Martes. 19.03.2024
El tiempo
Domingo Guerra
10:49
15/10/20

Suspensión das regras fiscais

Imaxe para o artigo
Imaxe para o artigo
Suspensión das regras fiscais

Supoña que, durante un tempo, fose capaz de aforrar e que deposita os cartos nun banco –recoñezo que se trata dun exercicio ben difícil de imaxinar, pero en fin...–. Considere, ademais, que por imperativo legal (neste caso pola Lei Orgánica 2/2012, do 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira), non puidera usalos ou que tan só lle permitiran retirar unha pequena porcentaxe para investir no que quixera. Pois ben, esta é a situación na que se atopaban, ata o de agora, os nosos concellos.

Pero, afortunadamente, a cousa vai mudar. Porque, coa suspensión, este ano e o seguinte, das regras fiscais: estabilidade orzamentaria, regra de gasto e límite de débeda, os concellos poderán facer uso dos remanentes de tesourería e contribuír, deste xeito, á recuperación económica que tanto falta fai.

Aparte desta boa noticia, outras consecuencias positivas da desaparición destas rixideces son as seguintes:

  • Os concellos non terán que continuar cos axustes derivados dos Plans Económicos Financeiros presentados no exercicio anterior, que parecen máis apropiados para empresas privadas inmersas en dificultades financeiras graves ás que os acredores esixen solvencia, en vez de instrumentos de planificación estratéxica pensados para entidades públicas que, por motivos conxunturais, atravesan problemas de liquidez.
  • Os superávits non se destinarán de forma obrigatoria a reducir débeda.
  • Xa non será necesario cumprir coa regra de gasto, que impedía que se puidera gastar máis dunha cantidade determinada con respecto ao exercicio precedente.
  • Cando se aprobe o orzamento, que obviamente debe estar equilibrado ou presentar superávit, non será obrigatorio que os gastos se sufraguen con ingresos non financeiros, é dicir, que en determinadas circunstancias poderase recorrer ao endebedamento.

Con todo, a suspensión das regras fiscais non afectan ao réxime de autorización de operacións de préstamo e tampouco ás obrigas do cumprimento do período medio de pago a provedores, cuestión, esta última, que consideraba e considero fundamental, sobre todo nestes tempos.

Como tamén consideraba esencial que os remanentes de tesourería se utilizaran libremente; como tamén opinaba que, nunha situación de crise, como a actual, non era sensato destinar de forma obrigatoria os aforros dos concellos a reducir débeda; como tamén sostiña que a regra de gasto era unha inutilidade; e, por último, como tamén defendía o absurdo que me parece coartar a liberdade dos dirixentes municipais para aprobar as políticas económicas a través dos respectivos orzamentos.

Son consideracións, todas elas, que rubriquei neste espazo de opinión e que sigo subscribindo.

OUTROS ARTIGOS SOBRE ECONOMÍA MUNICIPAL DE DOMINGO GUERRA

Comentarios