Venres. 19.04.2024
El tiempo

Lepiotas mortais

Lepiotas mortais

Hai un par de semanas foi portada en varias televisións a intoxicación dunha familia catalá por inxestión de cogomelos. Nos noticiarios mostrábase o cogomelo responsable desta grave intoxicación con todo luxo de detalles e identificábana como unha Lepiota. En concreto tratábase dunha especie doada de identificar: Lepiota brunneoincarnata.

O nome de "lepiota" dáse na nosa zona a uns cogomelos totalmente diferentes que pertencen ao xénero Macrolepiota e que non debemos confundir coas especies do xénero Lepiota, causantes da intoxicación. O xénero Macrolepiota componse de especies robustas de gran tamaño, co sombreiro escamoso, de 10 a 30 cm de diámetro, láminas brancas, pé moi fibroso, cun anel amplo e móbil e a carne branca que non cambia de cor. Se a carne do pé cambia de cor ao corte e se volve pardo avermellada, debemos desbotala, pois estamos ante outro grupo potencialmente tóxico, o xénero Chlorophyllum.

O xénero Lepiota componse de numerosas especies de pequeno tamaño, moito menos robustas que as anteriores, co sombreiro escamoso que non adoita superar os 8 cm de diámetro cando está aberto, láminas brancas e un pé con anel simple ou pouco aparente que nunca é móbil. Dentro deste xénero están identificadas 14 especies potencialmente mortais, coas mesmas toxinas que Amanita phalloides.

Na zona de Camariñas houbo unha intoxicación moi grave nos anos oitenta e particularmente coñezo outra intoxicación grave na zona de Santiago hai dez anos, todas elas provocadas por Lepiota brunneoincarnata. Nos dous casos a confusión produciuse con especies do xénero Agaricus, chamados popularmente champiñóns. A confusión das especies do xénero Lepiota coas de Macrolepiota é moi difícil, polas diferenzas claras de tamaño e as características do pé, pero é moito máis doado confundilas con especies de Agaricus, sobre todo cando están pechadas e cando a falta de pericia do colleiteiro impide fixarse nas láminas do himenio, que sempre son coloreadas nos champiñóns, rosadas ou pardas, e brancas no xénero Lepiota. Cando recollemos champiñóns sempre temos que fixarnos na cor das láminas, nunca deben ser brancas, e se están están pechados teremos que comprobar a cor das láminas un a un.

E como sempre se di, nun reino como o dos fungos con miles de especies, nunca estaremos seguros de determinar unha especie por unha guía se non a coñecemos perfectamente ou se non recorremos á experiencia dunha persoa que sí a coñece sen ningún tipo de dúbidas. No caso contrario absterémonos de comelas e quedamos todos tranquilos.

A gozar deste marabilloso mundo e prudencia cando o que pretendemos é gozar gastronómicamente.

  • José Manuel Castro Marcote (jmcmarcote[arroba]quepasanacosta.gal), da Asociación Micolóxico Naturista Pan de Raposo.

Nocións micolóxicas con José Manuel Castro Marcote

Máis novas micolóxicas

Outras novas

Comentarios