Xoves. 09.07.2020
El tiempo
Lola Rontano
10:19
03/03/20

O futuro na liña vermella. De ratos e de humanos

O futuro na liña vermella. De ratos e de humanos

- Bótalle un ollo ao vagón –murmura Lady Chorima de pé, ao meu carón, agarrada a unha das barras metálicas-. Imaxínao dentro de dez anos.

Viaxamos de Sol a Goya na liña 2, entre decenas de individuos sos, grupos de amigues, familias, xente que volve e xente que vai. Son as once da noite do derradeiro venres de febreiro e a gran maioría non levantamos cabeza das pantallas dos móbiles.

- Como cres que será viaxar en metro dentro de dez años? –insiste Lady Chorima.

A min, que xa me custa imaxinar a miña vida nunhas semanas, a pregunta dame vertixe. Tería que meterme na pel do Xulio Verne o da Úrsula K. Le Guin para tratar de adiviñar o tempo futuro, esa nebulosa aínda irreal e tan escura como os túneles polos que avanzamos. Como imaxinar o futuro, oes, ese que xa nos ten zarandeado e pasado por riba tantas veces nas últimas décadas?

- Non sei –respondo-, pregúntalle a Bixby, a ver que conta.
- Xa o fixen! Pero faise a tola e sae con calquera outra cosa. Está claro que nuns anos, en lugar de móbiles, levaremos implantes. Como cíborgs. Estará todo aquí –di tocándose a fronte co índice-. A xente xa non terá que relacionarse en persoa, mandará aos seus avatares. Algunha vez pensaches como serán as comunicacións?
- Si. E o que máis me preocupa son a sintaxe e máis a ortografía desas comunicacións.

Mentres falo pasan polo meu maxín imaxes posibles: o vagón onde estamos invadido de hologramas de xogos, música e ficcións que se atropelan, mentres os seus donos se piden desculpas ou se miran mal, ou se espían, ou directamente se ignoran.

- A tecnoloxía –dígolle eu- dominará todo, xunto coas redes sociais. Como no capítulo aquel de Black Mirror.
- Non me digas! Pero si iso xa foi, rula. Eu pregúntome cousas como se seguirá casando a xente. Se continuarán os bautizos e as primeiras comunións. Se funcionarán as hipotecas e o papel moeda…
- Fixo. Haberá xente por pagar aínda.
- Viviremos en parella ou en tribo? Existirá o poliamor libre?
- Mira, das primeiras cousas, case seguro nada cambia.
- E seguirá morrendo a xente de fame? Terá que cruzar o Mediterráneo escapando? Imaxina as vellas e as novas epidemias camiñando xuntas, ou as pragas de lagostas emigrando do corno de África cara a rexión do Véneto, en busca de cobertura mediática. Imaxina o terrorismo que vén, o machismo actual! Haberá escravas sexuais en dez, en vinte años?
- Costa moito pensar a sociedade futura–respondo, sobrepasada-. Eu vexo vagóns de pasaxeiros con máscaras para se protexeren dos outros. Ou directamente con máscaras de carbono, a causa dos niveis de contaminación do ar. Luvas para non entraren en contacto con fluídos alleos e gafas para veren unha realidade á carta.
- Eu creo que haberá ataques continuos ameazando as telecomunicacións. E os futuros internautas serán xeracións sen memoria, sen coñecemento do que foi antes do presente continuo que estarán vivindo, presas desa ignorancia. Si todo iso cae, que vai quedar do coñecemento anterior? Non quixera soar pesimista, pero vexo xente cada vez máis desvinculada, vivindo en cidades cada vez máis grandes e a Galiza e as Españas baleiradas cada vez máis extensas, máis inhóspitas.
- E cunha sociedade cada vez máis idiotizada –apunto eu-. Ti cres que viviremos o apoxeo do estupidismo antropocénico?
- E quen che di que non está aquí xa? A revolución dos 140 caracteres chegou hai tempo.
- Boh! Agora son 280.
- Si, claro, para recheo de emojis. O outro día vin na tele un programa sobre avances nos estudos da neurociencia. Disque xa é posible transcribir e proxectar os pensamentos. Hai científicos que estudian como modificar os pensamentos experimentando con ratos aos que obrigan a facer cousas, imaxinas ata onde podemos chegar?
- Non é tan simple porque non sempre pensamos con palabras.
- Non, parece que o que fan é proxectaren as imaxes que se forman no noso cerebro.
- Non está nada mal, a mi encantaríame poder imprimir os soños –respondo-. Por certo, onde baixamos?

O metro para en Manuel Becerra: temos que saír e tomar a dirección contraria, sen abandonar a conversa. No vagón de regreso a Goya, mentres Lady Chorima continúa cos seus escenarios hipotéticos, esta vez a propósito de cacerías e de touradas, eu empezo a interrogar a escuridade do túnel na procura dalgunha resposta profética. Pero as ventás só nos reflicten aos pasaxeiros. /p>  

  •  Lola Rontano: Artivista marciana e profesora de francés residente na terra galega desde 2003. 

Outros artigos de Lola Rontano en QPC

comentarios