11.000 novos cretinos

- Escoita este artigo -di Lady Chorima ao verme aparecer na cociña.
- Mellor non, chégame coas eleccións de onte -respondo deprimida.
- Mala chispa te coma. Atende! Sabías que o ano pasado España sumou 11.000 novos cretinos?
- Iso explica todo -comento con resignación.
- Miña ghalana, non interrompas!
“En cifras absolutas, o país contaba ao peche de 2019 con 235.000 idiotas, un aumento do 5% con respecto ao ano anterior. O informe mundial elaborado pola consultora Boomerang sitúa o país no posto número 14º da clasificación global, un por detrás de Australia e tres por diante do Canadá.”
- E quen vén sendo primeiro?
- Non o di, pero podes imaxinalo...
“A enquisa na que se basea o informe -que inclúe a 71 países que representan máis do 98% da necidade global- realizouse entre xaneiro e febreiro de 2020, polo que non se ve reflectido o impacto da crise xerada pola covid-19. O ano pasado, segundo o índice de Boomerang, rematou en máximos históricos para as 500 persoas máis estúpidas do planeta, que aumentaron a súa estulticia nun 25%...”
- Pero, de onde sae ese informe?
- Do País.
- O País! Deus que o fundou! Non dou creto -digo cortando o moño do molete e levándoo á boca-. Aínda se pode ler ese xornal?
- Dilo por neoliberal?
- Dígoo porque cada vez que abro a aplicación queda colgada... En fin, sigue, que está interesante.
“Segundo este estudo, as rexións de América do Norte e Europa presentaron, respectivamente, cerca do 11% e do 9% do crecemento dos seus grandes panocos, e superaron a Asia-Pacífico por primeira vez desde 2012...”
- Os líderes políticos computan dobre ou triplo?
- Eu creo que máis. E os grandes lobbies na sombra, lariala... Xa remato:
“Aníbal Tuse, director executivo da área de Servizos Sociais de Boomerang, asegura que o actual contexto é dunha “extraordinaria incerteza” e que os xestores “navegan en augas descoñecidas”. E engade que “esta época imprevisíbel pode tamén brindar ás empresas a oportunidade de reformularen e de reinventaren o seu capital e modelo operativo para seren aínda máis limitadas e obtusas”.”
- En Twitter poden atopar moitas ideas -comento sacando a marmelada.
- E no caralibro! E nas demais! A xente non é ben. Pero atende, que chega o final:
“Mentres, 12.000 persoas morren cada día a consecuencia do "virus da lucidez" segundo denunciou onte Intermón-OXFAM.”
- E nós, seremos poboación de risco?
- Non o sei -responde Lady Chorima gardando o móbil-. Parvas non somos.
- Nin tan lúcidas.
- Bo -di alcanzando a súa cunca-, igual cómpre tomar precaucións.
- Lola Rontano: Artivista marciana e profesora de francés residente na terra galega desde 2003.
Outros artigos de Lola Rontano en QPC
- En modo “natureza”: Carta aberta á veciñanza da Costa
- O futuro na liña vermella. De ratos e de humanos.
- Aburiño, Arxentina. Sobre as cores de identidade.
- Baixo a praia están os lastros (Novas austroatlánticas)
- Vindicación da Ponte entre Arxentina e Galicia: Ser muller, hipoacúsica e inmigrante.
- A nosa cinza.
- 50 anos de Stonewall: 28 de xuño, día do orgullo a toda costa.
- Disforia post-electoral.
- Bixby en Viena con Ultravox e as últimas eleccións.