Xoves. 25.04.2024
El tiempo
Hector Pose
09:40
03/05/12

Domingo de fútbol

Domingo de fútbol

Acordo unha segunda cita ás portas do remozado campo de fútbol do Buño SCD, Xaviña. A véspera, na mesma mesa onde amasa pan á vella usanza, José Luis Calvo “Morilla” estricou os seus recordos. Fotos, recortes de prensa do “Riazor” e “EL Ideal Gallego” así como un vizoso anecdotario, ían das mans á boca deste ex xogador nos anos 60 do Ponteceso SD. Espile datos e nomes, rememora aliñacións e sucedidos atropeladamente, pois córrelle tanto a lingua como a cabeciña. Diante dalguha das instantáneas pingadas de fariña, a emoción e o tempo transcurrido, faino dubidar no dato preciso. “Si oh, este é David Vidal e este, sabes quen é este? Luís Suárez, daquela no Inter de Milán, cando xoguei con el na inauguración en 1969 do campo municipal de Ponteceso contr o RCDeportivo!” Si? E que tal? “Dicíame, siete, menos toque e máis correr, que aquí la técnica ya la pongo yo”.

Mais iso foi onte, depois de pasar polo arquivo personal dun pai e fillo volcados no club local, Emilio Calvo e Emi. O proxenitor, ex xogador do Ponteceso SD e do Buño SCD, directivo e adestrador das categorías inferiores e dun equipo feminino local, posúe un amplo fondo documental que ben podería rematar nun fermoso libro sobre o Buño SCD. Ao seu carón, un lanzal mozo, o mesmo que leva 22 anos distribuindo xogo no centro do campo do club oleiro, escoita respectuosamente tanta vida ida.

Mais o dito, foi onte. Este serán de partido dominical, mentres os xogadores do Esteirana e Buño quentan ás ordes do incombustible Esmorís, outro referente no fútbol da Costa da Morte nos oitenta, Morilla e máis eu adentrámos nas taquillas. Un humilde salón de trofeos inzada de copas, obxectos de feitura oleira, bandeiríns e imaxes e que unha matrícula anuncia no frontispicio do campo. Foto a foto, comentando quen era quen, xurdiron as lagoas propias da memoria. O tempo traballa. Meu informante entra e sae á luz morna da tarde e volve cun gol do Buño. Nalgún intre da recollida informativa, alí se xuntaron xogadores da fornada actual, outros de décadas atrás como Arturo Novo, mesmo “Cachiño”, hoxe directivo e nos anos 50 cancerbeiro do Esteiro FC.

E foron caendo os minutos, os relatos adheridos ás imaxes sepia e os goles do partido entre a algarabía dos seareiros nas bancadas. Escoitei a Morilla e ós demáis. Escoitei o balbordo provinte dos amoreados na cantina. E escoitei o golpear do balón, o alento do esforzado lateral, o pitido do colexiado… para logo verquer tal mexunxe de vida na ola que o deixará fermentar…

Artigos do Mar de Paixón

Novas relacionadas

Máis información

Crónicas da semana

Máis novas

Fonte

Comentarios