Return forever (III)
- Vén de:
Return forever (II).
Return to forever.
No anterior artigo desta serie escribín sobre a chegada da primavera, a intuición de que asomaba decidida, embora teriamos aínda días de frío e trevón, horas de desacougo e incerteza. Mais que agardabamos por ela, polos días claros e luminosos de abril, no sosego dos livros e da música.
Tamén estes son días de disonancias. Días en que contemplo no rostro dos meus pais, nos seus pasos incertos, na lonxanía da olladas, na soedade e o desamparo dunha sala de hospital, o inexorábel proceso de decadencia.
En días así, malia a incerteza que nos posúe, a lectura, a escrita, a contemplación da arte ou do abrocho das cerdeiras, o canto dos paxaros e a música, sosegan coa súa compaña o noso ánimo, e deixan en nós o estímulo dunha vida que se abre en cada momento.
Onte estiven a escoitar unha das composizóns máis queridas, o poema musical de A. Dvórak, Os bosques silenciosos, como preludio ao Concerto para cello e orquestra, na interpretación de Jacqueline du Pré ao cello. Mais non foi esta a primeira interpretación partitura que coñecin, anos atrás; lembro que foi a versión do cellista Yo-Yo Ma. E despois, a interpretación que o violoncellista xaponés coa orquestra sinfónica de Boston dirixida por Seiji Ozawa.
Os bosques silenciosos. Poderiamos escoitar toda unha tarde diferentes composicións que, con diferentes ollos, baixo diferentes interpretacións, nos levan á evocación dos bosques, desde a soidade apacíbel que acobilla aos namorados, no lieder de Brahms sobre o poema de Karl von Lemcke (“Na soidade do bosque”), ou a máis grácil interpretación de Schuman (“Escenas de bosque”), ou o misterio vexetal de Debussy.
Os bosques silenciosos, como imaxe, metáfora ou experiencia sensorial, percorren as partituras de diferentes compositores e tamén a poesía. Lembremos aquel poema de Elizabeth Siddal, musa e muller do pintor prerrafaelista Dante Gabriel Rosertti. Elizabeth, que cultivou poesía e pintura, sentira o seu amor pola poesía e as artes a través da obra de Alfred Tennyson (quen escrebeu sobre o rei Arturo e o Santo Graal), o que determinou o seu estilo, pintando óleos e ilustrando lendas artúricas, seguindo o ronsel de Tennyson.
O poema de Elizabeth Siddal leva por título “Un bosque silencioso”. Non é o bosque da partitura de Dvórak, cheo de misterio, embrullado nun silencio que nos acouga. No poema da londinense Siddal, aparece sombrío, como se a mesma Elizabeth entrara nun espazo oscuro dentro de si mesma, no interior dun bosque que non é senón o seu ánimo depresivo: Bosque silencioso, entro en ti /co corazón cheo de miseria/ por todas as voces das árbores/ e dos fentos que prenden nos meus xeonllos.
A veces denominamos como poema musical esta obra de Dvórak. Outras veces é que nos referimos a ela como ‘poema sinfónico’, termo que utilizara Listz para a interpretación da súa obras "Tasso". E non sabemos se estamos acertados. Sexa como for, Os bosques silenciosos son a poética celebración da súa terra, Bohemia. Non hai neste poema, nesta partitura, nada feérico nen misterioso.
Nada que nos incomode coa sombra, nen tampouco está expresado o amor. O poema sinfónico de Dvórak, esta partitura fermosa para cello e piano que escoitamos esta tarde nas dúas versións, a de Jacqueline du Pré e a de Yo-Yo Ma e Seiji Ozawa, é a madeira dos bosques, o recendo da códea, o son e a luz. A madeira do cello é a madeira das árvores do bosque bohemio. Nen sabemos se o compositor quixo que escoitáramos o silencio do bosque no diálogo do piano co cello, ou, desde o fondo das árvores como son rumoroso da orquestra, escoitáramos a súa partitura. E nesta feliz confusión entre o cello e as árvores do bosque, no fondo lirismo da obra de Dvórak, chegáramos a comprender a complexidade do silencio na música.
Novas relacionadas
- Miguel Anxo Mato Fondo conta a súa Trave nun novo libro.
- Entrevista 2018 con M.A. Mato Fondo: “Os escritores de hoxe en día movémonos con absoluta comodidade tanto na galaxia de Gutenberg coma na online”
OUTROS ARTIGOS DE MIGUEL ANXO MATO FONDO
- Return forever (II).
- Return to forever.
- A Winter shade of pale.
- O Mestre dos paxaros.
- Afectos y canciones. Victoria Carande.
- As Brañas da Memoria.
- Viaxe ao fondo da memoria.
- Lembrar (a Paco Souto).
- As mulleres de Viki Rivadulla.
- Eduardo Pondal: “Un recuerdo a mi patria” (1857).