Xoves. 28.05.2020
El tiempo
Miro Villar
19:40
30/03/20

Lugar de incendios, no terceiro cabodano do poeta Paco Souto

lugar-de-incendios-paco-souto copia
lugar-de-incendios-paco-souto copia
Lugar de incendios, no terceiro cabodano do poeta Paco Souto

O mes de marzo, malia o colofón de decembro de 2019, coincidindo co terceiro cabodano do poeta e percebeiro Paco Souto, a editorial malpicá Caldeirón, da que foi un dos seus fundadores, presentou o poemario Lugar de incendios (libro+CD), para poñer en papel o espectáculo da súa poesía en directo con acompañamento musical de Serxio Moreira, e que no dicir da editora "como proxecto de publicación foi deseñado polos seus autores en 2009 para unha edición que nunca chegou a ver a luz".

O libro + CD preséntase nunha fermosísima edición, na que o propio disco compacto, agora remasterizado, daquel espectáculo poético-musical vai engarzado na capa e cumpre ao mesmo tempo a función de servir de portada, na que sobrancea unha suxestiva ilustración de aves petroledas do propio Paco Souto e onde se observan derredor uns versos na súa delicada caligrafía, coñecida para nós desde aqueles cartapacios manuscritos das Edicións do Dragón nos que escribía da súa man (O mar de adentro, 1990; A rota dos baleeiros, 1991; Dous bocetos, 1994 ou Bestiario, 1998).

Abren o volume senllas biografías do poeta e activista cultural Paco Souto e do músico Serxio Moreira (quen tamén creou outros proxectos poético-musicais con Rosalía Fernández Rial e Silvia Penide)  para coñecermos a feraz colaboración entre eles dous desde 2001, cos espectáculos Como águas de maio (2001), Aviléscanto (2003), As horas de María (2007), Homenaxe a Xelucho Abella (2008), Recital sobre textos de Pondal (2008) e Tempo escuro (2013), onde se incorporan Rosalía Fernández Rial e o fotógrafo Peter Schneider, alén deste Lugar de incendios (2009).

Nos versos do Limiar, os autores presentan o seu labor: "Aquí as ferramentas que adoitamos usar: / Aquí a lingua. O piano dos soños". E deseguida unha ducia de poemas de Paco Souto, dos que dez xa estaban publicados cando o espectáculo visitou os palcos de varias vilas e outros dous que foron incluídos no seu último poemario, e Caín (2016). A edición literaria dos textos, da man da súa compañeira Emma Abella, quen tamén asina o emotivo texto epilogal, e do poeta Eduardo Estévez, harmonizou os diferentes criterios ortográficos de toda a produción poética.

Os poemas veñen acompañados de ilustracións do propio Paco Souto e das partituras musicais de Serxio Moreira. Son textos moi coñecidos e escoitados polo público ao longo dos anos, pois a xenerosa voz de Paco era asidua en calquera festival ou acto cultural onde estivese presente a palabra poética.

Velaí "veño da fin do mundo", con versos acaso premonitorios: "e na morte / souben / que mar non era de augas / senón da rosa nosa das tristezas", ou en "Furtivos": "ese sabor a sal na boca / como se a morte viñese cada nove ondas"; "Se Ana Mendieta" en diálogo coa obra da artista cubana, ou máis adiante "Metamorfose" que dialoga coa obra do pintor noiés Alfonso Costa, ou "para Lola", versos que renden homenaxe ás "mans cheas de arxila" dunha alfareira de Buño; o erotismo en "de tirar o rixón"; "de nena" coa homenaxe a Antón de Avilés de Taramancos e á súa compañeira Sofía; "a gata" coa metaliteratura e o proceso da escrita; o misticismo telúrico de "A fada do vento"; a memoria familiar en "Carta última"; o compromiso co altermundismo en "Mamá África" e, como non, o magnífico "Galiza en paxes" que principia co verso "a miña nai dóenlle as cervicais" para rematar "era Galiza / un país en paxes / na cabeza das mulleres", poema que tamén se reproduce manuscrito.

Unha alfaia este Lugar de incendios, que nos permite lembrar na súa propia voz os poemas, cheos de exquisitas imaxes mariñeiras e dunha prosodia e un ritmo de dicir inesquecibles, do que aprenderon (aprendemos) moitos poetas dos noventa.

  • Miro Villar, en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.

 

Outros artigos de Miro Villar en QPC

ARTIGOS SOBRE LÓPEZ ABENTE

comentarios