Xoves. 05.08.2021
El tiempo

Montevideo, un lugar cheo de alegría

Montevideo, un lugar cheo de alegría

O Triciclo de Manuel Suarez en Tines-Vimianzo
O triciclo que me fixo meu pai antes de emigrar

O primeiro de xaneiro de 1959 levaba vivindo na capital uruguaia pouco máis dun mes xa que chegara o 27 de novembro de 1958. Coido que ter cinco anos axudou moito a que axiña fose un neno máis naquel lugar cheo de alegría. Hai que recoñecer o acerto de meu pai en facerlle caso a seu amigo Ramón de Castromil que foi quen o empurrou para embarcar no “Castel Bianco” en 1955. Eran ferreiros os dous e por iso deciden asociarse para abrir en Torelo (Vimianzo) un obradoiro. Eran tempos nos que os labregos ían subsistindo pero con pouco excedente para mercar novas ferramentas de labranza e aínda faltaba para que o metal deixase atrás as cancelas de madeira. Ramón escribe dicindo que alí os ferreiros podían escoller onde ofrecer os seus servizos xa que había moito traballo.

Os primeiros minutos do aninovo de 1959 na beirarrrúa da esquina de Pantaleón Artigas e Ipiranga (no barrio de Aires Puros), estiven abraiado mirando para un ceo que semellaba unha efémera cúpula na que os debuxos de fermosas cores eran de lume e pólvora. Durante un cuarto de hora o estrondo e o fume das bombas fíxome sentir coma se estivese no medio dunha lareira da que eu formaba parte. Hai que suliñar que alí o verán é moi caloroso pero eu tiña championes (o calzado deportivo era así denominado pola estadounidense “Champion”) e tamén unha remera de manga curta (“Polo”) que me permitía unha liberdade de movimento que non tiña na aldea xa que en Tines, case sempre, había que ir con máis roupa.

Casa dos Suarez en Tines-Vimianzo

Case podo asegurar, aínda que pasaron moitos anos, que o Día de Reis asinei a miña incorporación sen condicións a aquel espazo chamado Montevideo. Non sabía que agora vivía nun novo “país” e tardei tempo en entender que residía na República Oriental do Uruguai pero estaba enteiramente satisfeito co cambio. Aquí xogo toda a tarde debaixo dunhas árbores chamadas paraísos sen a preocupación de enlamar os zocos. Non sei os metros percorridos o seis de xaneiro no meu coche vermello con raias horizontais brancas pintadas a ambos lados da parte dianteira. A rúa Pantaleón Artigas ten unha pequena baixada en dirección a Propios (Bvar. José Batlle y Ordóñez) que viña moi ben para as miñas pedaladas. Aquel coche era marabilloso e tamén a pista de circulación. Este vehículo superaba en moito ao triciclo que me fixera meu pai antes de embarcar co que petaba nas pedras da corredoira que pasaba por diante da casa.

Foi neste mes de xaneiro cando descubrín que en Montevideo falaban un pouco diferente xa que eran moitas as palabras que non entendía. Recibira unhas poucas clases da filla de Ramón de Castromil (Mercediñas) que sabía moito de escribir, debuxar, pintar e de José Artigas. Unha tarde na que estaba a xogar con Josengo (un rapaz que vivía no meu edificio de apartamentos) facendos pociños debaixo dun paraíso. Os buratos eran para enterrar os “coquitos” que caían da árbore. Vexo que pola rúa pasa un cabalo tirando dun carro ateigado de latas e vidros. Aquel animal faime emocionar. Era o primeiro que vía desde que deixara a aldea e supoño lembraba a besta dos meus avós. Entón, sinalo e dígolle a Josengo: Un cabalo! O meu compañeiro escoita e deseguido sae correndo para a entrada dos apartamentos e vai berrando: Mamá! Mamá! Manolito dijo cabalo, no sabe decir cabayo. Quedei moi sorprendido e nunca esquecín aquel día. Quizais foi cando aprendín a importancia das palabras na configuración dunha identidade. Aquel cabayo fíxome entender que eu viña do outro lado do mar.

 

Outros artigos dende Lonxe de Montevideo

comentarios