Xoves. 28.03.2024
El tiempo
Lola Rontano
08:50
10/02/20

Aburiño, Arxentina. Sobre as cores de identidade

Así canta Galicia-discos galegos en Arxentina
Así canta Galicia-discos galegos en Arxentina
Aburiño, Arxentina. Sobre as cores de identidade

No soy de aquí
Ni soy de allá,
No tengo edad
Ni porvenir
Y ser feliz 
Es mi color
De identidad.”

Jorge Cafrune

 - Chámome Marcos, nacín en Mancha Real, provincia de Jaén, a uns 20 km de Úbeda – comenta, ao saber que son española, un dos responsables de Edén, un paraíso de discos compactos e instrumentos musicais onde xa me coñecen-. Os meus pais leváronme a Arxentina cando tiña tan só un ano –continúa Marcos mentres o seu compañeiro, un comechingón grande e afable, vai buscarme un par de discos de Jorge Cafrune ao almacén-. Encántame España. A primeira vez que viaxei aló coñecín a un dos meus avós, de 92 anos. E na última, o ano pasado, cumpríanse xustamente 70 anos da miña partida. Fomos de festa cos meus curmáns.

- Era un aniversario importante -respondo emocionada-. Que sintes ao celebrares algo así?

- Moita emoción e nostalxia, aínda que eu viaxei moitas veces a Jaén, ata dezasete veces. Encántame volver. Síntome eufórico, estando aló, unha vez deume por pensar por que, entón lembreime da cociña da nosa casa, que arrecendía a aceite de oliva, pimentón e azafrán, creo que ao recoñecelos véñenme moitos recordos de infancia. Teño familia aló, moitos curmáns. Gústame visitalos e que veñan a Córdoba.

Baixando a voz e nun ton cómplice, engade:
- Pasámolo de puta nai.

- Cando chegaron os teus pais a Arxentina?

- No 49, xunto con outros veciños do pobo. Viñeron cultivar oliveiras. As cousas estaban moi difíciles en España naquel momento, parece mentira. Sempre viviron co desexo de volver, pero non foi posible. Polo menos aquí puideron ter un traballo, darnos unha educación que nese momento non tiveramos recibido en España. Aquí os seus pais viviron e morreron, aquí medramos os fillos e nacéronlles os netos. Parece mentira –repite-, que as cousas cambiaran tanto.

- Os teus pais nunca volveron?

- Si, meu pai volveu a Jaén dúas veces e miña nai, tres. A primeira vez foi trinta anos despois, eu pagueilles a viaxe cos aforros. Eu sempre que podo, volvo. É marabilloso ver como foi cambiando España, a calidade das súas estradas, as súas infraestruturas, en comparación co que contaban os meus pais. Lévome moi ben coa miña familia de Jaén -dime mentres empaqueta os discos de Cafrune-. Sempre  quedo na casa dos meus curmáns. Non temos eses conflitos que xorden ás veces cos familiares de aquí, a nosa relación non ten friccións nin envexas.

- Como me alegro.

- Gústache a música folk? Levas algo de tango?  – engade, entregándome os discos.

Págolle e despedímonos cun aperto de mans. Regreso camiñando a modiño, despedíndome das rúas e do cabildo e da catedral, da praza San Martín, paro na pequena praza diante do museo do Marqués de Sobremonte para escribir esta despedida, logo sigo camiñando e pensando distancias, porque eu deixo Córdoba mañá ata non sei cando. A este lado do río Suquía, entre o “panal” do Centro Cívico e a “caixa de televisión” da lexislatura de Córdoba, dou a volta por última vez para contemplar os edificios que esconden o centro histórico, son coma un muro de tente levantado con pezas de acetato de cores grises e terracota, onde só destacan as cúpulas e as torres brancas da Igrexa das Irmás Adoratrices. Deume por pensar de novo nas distancias óptimas, as que favorecen todos os equilibrios, as que axudan a manter unha relación cordial coa familia, as que permiten manter ese vencello idealizado co país, as distancias necesarias para que as amizades nunca se desgasten, nin o amor nin a lealdade, as distancias ideais que nos protexen contra as friccións, as decepcións, as malas novas, as que nos preservan da continua crispación dos medios, para que os escándalos  dos partidos políticos non perturben o noso ánimo nin os nosos afectos na vida diaria, para que non se altere esa ilusión contaxiosa, non só a de Marcos, sobre as súas orixes, senón a de tantos compatriotas que coñecín durante o mes e medio neste hotel e refuxio de inmigrantes que foi e segue sendo Arxentina: a ilusión (e o orgullo) dos meus amigos María Rosa Iglesias e Ruy Farías, apaixonados de Galicia, a de Carlos Brandeiro, director do colexio Santiago Apóstolo de Bos Aires, ou a de Daniel, dono do posto de verdura do meu barrio, de avós murcianos. E penso no segundo pratiño da balanza, o que mantén o fiel en equilibrio, o prezo inmenso, inconmensurable, que lles custa a algúns manter viva esa ilusión.

vista de Cba
Vistas de Córdoba

  •  Lola Rontano: Artivista marciana e profesora de francés residente na terra galega desde 2003. 

 

Outros artigos de Lola Rontano en QPC

Novas relacionadas

Comentarios