![A Serea de Muxia]()
Foi en Muxía onde a vin e a escoitei por primeira vez e única, pero bastoume ese pequeno encontro para namorarme dela.
Ben sei que é un amor imposible, que nunca a verei mais e que endexamais a de ser miña, que estou condenado de por vida a amala sen ser correspondido,
pero todo tanto me dá... porque aquela única mirada que me dedicou e que tiña a intensidade de mil lóstregos furibundos,
foi o regalo mis fermoso que nunca ninguén me puido facer.
---
Aló, nos anos oitenta do pasado século, un día de vendaval que pasabamos ao abrigo da dársena da vila muxiá cando aconteceu o noso encontro.
Saín do barco polo serán logo do xantar a dar un paseo e os meus pasos leváronme cara o santuario da Virxe da Barca, alí parei un intre para contemplar o mar. Subido enriba da Pedra de Abalar sentía a forza descomunal do océano bater nas rochas que tremían debaixo dos meus pes . O mar era bravo e de cando en vez as folerpas de escuma que se desprendían da crista das ondas ao romper na veira chegaban a min traídas polo forte vento para mollar a miña faciana de auga salgada e fresca.
No medio do ruxir das ondas crin escoitar unha melodía doce, soaba afastada, para sur, semellaba vir de contra a punta da Buitra. Agatuñei ata o alto da Barca para ver si vía de onde viña esa musica, pero nada vin. Seguín camiñando e baixei pola Rúa da Atalaia levado pola curiosidade que me producía tan fermoso son, hasta que deixei atrás a última casa da vila e cheguei a unha pequena praia ; Alí soaba con forza o cántico prodixioso que eu escoitaba e que me tiña hipnotizado. Non pensaba, non sentía, apenas rexia, tan só escoitaba e cada vez mais preto o doce son da melodía.
Agora podía sentir ben que era a voz dunha muller o que se escoitaba , pero non podía entender o que dicía a cantiga entre as notas de tan senlleira melodía.
Un pasos máis e por fin a vin, pero, pero... non, non podía ser, os meu sentidos estábanme a xogar unha mala pasada. Non podía crer o que os meus ollos me ensinaban, unha serea de longos cabelos negros , xenerosos peitos e rabo de peixe en lugar de pernas, estaba a cantar sentada sobre unha rocha a escasos metros da veira. O mar que batía con forza na pedra non inquietaba á serea que se mantiña firme, coa mirada fixa na afastada liña do horizonte e entoando aquela melodía que a min me levou hasta onde agora estaba.
Non sei canto tempo pasei mirando para aquela vision, non o sei, solo sei que o mundo parou de xirar ao meu redor e que nada do que coñecía , sabia ou tiña, me importaba xa, só estaba o infindo, a serea, a melodía e máis eu. De pronto cesou o seu canto, e o mais inquietante dos silencios apoderouse de todo o universo , a angustia por non escoitala oprimíame o peito de tal xeito que pensei morrer, ou tolear, ou eu que sei! Pero aínda que se apagase o mundo ou que as chamas do mais terrible inferno me consumisen , non era eu quen de apartar a miña mirada da súa silueta sobre a rocha . De súpeto , paseniñamente comezou a xirar a cabeza cara a min e a súa mirada pousouse nos meus ollos; Creo que solo foi un segundo o que me mirou, pero a min pareceume toda a eternidade, logo deixouse esvarar da rocha onde pousaba e afundiuse entre as ondas para xa non saír máis.
Eu fun recobrando o sentido pouco a pouco ata darme conta que estaba metido no mar até a cintura ... Fun camiñando de volta para a praia cheo dunha serenidade que nunca antes experimentara, desbordado por un sentimento de amor e de ledicia que xamais volvín a vivir nin a sentir.
Nunca máis a vin a pesar de que cada vez que volvo co meu barco a Muxia e me achego a mesma praia e miro na mesma rocha, xamais se volveu amosar . As veces cando no barco en que traballo pasamos preto de algunha rompente os días de temporal, creo volver a escoitar aquela doce melodía, e se pecho as miñas pálpebras, podo volver a sentir aquela mirada , mirada que foi capaz de namorarme en un solo segundo, para toda unha eternidade.
A Cara máis íntima do naufraxio
Máis información
Novas relacionadas
Artigos relacionados