Xoves. 06.08.2020
El tiempo
Miro Villar
19:19
20/04/20

Fisterra e as fisterras na poesía de Luz Pozo Garza

Luz Pozo Garza-Fonte-Historia da Literatura Galega. AS-PG
Luz Pozo Garza-Fonte-Historia da Literatura Galega. AS-PG
Fisterra e as fisterras na poesía de Luz Pozo Garza

«April is the cruelest month» é un verso célebre que escribiu o poeta T. S. Elliot no seu libro The Waste Land (A terra baldía, que se pode ler en galego na tradución de María Fe González e Armando Requeixo), e abofé que está a ser un mes cruel polas numerosos óbitos da pandemia mais tamén porque se foron tres grandes nomes da literatura, o brasileiro Rubem Fonseca, o chileno Luís Sepúlveda e hoxe mesmo, a piques de facer os 98 anos, a «decana» da nosa poesía contemporánea, Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922 – A Coruña, 2020), unha voz senlleira na poesía galega desde 1952, cando inaugurou a colección Xistral, creada polo poeta Manuel María, co seu libro O paxaro na boca, aínda que o seu primeiro poemario, Ánfora, en castelán, data de 1949. E que se mantivo en plena actividade até pouco antes do seu pasamento pois a finais de 2018 deu ao prelo Pazo de Tor, se cadra para reafirmar o que lle confesou a Mercedes Queixas nunha entrevista en Nós Diario (28-xullo-2017) cando salientou: "Sen poesia non podería vivir".
Desde estas páxinas, como lembranza urxente da poeta que era unha das cinco mulleres membros numerarios do plenario da RAG e unha das voces líricas femininas máis importantes da posguerra, xunto con Xohana Torres, queremos salientar a presenza de Fisterra e as fisterras na súa obra literaria. De primeiras, nos seus Diálogos con Rosalía, título do seu discurso de ingreso na RAG, lido o día 29 de novembro de 1996, con resposta do académico Xesús Alonso Montero. Nesta marabillosa peza oratoria mestura a prosa poética e a poesía, e introduce un poema seu intitulado «Falando a Rosalía», que reproducimos deseguida, así como o parágrafo que lle dá entrada no discurso. Este poema, no que cita por vez primeira Fisterra, xa se publicara con anterioridade na antoloxía Coroa Poética para Rosalía de Castro, edición de Xesús Alonso Montero, Vigo, 1985. 

«A vida foille breve a Rosalía. Deixou Galicia e fillos. Deixou patria e patriarca. Un bosque de camelias. Poetas que lle cantaron Nenias despois de morta. Uns querían despertala co bruido do vento: “Erguete, miña armada,/ porque o ento muxe coma unha vaca”. Outros vírona na solaina do pazo chamando polos náufragos. No meu caso, quizais mover os labios e conversar nun diálogo “Falando a Rosalía”. 

FALANDO A ROSALÍA 
Á miña filla Luz 
Coma a páxina aberta dalgún libro suspenso na memoria 
en forma de pregunta 
a verba limpa no adensar da vida 
ven poñer unha liña transcrita en lenzo escuro 
falando a Rosalía. 

Cando ignoramos 
a razón que traspasa os límites do tempo
 e a ausencia de certezas deixa nas mans contactos
de door e de morte 
e non sabemos nada nada nada 
cando os ollos se pechan nun crepúsculo opaco 
fálolle a Rosalía: 

porque foras noutrora 
unha forma de nave navegando entre sombras 
onde unha vela moura inútil coma un pano 
anda a batir cos hálitos rachados 
da condición humana 
e chegas irradiando as tebras máis propicias 
a sílaba evidente 
a única tentativa de falar desde a nada 
desde a volta escondida dunha Fisterra en sombras 
no destino da raza nosa 
nosa 

Unha tarde acadabas nun bosque de camelias 
a derradeira voce no vestixio dun soño -entraba o inverno-
era un laio perdido sobre da patria 
un río sen orelas, duro, inmisericorde, 
unha escura ameaza coma un arpa de cinza 
tristísima 
en penumbra onde permanecías. 

Sábese que pediras 
no corredor do pazo onde cercan as sombras 
que abriran as fiestras: 
¡Ai mares imposibles reclinados na alma! 
E a palabra truncada que aínda non foi dita 
pero que pecha os labios 
ten resonancias límpidas 
falando a Rosalía. 

Fai tempo que fixeras a renuncia implacable 
do amor 
a pedra 
a chuvia 
campás de Bastabales -entraba a morte-
vai en longos silencios esvaíño esvaíño, 
a barca polo río sen recordar as formas 
para esquencer a vida. 
Para morrer 
abonda un cadaleito e unha saba branca... 

Ven do espacio que habitas 
na terra socavada onde a forza escura 
se fai propicia ó pranto. 
A luz decrece e fire nun destino sen craros: 
compre ollar unha patria 
na extensión certa aberta circundada 
pola fala inicial -entraba o norte-
cecáis mover os labios ou silenciar as sílabas na páxina 
pechada dalgún libro en forma de pregunta
falando a Rosalía. 

Noutro momento do seu discurso, Luz Pozo Garza evoca a súa infancia e a súa mocidade na mariña lucense e faino nun longuísimo poema, do que rescatamos un fragmento onde novamente o topónimo Fisterra ten presenza, neste caso as Fisterras como imaxe das estremas da nosa nación atlántica. Velaquí:

(…)
Eu era aquela nena 
que medraba na mariña lucense 
absorta entre dous ríos benamados 
o leste dun Edén aprendendo as estrelas 

E as aves estreaban círculos ilexibles 
nun ceo sen retorno 
que iba a ser para sempre a imaxe dunha patria 
Era un ceo limpísimo 
neste espacio extremado das Fisterras 
Era un xardín aberto xusto na nordesía 
Na seducción da luz 

E foron os dous ríos benamados -o LANDROVE e o EO-
os límites da vida coma unha flor de neve 
que ninguén soupo rescatar 

Alí aprendín de noite o lugar das estrelas 
E a nomear nun mapa unha por unha as Pléiades 
polos nomes celestes 
E serían no exilio a través das fiestras 
a imaxe do ideal 
naquela soidade adolescente confundida na guerra 
(...)

Por certo, que neste discurso tamén recorda a estadía de Rosalía de Castro en Muxía, e faino en dous espléndidos parágrafos: 
«Se repasamos os textos rosalianos, atopámonos insistentemente co tema do mar. Dende “Muxía a das altas penas” semella ela contemplar lanchas e aparellos de festa das rapazas de toda Galicia. Sábese que Rosalía vivíu na súa mocedade esta romaría de Nosa Señora da Barca en compaña da irmá do poeta Pondal. Alí enfermaron as dúas rapazas. Rosalía sandou, pero Eduarda finou a consecuencia da mesma infección de tifus. 
Tamén en La hija del mar as escenas marinas son o escenario adecuado da romántica acción. Ás veces descríbense dramáticas tempestades propias da costa da morte. Ás veces contémplase, segundo o estado de ánimo das protagonistas, un mar medio durmido e lánguido que extende a súa maxestade sobre a praia como símbolo vital daquela natureza erma e núa.»
E, finalmente, aínda temos outra referencia a Fisterra, ás estremeiras Fisterras no poema intitulado «Solpor» do libro As arpas de Iwerddon (Edicións Linteo, S.L., 2005), que en opinión da profesora da UDC, Olivia Rodríguez González: «Publicado de forma exenta en 2005, As arpas de Iwerddon está dedicado a celebrar a unión entre Galicia e Eire (chamada Iwerddon en textos populares galeses), partindo dunha experiencia autobiográfica que chega a transcender o cotiá ata acadar a expresión da fusión cultural e espiritual entre dúas culturas célticas.» 


SOLPOR
Recoñezo este vento e esta terra 
na promisión dun mar en procura da luz

Están tamén os bosques da intemperie 
igual cós nosos cando entraban no inverno

Pero estas son as albas desfelices
porque ti non acordas xunta min

Nas Fisterras divinas onde talvez transitas
contemplarás amor
esa aurora primeira esclarecida

Mentres aquí en Irlanda 
algún solpor remoto
vai deixando nos ollos un exilio
de sombras desvalidas que nos cercan, 
                nos cercan

Pero pasan as aves
e escriben unha páxina de amor
na alucinada carta da memoria
 

  • Miro Villar, en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.

 

Outros artigos de Miro Villar en QPC

ARTIGOS SOBRE LÓPEZ ABENTE

comentarios