Domingo. 20.10.2019
El tiempo
16:30
23/12/11

O Arte o Artón e mais os Artistas

O Arte o Artón e mais os Artistas

A inmigración catalá nos portos galegos foise facendo periódica desde a segunda metade do século XVIII, percorrendo o litoral para asentarse onde crían oportuno, en busca sempre, aínda dentro dunha mesma ría, dunha rada, unha cala ou enseada na que o atraque das embarcacións fose doada e sen risco. Alí erguían a fábrica coa casa - vivenda anexa e construían un atracadoiro. Varias destas familias afincáronse na ría de Muros.

Para estes empresarios, que revolucionarían a industria da salgazón, resultaban lentos e con escaso poder de captura os métodos de pesca utilizados polos mariñeiros locais. Non eran axeitados nin suficientemente eficaces para prover de materia prima ás fábricas, pois as súas aspiracións comerciais non se limitaban a prover unicamente o mercado nacional, senón a facer acto de presenza no mercado exterior. Italia, Francia, Inglaterra, Alemaña... para as redes do xeito estableceron en Muros unha lonxitude de 84 metros cunha altura de cincocentas mallas e como cada embarcación levaba un conxunto de seis ou sete pezas, acadaba unha lonxitude total de entre cincocentos catro e cincocentos oitenta e oito metros. Estas medidas sobresaian grandemente as descritas nas ordenanzas doutras rías.

O método de salgadura traído polos cataláns contrastaba enormemente co tradicional usado polos muradáns. Mentres que estes, nunha labor lentísima e verdadeiramente artesanal, lañaban as sardiñas unha a unha e colocábanas en estibas dentro das barricas, salgando cada unha, os cataláns salgaban a sardiña enteira, como chegaba do mar, revolvéndoa con pas de madeira e guindándoa sen interrupción dentro dos lagares, que dispuñan dunha capacidade cada un de douscentos milleiros. Logo de transcorridos quince ou vinte días procedíase á estiba e ao prensado. A elaboración era constante e diaria durante toda a costeira, e a pesar da innovación que supuñan as redes de maiores dimensións, non eran aínda suficientes para fornecer as fábricas, e por iso tiveron que recorrer ao uso da tan debatida e deostada xávega que deu lugar a un famoso e longo preito entre muradáns e cataláns. Á xávega coñecíase en Muros co nome de arte e cando tiña dimensións colosais chamábana artón e aos mariñeiros que traballaban con ela, artistas.

Máis información

A Cara máis íntima do naufraxio

Máis información

Novas relacionadas

Máis novas

Artigos relacionados

Fonte

comentarios