Mércores. 29.01.2020
El tiempo

Os datos demográficos que nos levan á Irrelevancia

Datos demograficos Costa da Morte. Fonte: IGE/INE
Datos demograficos Costa da Morte. Fonte: IGE/INE
Os datos demográficos que nos levan á Irrelevancia

A irrelevancia a un paso. O dato do censo que como cada ano cae coma unha lousa sobre a Costa da Morte ofrece un ano mais a súa peor cara.

A poboación segue caendo en picado e varios concellos se achegan ao precipicio da desaparición “de facto”. A tendencia segue a ser dramática ao amosar que non só non existen medidas para revertir esta situación senón que a actual administración autonómica carece de ningún plan nin idea coa que traballar en que isto cambien dalgún xeito.

O panorama di que nunha xeración a Costa da Morte (na súa versión máis extensa) perdeu o equivalente a poboación de Carballo, nada menos que 34.545 veciños menos dende os anos 80 ata hoxe. Concellos coma Carnota (-3.256), Coristanco (-4.240) ou Ponteceso (-4.565) destacan coma os municipios onde a caída foi maior en número pero, porcentualmente, ademais da mesma Carnota, outros municipios presentan datos alarmantes, que apuntan a unha situación de practica desaparición en cuestión de décadas.

Coma exemplos máis cercanos, Mazaricos pasou de estar por enriba dos 7000 censados a preto dos 4500 en 25 anos. No mesmo tempo Dumbría pasaba de rozar os 5000 habitantes a baixar por primeira vez dende os albores do século vinte dos 3000 (2.893) cunha perspectiva clara de caer ainda máis nos próximos anos. De feito, Carnota, que perde a cota dos 4000 habitantes e Muxía, que perdeu a dos 5000, se suman a Mazaricos, que tamén cae por debaixo dos 4000 residentes.

Só dous concellos (tres en realidade, aínda que Corcubión non se ten en conta en cuestións estatísticas pola súa reducidísima cantidade de residentes) manteñen o tipo, Carballo e Cee. Mentres a capital de Bergantiños medraba en 88 residentes máis, Cee perdía 30, pero mantense nos 7546 censados. A vila da Xunqueira presenta unha tendencia curiosa, e conta case coa mesma cifra de residentes que tiña aló polo 1981 (só 15 máis que daquela). Carballo, nembargantes, congrega a máis de 5600 veciños novos con respecto a aquela época, confirmando a concentración de residentes nos núcleos urbanos. 5000 novos veciños que se foron perdendo, por exemplo, entre Laxe, Coristanco ou Cabana.

Pero os datos son aínda máis reveladores si os miramos con atención. Por exemplo, se os miramos por idades. O grupo dos residentes con entre 20 e 34 anos de idade, o grupo de idade que máis se ve afectado pola precariedade laboral, a falla de perspectivas de futuro ou a falla de opcións e calidade de vida, amosa as claras por onde está perdendo poboación a Costa da Morte. Uns poucos exemplos.

Entre o inicio e a fin destas dúas décadas (entre 2002 e 2019) Cabana perdeu 527 veciños, homes e mulleres, nesa franxa de idade, (case o 50% dos que vivían alí en 2002). Coristanco perdeu case 1000 veciños neste grupo de idade (902) e Ponteceso nada menos que 643 mozos e mozas de entre 20 e 34 anos. Ollo, porque para quen pense o contrario, nin Carballo escapa a esta tendencia: a pesar de medrar en poboación, na última década abandonaron a capital bergantiñá 2.327 mozos e mozas nese tramo de idade. É dicir: nin sequera Carballo ofrece alternativas suficientes a estas persoas como para que decidan quedarse a vivir ali.

Por certo, para os da “polémica” pola carencia de bares de copas de referencia en Cee para a noite de fin de ano. Tal vez, si os probables consumidores da noite do 31 de Decembro en Cee fosen algún dos 1.593 mozos e mozas que residían na vila en 2002 abrir un local sería máis rendible que para os 1.133 que viven na vila na actualidade (460 menos en 16 anos).

Así, a vista dos datos, a realidade é teimuda. A bisbarra esmorece entre medidas como a máis recente da Xunta, que anuncia que priorizará as inversión municipais en parques infantís para dotar de “calidade de vida” o rural galego. Un anuncio que sería unha broma se non fose de mal gusto. Os 140 nenos de entre 0 e 9 anos que perdeu Dumbría dende 2002 ata hoxe ou os máis de 170 que desapareceron da estatística en Muxía nese mesmo periodo estarán encantados de poder xogar nun novo parque infantil. Onde queira que vivan agora... En fin...

A irrelevancia está máis preto que nunca. O debate sobre a necesidade de fusionar servizos medra a mesma velocidade que se debate si é necesario comunicar debidamente un lugar onde, a fin e ao cabo, non vive ninguén. Curiosamente en Cee hai máis nenos de entre 0 e 9 anos que hai 20 anos, 69 máis para ser exactos. Un dato máis para apoiar que pechar o paritorio sería unha burrada só a altura dun goberno tan criminal e incompetenmte coma o da Xunta na actualidade.

Parafraseando de noivo a Manuel Antonio...

“E fomos ficando sos,
o mar o barco e mais nos”.

Novas relacionadas

Comentarios