Domingo. 18.04.2021
El tiempo
Lola Rontano
12:38
18/01/21

Algunhas posverdades

Algunhas posverdades

Esta mañá, mentres estaba almorzando, videochama Lady Chorima.

- Bos días, parrula...
- Bos días! -responde desde a súa cociña-. Algunha vez te preguntaches que pasaría si todo o que publica a prensa fose verdade?

Guinda a pregunta así, a queimarroupa, e a continuación le varios titulares sobre o aumento do prezo da luz, das mortes provocadas pola vaga de frío, do último sermón de Fernando Simón e do feche das contas de Trump nas RRSS.

- Imaxina -continúa ela- que no mundo estivesen ocorrendo todas as cousas tal e como as contan os medios. Que chungo, non?
- Estaríamos como o gato de Schrödinger. De verdade pensas que é todo falso?
- Falso, falso? Non totalmente, pero si produto dos intereses dos cerebros reptilianos que manexan os medios de comunicación. Manipulan e maquillan, como cando hai un debate entre políticos e cada un saca a relucir os datos que máis lle conveñen. Mala chispa os coma! Vouche a poñer un exemplo: as mortes de varios indixentes por culpa da vaga de frío. Ti que cres: mátaos a friaxe ou a marxinación na que viven?
- Xa, xa -digo mastigando a torrada.
- Pobriñas, Naturgy e Iberdrola... Que se aproveitan delas ata os de Cañada Real!
- …
- E o de Trump, non era sen tempo, certo? En canto a Fernando Simón, pfff, en fin, que queres que che diga?
- Non che sei -respondo cruzándome de brazos.
- O que sucede -di nun arranque de impaciencia-, é que vivimos na era da posverdade! Os feitos contan menos que as emocións de cadaquén. E non só desde a chegada de Trump e os seus esbirros -continúa ela sen deixar de mover as mans-. Se as cousas son como nos conveñen que sexan, xa non hai nada máis que discutir, agora que non temos bares abertos nin ceas familiares, podemos pelexar e sacarnos o coiro en Twitter. As cousas son como eu as vexo e as sinto, esa é a gran posverdade. E nesa liña interpreto todo o demais.
- E logo ti non tes que ir traballar?
- A ver, como lle explicas as crianzas o da presentadora dos mini traxes de noitevella?
- Diríalles: iso é Españistán! -solto eu.
- Como lles explicas -insiste ela- a fillas e sobriños, a eles e a elas -di subliñando isto último-, que é lóxico cubrirse co mínimo nunha das noites máis frías do ano, gañar un soldazo con iso e ser influencer o resto do tempo? Porque eu creo que non é doado entendelo cando os pais e os avós brindan con esa ghicha e o rabaño mea con ela.
- Ten que haber algún fragmento dos Monty Python para ilustrar o caso -digo rematando o café con leite.
- Outro exemplo -continúa ela-, con respecto ao monotema: dicir que a este paso fan falta 6 anos para vacinar a toda a poboación e alcanzar inmunidade? Que che parece?
- De rabaño.

Lady Chorima levanta a súa cunca e brinda. Logo engade:

- En realidade non alarma tanto o que se di como o que se cala.
- Que che pasa hoxe, miña aghuda? Espertaches en modo conspiranoico?
- O que me pasa é que as peques me preguntaron pola gala de noitevella na tele dos avós e eu quedei matinando. A sociedade patina! Somos rabaño e diríxennos a distancia! Hoxe tiña algo que dicirlle á CIA e puxen no meu estado: “Muller e nai (segundo a antiga categorización), lumpen-proletaria, apestada e contaxiosa”.

Lévome as mans á fronte.

- Hostia! E iso?
- Se a categoría muller está pasada de moda -responde-, imaxina a de lesbiana!
- Non, non, aclárame o de apestada e contaxiosa.
- Kate Tempest, a autora de Wasted, agora é Kae, sabíalo? “As mentes máis brillantes son andróxinas”, ou algo así, dicía Virginia Woolf, pero mira, parece que xa non basta coa mente, tamén hai que tunear o xénero.
- Pode facer o que lle dea a gana, Kate ou Kae -respondo-. É unha crack ighual.
- Espero que non se converta nun señoro...
- Chori, falas como posmoderna de barrio... Hoxe é tendencia o trans e mañá a moda será devir en cyborg -dígolle mirando a hora-, o glam e a transgresión sempre estiveron aí. De todos os xeitos, o do binarismo sexual si que é viejuno, hai dous mil millóns de anos que se creou! Pero segues sen aclararme o de apestada!

Ela continúa á súa bóla, cos ollos brillantes e as fazulas coloradas:

- Preocúpanme máis esas lesbianas das que pouco ou nada se di: esas crianzas dos campos de Moria! Si, hai que falar máis de Lesbos! E da xente sen casa! Témolas ás portas das nosas cidades!
- Chori, non terás unhas décimas?

Lady Chorima pon os ollos en branco.

- Os meus síntomas son arrefriamento, decepción... Estou ata a mucosa de todo!

Deixo escapar un suspiro. Mentres lle caen as bágoas dos ollos, Lady Chorima continúa:

- Mira, se o mundo fora tal e como nolo describen os medios, a min daríame bastante yuyu saír da casa. Por agora non me queda outra opción que crer, crer no autoconfinamento, preparármonos para a Terceira Vaga... Entre o autoemprego e o teletraballo transcorre a miña corentena. Nos días da miña vida! Encerrada nun cuarto -conclúe soándose o nariz.
- Sorte que contas cun cuarto propio -murmuro.

Que ganas de apertala.

  •  Lola Rontano: Artivista marciana e profesora de francés residente na terra galega desde 2003. 

Outros artigos de Lola Rontano en QPC

comentarios