Venres. 29.03.2024
El tiempo
José Luis Louzán
20:00
12/01/20

Non me representan

Non me representan
Foi difícil, que duda cabe. Dicía Churchill, unha referencia que ten tantas luces e sombras coma os seus periodos de goberno, que ”a democracia é o peor dos sistemas políticos, con excepción de todos os demais”. O visto estes últimos días ao fío da investidura do primeiro goberno de coalición da democracia en España fai boa esta frase, alo menos para admitir coma normal o comportamento da dereita e dos seus adlateres.

Dende o PP e as súas escisións escoitamos todo tipo de improperios, pero quero quedarme con un, ao fio do apoio de ¡Teruel Existe! ao goberno en coalición. Os Casado, Abascal e Arrimadas de turno espumaraban pola boca mentres chamaban a arrebato contra os turolenses e pedían dende boicots á provincia ata a cabeza de Tomás Guitarte, polo civil ou criminal. Houbo que poñer escolta ao representante legalmente elixido polos aragoneses de Teruel para que puidera ir votar sen perigo para a súa integridade física. Aínda a leva.... a escolta. Así se tramita a cousa dende a dereita. Ide tomando nota.

O gracioso, si algo o ten, en toda a cuestión é o que fai que ¡Teruel Existe! poida resultar crucial para sacar a esta parte da “España vaciada” do ostracismo e a morte lenta na que esmorece dende hai décadas. ¡Teruel Existe! está no parlamento xogando un papel crucial gracias tan so a 19.696 votos. Quédade con esta cifra, porque a clave de todo está aquí e é importante recordala.

Un pensa na de veces que a Tomás Guitarte, o parlamentario e voceiro de ¡Teruel Existe!, e ao resto dos seus compañeiros e compañeiras alguén lles dixo que o que facían presentándose era “dividir un voto que concentrado estaría mucho mejor representado”. Esto, en estadística, cae de caixón. Si xunto os case vinte mil votos do partido independente a PP ou PSOE en Teruel estes lograrían outro importante escaño dos 2 de diferencia que o goberno de coalición precisou para chegar a ser investido. Aínda máis, se os xunto cos máis de 75.000 que recabou Podemos nesa circunscripción para lograr tan só un deputado, igual os de Iglesias terían sumado eses 2 deputados. Pero, aquí vai o importante, ¡Teruel Existe! nunca se considerou representado por ningunha desta formacións e logrou, así, ser parte de algo que pode dar a volta a unha tendencia que aboca a extinción.

O BNG vén de voltar ao congreso. O papel dos independentistas na investidura foi destacado tamén nalgúns medios, por considerar que a súa postura pode levar a que Galicia logre a fin algunha das innumerables demandas que leva décadas pedindo sen éxito. Cabe lembrar que o BNG chegou a ter ata 3 deputados sentados en Madrid, sen que ningunha desas demandas chegase a concretarse. De igual xeito, o BNG chegou a gobernar en coalición Galicia dende 2005 ata 2009 e tampouco mudou absolutamente nada. Ter un discurso de máximos cando non se manda en nada é difícil de compaxinar con resultar totalmente inútil cando se ocupa un sillón. Tal vez por isto, entre outras razóns, houbo non poucos que consideraron que o BNG non os representaba e decidiron ir pola súa conta.

De igual xeito eu podo pensar que si algunha vez queremos que a Costa da Morte conte con comunicacións dignas do século XXI, industria e oportunidades empresarias ao xeito e un futuro posible que non pase pola absoluta desertificación e o abandono máis absoluto, o que deberíamos facer é presentarnos por separado a unhas eleccións. Obviamente, non poucos dirán que ese sería un xeito máis de división do voto e que sería negativo, claro. Pero logo un lembra que só entre a Comarca de Fisterra e o Concello de Vimianzo sumamos máis electores que os que precisou ¡Teruel Existe! para chegar ao Congreso e a cousa se pon interesante.

Para máis inri, co resultado do partido aragonés unha formación nunca tería chegado ao parlamento galego, porque 20.000 votos nunca chegarán a ser o 5% dos votos emitidos, unha porcentaxe máxica que Fraga instaurou coma o mínimo necesario para poder acceder a cámara galega. A idea, coma sempre, é que a posibilidade de debate se reduza a un número de forzas que un, dende unha maioría simple, poda controlar. E isto de ter contentos a 19 partidos nun hemiciclo é máis ben complexo. Moi democrático, tal vez, pero complexo.

Pero especulemos. Poñamos que un grupo de mulleres e homes da Costa da Morte deciden presentar unha candidatura de territorio para tentar dar cumplimento real as demandas da zona, a vista de que case 40 anos despois seguimos case igual que estábamos nos grandes trazos. Un cacho de autovía e un hospital, e andando.

Ben, ese grupo de utópicos cidadáns montan unha agrupación de electores, se presentan e sacan 28.900 votos. Con ese número de sufraxios o lendario Anxo Guerreiro entrou no parlamento no ano 81 do século pasado polo Partido Comunista. Naquel tempo acudían as eleccións un grande número de formacións con opcións, algo que volverá a pasar moi probablemente este 2020 coa atomización da esquerda e a máis que probable aparición de candidaturas de Ciudadanos e Vox. Por pouco que quiten, algo quitarán, e isto fai máis probable que algo coma o sucedido na primeira lexislatura da democracia en Galicia poda voltar a suceder.

Así que ese grupo de homes e mulleres do que falaba se presenta e, por unha marxe minúscula, logra representación e se converte en chave de goberno.

Voila!, a Costa da Morte xa conta con representación e negocia co futuro goberno (de coalición, por suposto) que porá en marcha as tan demandas obras (autopista, comunicación de alta capacidade con Compostela, rede ferroviaria, conexión do porto de Cee cunha via de alta capacidade, mais chan industrial a prezos competitivos, rebaixa fiscal para quen invista no territorio.... ) e en 4 anos a cousa muda de tal xeito que a bisbarra deixa de perder poboación e se converte nun referente do desenvolvemento do rural en Galicia e en Europa, a altura da Bretaña francesa, os Paises Baixos ou Dinamarca.

Si, xa sei, utopía e castelos no aire sen nengún fundamento. Xusto o que foi sempre ¡Teruel Existe! ata que se presentaron a unhas eleccións e lograron o imposible.

No goberno de coalición hai unha ministra galega, o partido de goberno conta con outro representante elixido baixo a marca Grupo Común da Esquerda, pero quen me representa son Nestor Rego (el só, fóra do goberno e no grupo mixto) ou Feijoo (aquí xa escacho coa risa, en fin). Ao mellor a min, a quen me sigue marchando a luz cada dous por tres aínda que non chova nin vente en 15 días, a quen me sigue levando horas chegar a calquera nucleo urbano, a quen me retiran servizos e coberturas en sanidade e emprego, a min ao mellor non me representa ninguén e o que preciso é representarme eu mesmo, coma Tomás Guitarte e compañía.

Ao mellor precisamos menos promesas e máis decisión. Porque en esencia, non me representan. Ningún.

E a ti tampouco.

 

OUTROS ARTIGOS DE JOSÉ LUÍS LOUZÁN

DE QUE ESTAMOS FALANDO...

INFORMES SOCIOECONÓMICOS DE JOSÉ LUÍS LOUZÁN

Comentarios