Venres. 29.03.2024
El tiempo
Marisol Soneira
09:34
18/06/19

O mapa político da comarca é monocolor

O mapa político da comarca é monocolor

Co sosego que da o paso do tempo, e xa constituídas as novas corporacións municipais, compre facer unha sinxela análise do que deixaron as pasadas eleccións municipais.

En primeiro lugar o mapa político amosa un dominio sen precedentes do Partido Socialista. No partido xudicial de Corcubión, que elixe un deputado provincial, os socialistas gobernarán en oito dos nove concellos que o conforman. Só o BNG foi quen de poñer unha pica nacionalista en Zas. 

A segunda constatación é que o voto socialista vai moito mais alá dos líderes locais xa que os apoios foron transversais e en tódolos concellos, salvo naquel en que nin tan sequera presentaron lista, como é o caso de Zas. Certo é que os líderes locais, os anos de goberno e a boa xestión que os avalou, acentuou esa marea de voto en favor do partido do puño e a rosa na maioría dos concellos en que xa gobernaban. E así vemos como candidaturas e líderes socialistas pasaron da oposición á alcaldía amparados por unha marca política que, escasamente un mes antes, saíra triunfadora dunhas eleccións xerais. En que porcentaxe os triunfos locais son produto da marca PSOE é algo que terán que estudiar os sociólogos no futuro. De algunha forma da a impresión de que se produxo un fenómeno semellante ás eleccións municipais de 1.983, onde unha morea de candidatos socialistas acabaron de alcaldes amparados no carisma de Felipe González e no prestixio de marca do PSOE.

A terceira conclusión é evidente. Os candidatos do Partido Popular pagaron nas súas propias carnes o deterioro da Marca PP: corrupción, lío interno, falta de confianza, supeditación dos intereses locais e comarcais aos intereses do goberno autonómico ou nacional, e unha caída sen precedentes do prestixio da marca PP.

Evidentemente hai factores locais que tamén inflúen: listas unipersonais ou de parroquia, fracasos de xestión imposibles de amortizar coas siglas, falta de iniciativas innovadoras, e moitos etc,s que requiren unha análise en clave micro.

E logo está o caso de Dumbría que se sae da escala e onde a personalidade de José Manuel Pequeño xoga un papel fundamental que está por riba de siglas e de ideoloxías. 

Conservar todo este enorme poder que os cidadáns puxeron  nas mans do Partido Socialista vai a depender moito da xestión que os alcaldes e alcaldesas desenvolvan ao longo destes próximos catro anos. Todos sabemos que as eleccións non as gaña a oposición se non que as perden os equipos de goberno que perden o contacto coa realidade. Exemplos disto último tamén os vimos nestas eleccións. Sorte para tódolos alcaldes e alcaldesas da Costa da Morte, porque do seu bo facer dependemos todos.

  • Marisol Soneira. Ex vicepresidenta do Parlamento Galego; ex Portavoz da área de emigración do Grupo Parlamentario Socialista; ex Secretaria de Movementos Migratorios da CENG do PSdeG-PSOE; ex concelleira; ex deputada. Camariñá.

Novas relacionadas

Outros Artigos de Marisol Soneira