Luns. 30.11.2020
El tiempo
Miro Villar
08:10
12/06/20

A presenza da Costa da Morte no volume “Os restos do franquismo en Galiza”

Os-restos-do-franquismo-Libro de Manuel Monge editado por Laiovento
Os-restos-do-franquismo-Libro de Manuel Monge editado por Laiovento
A presenza da Costa da Morte no volume “Os restos do franquismo en Galiza”

O mestre e sociólogo Manuel Monge González é un dos nomes imprescindibles na investigación da nosa memoria histórica democrática e republicana. De feito, entre 2007 e 2011 foi o presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, coñecida como CRMH e que mantén o sitio www.memoriadacoruna.com, e na actualidade é presidente de Defensa do Común e secretario do clube de opinión Foro Cívico. Entre as súas obras publicadas hai varios títulos que teñen relación coa memoria: A historia secuestrada polo franquismo (2010), O «camarada Fraga» e as vítimas da represión franquista (2014), Os Borbóns: unha monarquía escandalosa. A herdanza do franquismo (2016) ou o volume que hoxe nos ocupa, publicado neste tempo de pandemias, que se intitula Os restos do franquismo en Galiza. Exaltación, honras, privilexios e distincións a golpistas, franquistas e criminais (Laiovento: 2020).

Antes de falarmos da presenza da Costa da Morte neste libro, cómpre realizar unha síntese da moita información que o público lector atopará nas súas 380 páxinas, condensadas en 11 capítulos e un prólogo. Neste Limiar, o autor lembra que xa pasaron 43 anos desde as primeiras eleccións democráticas (15 de xuño de 1977) e máis de 12 anos desde a aprobación da denominada Lei de Memoria Histórica , e no inventario que realiza «aínda quedan en Galiza sobre 602 símbolos franquistas en 87 concellos: rúas, retratos, placas, esculturas, monolitos, distincións de Fillo Adoptivo, Fillo Predilecto, Alcalde Honorario, etc, que exaltan, honran e distinguen a golpistas, franquistas e criminais». É posible, cremos nós, que a exhaustividade da investigación aínda deixase fóra algunhas referencias máis, por non dispoñer dos datos de todos os concellos galegos.

Manuel Monge remata o Limiar pedindo coherencia ás organizacións políticas, nomeadamente as chamadas progresistas, porque observa prácticas contraditorias, por exemplo entre corporacións locais que eliminan a simboloxía franquista, outras que nada fan sobre os mesmos nomes e símbolos, e incluso outras que eliminaron uns e deixaron outros nos rueiros ou nos libros de Actas.

No capítulo 1, «Alcaldes, gobernadores e presidentes de Deputación asasinados en Galiza», recolle a arrepiante e aterrecedora cifra de 52 máximos mandatarios asasinados, e iso que a listaxe non contempla as ducias de concelleiros e concelleiras que tamén o foron. Na Costa da Morte só testemuña o paseo do alcalde de Fisterra, Cipriano Fernández Brage, militante de Izquierda Republicana (IR) e que «apareceu nun pozo da Castellana (Aranga) o 5-11-1936».

No capítulo 2, «Por que aínda queda simboloxía franquista na Coruña?», o autor trata de lle dar resposta a este interrogante, pois se ben nos últimos tempos foron moitas as denominacións franquistas retiradas, a pesar de varios anos de gobernanza socialista con maioría absoluta, de cogobernos entre PSOE e BNG ou da lexislatura da Marea Atlántica, sorprende a permanencia de moitas outras honras ao franquismo de diverso xorne.

Deseguida, nos capítulos 3, «Criterios para a eliminación da simboloxía franquista», e 4, «A eliminación de rúas, retratos e distincións honoríficas no Estado», Manuel Monge realiza un repaso, importante, mais sempre incompleto, sobre a desigual evolución que seguiu o cumprimento da Lei da Memoria Histórica, salientando situacións ben distintas nos diferentes territorios, coa sorpresa de que non sempre as forzas progresistas actúan con decoro ou como, máis excepcionalmente, partidos conservadores chegan a apoiar as medidas de restitución da legalidade.

O longo capítulo 5, «Simboloxía franquista no concello da Coruña», é o máis extenso, porque Manuel Monge foi concelleiro nacionalista na cidade de 2003 a 2007 e porque o movemento asociativo de base, tanto a CRMH coma outras entidades, desenvolveu un enorme traballo de reivindicación e de investigación.

Sen especial relevo da Costa da Morte, é ben salientar o apartado que lle dedica á «Simboloxía franquista nos centros de ensino», porque dá conta da aprobación (3 de novembro de 2004) da Proposición no de Lei sobre a retirada dos símbolos da Ditadura franquista dos edificios públicos do Estado e na exposición de motivos do debate o socialista González Serna manifestaba: «En una democracia madura, como la nuestra, no se puede permitir que haya niños y niñas que acudan a diario a centros educativos que llevan por nombre el del Dictador o de alguno de sus colaboradores». Manuel Monge detalla abondosos cambios de denominación na cidade coruñesa, porén esta práctica non chegou aínda ao concello de Cee, como ben sabemos.

Non queremos deixar este capítulo sen recoller a referencia ao deputado republicano corcubionés asasinado e reivindicado polo historiador Luís Lamela xa no seu primeiro libro de 1991. Manuel Monge escribe: «José Miñones, coñecido como “Pepe Miñones”, elixido deputado polo Frente Popular nas eleccións de febreiro de 1936 e fusilado polos fascistas, é un exmplo do espolio de todos os seus bens e foi distinguido pola CRMH como Republicano de Honra 2018».

Máis adiante, cando fala das grandes familias que medraron á sombra do ditador lembra que o banqueiro Pedro Barrié de la Maza, que hoxe nomea unha fundación privada, aínda é Fillo Predilecto da Coruña (30-3-1950), Medalla de Ouro (5-4-1963), dálle nome a unha avenida e outras distincións, sendo tamén Fillo Adoptivo de Corcubión, Sada e O Barco de Valdeorras, nomeamentos que a día de hoxe aínda non foron revogados.

E, por último, no feixe de «Propostas para a recuperación da Memoria Histórica e Democrática» figura a colocación dunha placa de homenaxe a Mercedes Romero Abella, mestra de Monelos, asasinada polo franquismo. É coñecido que Mercedes naceu en Cee o 27 de xuño de 1907 e viviu en Corcubión onde seu pai tiña un estudio fotográfico. Foi torturada, violada e paseada no chamado pozo da Castellana (Aranga) o 19 de novembro de 1936. (ver aquí máis información)

Máis sucinto é o capítulo 6, «Simboloxía franquista na Deputación da Coruña», do que nos interesa salientar aquí a referencia ao aínda hoxe Fillo Adoptivo (5-1-1937), Enrique Cánovas Lacruz, porque participou activamente do consello de guerra que condenou a morte ao deputado republicano corcubionés Pepe Miñones.

A «Simboloxía franquista no resto de Galiza», capítulo 7, inclúe obviamente o maior número de referencias á Costa da Morte, así sabemos que José María López Ramón é Alcalde de Honra de Ferrol e Fillo Adoptivo da mesma cidade, mais tamén de Ourense e de Corcubión. Dos seus méritos sabemos que foi «militar, excombatente voluntario no exército sublevado en 1936. Xornalista e alcalde de Ferrol de 1959 a 1963. Procurador nas Cortes franquistas...».

En Camariñas, segundo os datos de Manuel Monge, aínda permanecen a Avenida Eugenio López e a Travesía do mesmo nome, así como a Avenida Juan Carlos I (que as entidades da memoria histórica consideran sucesor do franquismo, agravado polos seus problemas coa corrupción) e tamén unha placa do «Instituto Nacional de Vivienda», co xugo e as frechas.

E en Cee, a Rúa Lino Rodríguez Madero e o colexio público CEIP Eugenio López. Dado que son nomes que se repiten ao longo do volume, temos que dirixirnos a outras páxinas para coñecermos os seus «méritos». De Lino Rodríguez Madero sinala que foi «Presidente da Deputación da Coruña de 1974 a 1977. Procurador nas Cortes franquistas desde marzo de 1975», mentres que de Eugenio López y López sinala que en Ourense aínda é «Fillo Predilecto (18-3-1979). Significado falanxista. Avogado. Delegado Nacional de Juventudes dende 1962 (o Frente de Juventudes era a sección xuvenil de Falange). Director Xeral de Ensino Primario na ditadura dende o 22 de maio de 19868. Gobernador Civil de Cuenca, conselleiro nacional do Movemento. Fiscal da Audiencia Territorial de Madrid e A Coruña. Fiscal Xefe da Audiencia Territorial de Burgos. É tamén Fillo Adoptivo de Sarria, Pontedeume e Ortigueira. Ten rúas en Camariñas e Ortigueira e dá nome a un colexio de Cee».

En Corcubión anota aínda sen revogar dúas distincións honoríficas da corporación, José María López Ramón como Fillo Adoptivo (12 de maio de 1967) e Pedro Barrié de la Maza tamén Fillo Adoptivo, sen datar o acordo plenario. Da personalidade deste último xa se falou con anterioridade, de López Ramón, que tamén é Fillo Adoptivo de Ferrol e de Ourense, comenta, entre outros datos, «Militar, excombatente voluntario no exército sublevado en 1936. Xornalista e alcalde Ferrol de 1959 a 1963. Procurador nas Cortes franquistas en representación dos concellos coruñeses. Gobernador Civil de Ourense de 1963 a 1970».

En Fisterra testemuña a Rúa Manuel Lago Pais. «Afiliouse a Falange con 18 anos. Voluntario no exército sublevado en 1936. Falece en egovia en setembro de 1936 na toma de Fuente del Pino e é presentado como 'glorioso mártir'». Deseguida reproduce un fragmento dunha crónica do noso historiador Luís Lamela, quen documentou a homenaxe falanxista que lle fixeron en 1937.

Finalmente, pechan este necesario libro de divulgación histórica catro breves capítulos intitulados «Non queremos o 'camarada' Fraga como Fillo Adoptivo», «Franquismo despois de Franco», que recolle a conferencia do autor nunha palestra organizada polo Grupo de Memoria Histórica do parlamento Europeo en 2019, e «Por unha Lei de Memoria Histórica Democrática de Galiza», onde se narra como a maioría absoluta do PP no pleno do Parlamento Galego rexeitou a admisión a trámite do devandito proxecto, presentado polo deputado do BNG, Luís Bará, e que obtivo o apoio dos grupos PSOE e En Marea. O derradeiro capítulo é unha listaxe de «Nomes para non esquecer», que compila a totalidade dos persoeiros franquistas que aínda son honrados nalgunha institución ou que recibiron distincións aínda non revogadas.

A lectura déixanos un pouso ben amargo, non só porque o colexio público de Cee aínda leve o nome dun franquista senón porque, malia moitos avances a respecto de anos atrás, son aínda moitas, demasiadas, as pegadas do franquismo que non se borraron. Cómpre, como sinala Manuel Monge, non caermos no desazo, non calarmos máis e actuarmos sen demora nestes tempos escuros onde a ultra dereita medra de xeito considerable e nauseabundo nas rúas e nas institucións. Franquismo Nunca Máis!

  • Miro Villar, en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.

 

Outros artigos de Miro Villar en QPC

 

ARTIGOS SOBRE LÓPEZ ABENTE

 

comentarios