido desde as súas primeiras patadas como MC, o alias ven en referencia á tenda familiar de onde saían tódalas botas de fútbol, balóns e demais usados polo Club Deportivo Baio, unha relixión con bautizo madrugador. Nos soños típicos do neno que mama o balompé, seguramente se debuxaron moitas tardes como a que parece próxima a chegar: un Martín protagonista nun título ligueiro do conxunto de seu pobo. "Supoño que se disfruta máis, porque aínda que estivera nouto equipo non o sentiría como sinto o Baio, desde pequeno ía ver tódolos encontros e sufrnía nas derrotas como se xogara, e iso ao final nótase", indica un home que seguramente sexa obxecto de desexo en categorías superiores, pero que ten toda a pinta de ir ser unha sorte de Francesco Totti en braco e azúl e con acento da Costa da Morte. "Non podería dicir o que farei nun futuro, porque realmente non o sei, pero se realmente fixera como Totti estaría moi orgulloso de vestir só esta camiseta", advirte. Algo parecido lle sucedera xeracións atrás ao actual capitán do Baio, curiosamente Martín. Mentres os Josito, Pablo Domínguez e compañía poboaban a Terceira División de Galicia, o seu coetáneo tocaba e desfrutaba a Preferente coas cores da súa vida, un espello onde MC recoñece mirarse con orgullo: "Martín foi o mellor xogador da Costa da Morte, e este está claro que pudo ter chegado máis arriba; cando a el se lle pregunta por iso sempre di o mesmo, que tivo a vida futbolística que quixo ter, e realmente é para sentirse orgulloso, eu non creo que me arrepentise, porque como me tratan aquí sei que non me van tratar en ningún lado, pensas como pudo ter sido, pero arrepentirse de quedar, nunca". Esa mensaxe de amor é mútua e resúmese así: "Para min, o Baio é todo, e máis cando confiaron en min na etapa na que non era sinxelo confiar, e iso sempre o agradecerei; só podo falr ben do Baio por todo o cariño que me dan no día a día". O camiño para chegar a o punto do 'case campión' non foi sinxelo, e polo camiño pode quedar unha víctima espectacular, con números históricos e que poucos daban por asequible derrotar: o Corme. Invicto ata hai menos dun mes, o cadro do Cairo ten nas súas filas ao único home capaz de superar os rexistros de MC: Alejo. Sobre o seu rival e última víctima ligueira e copeira, o atacante baiés subraia: "Non me gusta falar da Liga da Costa, porque quedan partidos e temos que facer os deberes; pero se chega estaría difícil elixir entre esto e o ascenso, porque entón viñamos dun ano malo e ninguén contaba con el; nunca pensamos que sería imposible superar ao Corme, sempre tivemos en mente o obxectivo grupal, e si que houbo momentos nos que despois da derrota co San Lorenzo nos xuntamos e dixemos, a partires de aquí imos a por todas, non podemos errar máis". O resto, é ou será historia do fútbol da Costa.

Comentarios