Martes. 23.04.2024
El tiempo

Para o vindeiro ano

Mulleres da Buserana no 8 de marzo de Cee
Mulleres da Buserana na manifestación do pasado 8 de marzo de Cee
Para o vindeiro ano

Agora que xa pasou o día gustaríame facer un par de peticións para o vindeiro ano:

Cómpre lembrar que o 8 de marzo é o Día Internacional da Muller, día no que se conmemora a loita da muller por conseguir os mesmos dereitos que os que teñen os homes, máis aló do que recollen as actuais leis, e en prol dunha igualdade real na sociedade.

É, polo tanto, un día de loita do feminismo e saímos ás rúas a berrar polos nosos dereitos. Ademais de reivindicalos cada día con outras accións, ese día poñemos o foco sobre todas as nosas reivindicacións e sobre a nosa visibilidade na sociedade.

Ademais de loitar para que as institucións promovan leis e accións políticas que recollan esas reivindicacións e as doten de suficientes recursos para que non caian en saco roto, pode estar ben que as institucións fagan actos conmemorativos e estendan as actividades de visibilidade da muller a todo o mes de marzo.

Pero gustaríame desde aquí facer unha petición ás institucións, sobre todo a aquelas con gobernos que se supoñen progresistas e, polo tanto, feministas: por favor, deixen o 8 de marzo como día da loita, reivindiquen e apoien a necesidade da loita do feminismo, sexan valentes e deixen os actos institucionais (ás veces ben interesantes, por certo) para os días anteriores ou posteriores. Apelo á súa sensibilidade feminista para que cambien o chip e para que, cara o vindeiro 8M, limiten as actividades dese día a difundir e apoiar as accións reivindicativas máis próximas. 

Por outra banda, é tradicional felicitar as mulleres este día e non teño moi claro o motivo desa felicitación nun día no que reivindicamos acadar a igualdade que aínda se nos nega (teño unha teoría particular sobre a posibilidade de que nos tempos da ditadura se lle dese a volta á posiblemente xa existente celebración reivindicativa deste día polas mulleres da clase obreira; é só unha especulación miña, sen base rigorosa), pero na miña opinión e despois de todo o explicado máis enriba, cando se nos felicita este día estás a dicir:

Parabéns mulleres, por sufrir acoso laboral, desigualdade salarial aínda desenvolvendo o mesmo traballo que os homes. 

Parabéns por sufrir acoso nas aulas; parabéns porque as achegas das mulleres á Historia e ao progreso da Humanidade foron e seguen sendo silenciadas nos libros de texto. 

Parabéns por ter os traballos máis precarios e os peor pagados. 

Parabéns por soportar sobre os vosos ombreiros unha dupla xornada laboral ao ter un traballo fóra da casa e ser as que facedes as tarefas do fogar en moita maior medida que os vosos compañeiros.

Parabéns por soportar sobre os vosos ombreiros unha tripla xornada laboral cando, ademais do anterior, vivides no rural e tamén o tedes que atender vós a horta e os animais da casa. 

Parabéns mulleres porque, se as vosas criaturas enferman na escola, será a vós a quen chamen para ir buscalos, aínda que traballedes como o pai. 

Parabéns mulleres porque no noso Estado unha de vós é violada cada 5 horas. 

Parabéns porque o xuíz vos pode preguntarvos sen ruborizarse se pechastes ben as pernas ou porque xulgará se a vosa roupa interior era demasiado atrevida para considerar se foi sexo consentido.

Parabéns mulleres porque esta fin de semana tres mulleres foron asasinadas en 48 horas.

Parabéns mulleres porque os vosos corpos son campo de batalla na guerra electoralista dos partidos de dereitas na loita por ver quen ten a ideoloxía máis extrema 

Parabéns mulleres porque se están cuestionando e discutindo os vosos dereitos, tentando retornarvos ás cociñas dos fogares e aos valores da sección feminina.

……e tantas outras cousas que quedan por engadir á lista. Pero estou segura de que xa vos decatades de a que me estou a referir. 

Por iso, pídovos que o vindeiro ano animedes ás mulleres a seguir coa loita pola igualdade, difundades entre as vosas amizades os actos reivindicativos que teñades máis cerca e que acudades a eles para sumarvos á nosa loita se queredes facer algo parecido a unha felicitación.

Por que PASOU O DÍA, PERO NON PASOU O ROMARÍA. A LOITA FEMINISTA CONTINÚA.

  • Fátima Rodríguez.

 

Novas relacionadas

Entrevistas 8M

Artigos 8M

Comentarios