Un cuarto propio colectivo
Levo varias semanas sen escribir neste espazo.
Tres semanas de silencio nun compromiso que adoita ser semanal e constante. E a verdade é que ás veces unha sente certa culpa por non chegar a todo. Pero tamén hai momentos nos que a vida e o traballo che obrigan a priorizar e así está ben.
A miña ausencia ten nome, Alza Voz de Muller.
Porque darlle forma a un evento coma este é levantar un proxecto que che esixe practicamente o 200 % da túa enerxía, do teu tempo e da túa cabeza. Horas invisibles de coordinación, decisións, xestións, imprevistos, emocións e responsabilidade.
Pero tamén é unha das experiencias máis potentes e transformadoras que teño vivido. Unha experiencia onde me demostrei a min mesma que teño a capacidade de levar a cabo proxectos tan potentes e transformadores.
Porque ALZA VOZ DE MULLER non é só un evento.
É unha aposta política, social e colectiva polo desenvolvemento profesional e emprendedor das mulleres desde a perspectiva feminista e de xénero. E facelo desde o rural convérteo, dalgún xeito, nun acto profundamente transformador.
Nun contexto no que tantas veces os territorios rurais aparecen ligados á falta de oportunidades, crear aquí un foro de liderado feminino é tamén disputar o relato sobre o que somos e sobre o que podemos chegar a ser.
Porque no rural tamén hai talento.
Tamén hai innovación.
Tamén hai liderado.
Tamén hai mulleres creando proxectos sostibles, empresas, redes e impacto social e económico.
O que moitas veces falta non é capacidade. Son condicións.
Por iso, antes de calquera outra cousa, sinto a necesidade de agradecer ao Concello de Vimianzo e a Deputación da Coruña que me permitan formar parte e por apostar cada ano por facer posible este proxecto a pesar das dificultades. Tamén a colaboración da Xunta de Galicia. Porque os espazos non se crean sos. Necesitan vontade política, recursos e persoas que entendan que merece a pena investir nos territorios e nas mulleres que os habitan.
Porque o que distingue Alza Voz de Muller non é simplemente poñer mulleres enriba dun escenario —que xa sabemos que segue sendo necesario— senón facelo desde un marco claro: o da perspectiva feminista e de xénero como ferramenta para analizar a realidade.
E iso cambia completamente a conversa.
Porque falar de emprendemento ou de desenvolvemento profesional das mulleres sen perspectiva de xénero é falar dunha realidade incompleta.
É ignorar que o contexto importa. E importa moito.
Importa cando falamos de coidados, de tempo, de oportunidades, de referentes, de acceso, de confianza, de voz, de presenza.
Importa cando falamos de cartos, de autoestima profesional ou de liderado.
Importa cando falamos do que aprendemos a facer e do que aprendemos, tamén, a non facer. Porque durante séculos ensináronnos a ocupar pouco espazo, a non facer ruído, a non incomodar, a pedir permiso.
E todas esas cousas que aprendemos e vivimos as mulleres non son individuais. Son estruturais.
E iso é precisamente o que queremos nomear en ALZA VOZ DE MULLER.
Crear un espazo onde moitas mulleres poidan entender que iso que tantas veces sentiron en silencio —a inseguridade, a culpa, a sensación de non ser suficientes, o medo a ocupar espazo, a usar a súa voz— non nace delas, senón dunha socialización que durante séculos ensinou ás mulleres a dubidar máis, a coidar máis e a ocupar menos.
Por iso estes espazos son tan importantes.
Porque cando unha muller escoita a outra poñer palabras ao que ela leva anos sentindo, algo cambia.
O persoal convértese en colectivo. E a culpa se transforma en conciencia. E a conciencia en acción.
E para quen aínda siga preguntándose por que seguimos necesitando espazos para mulleres que lideran, emprenden, crean e ocupan espazo, talvez a resposta sexa precisamente todo o anterior.
Porque seguimos vivindo nunha sociedade onde as mulleres continúan tendo máis dificultades para acceder a determinados lugares, para ser recoñecidas como autoridade, para falar sen ser cuestionadas ou para liderar sen pagar un custo persoal máis alto.
Porque seguimos chegando aos espazos profesionais e de poder cunha mochila chea de mandatos, medos e aprendizaxes que non son individuais, senón sociais.
Porque durante moito tempo fixéronnos crer que tiñamos que competir entre nós, cando en realidade o que transforma é a rede.
E porque cando as mulleres se xuntan pasan cousas importantes.
Pasan conversas que cambian perspectivas.
Encontros que abren oportunidades.
Reflexións que transforman inseguridades en conciencia.
E pasan vínculos que fan que moitas mulleres deixen de sentirse soas.
Nun contexto tan complexo e nun mundo cada vez máis individualista, crear espazos colectivos para as mulleres tamén é unha forma de resistencia.
Unha forma de dicir que non queremos chegar soas.
Que non queremos liderar reproducindo os modelos de sempre.
Que queremos construír outras maneiras de estar, de crear e de medrar.
Porque ALZA VOZ DE MULLER non vai só de emprendemento ou de liderado.
Vai de algo moito máis profundo.
Vai de ocupar espazo sen pedir permiso.
De usar a voz sen pedir desculpas.
De recoñecer o propio valor sen necesidade de diminuír o das demais.
E talvez por iso segue sendo tan necesario crear estes lugares.
Porque, como escribía Virginia Woolf, as mulleres necesitamos “un cuarto propio” para poder crear, pensar e existir con liberdade. E porque, como lembraba Audre Lorde, transformar o silencio en linguaxe e en acción segue sendo unha necesidade profundamente política.
ALZA VOZ DE MULLER é, dalgún xeito, todo iso á vez: un cuarto propio colectivo e un espazo onde transformar a voz en conciencia, rede e acción.
Porque o talento das mulleres sempre existiu.
O que faltaban eran espazos onde puidese verse, compartirse e medrar colectivamente.
- Patricia Vaquero. Socióloga, Consultora e Coach especializada en perspectiva de xénero.
Máis novas
Máis contidos no Podcast Todas Nós
Outros artigos de Patricia Vaquero nas FirmasQPC
- Se todo empodera, nada empodera
- Corpos en vixilancia: cando o “autocoidado” é outra forma de control
- Os Coidados no centro. No centro de que?
- Cando a nostalxia intencionada intenta reescribir a historia
- A arquitectura da impunidade
- Cando o dixital deixa de ser un lugar seguro
- Deepfakes, control e silencio: a violencia que busca expulsarnos
- 2026: chamar ás cousas polo seu nome
- 2025: vivir sendo muller nun tempo de retrocesos e ruído
- O Nadal tamén cansa.
- Non é desexo, é poder.
- “O xogo onde todo comeza”
- Violencias machistas: nomear a verdade nun tempo complexo
- Emprender sendo muller: realidade, non relato
- “A trampa da liberdade”
- “Pubertat”: unha serie necesaria para mirar(nos)
- Un ano despois da DANA: as preguntas que seguen sen resposta
- Cancro de mama: menos rosa e máis compromiso real
- Facer que as nais importen (ou como sobrevivir á maternidade no século XXI)
- A democracia en cuestión
- Non hai nada épico na guerra.
Outras novas sobre Patricia Vaquero
- “Que a Costa da Morte acolla un Foro de Liderado Feminino é un privilexio, pero ao tempo, algo necesario”
- O Podcast Todas Nós axúdanos a “baixar o volume da síndrome da impostora”
- O talento de Todas Nós, á escena
- Patricia Vaquero pon en valor a análise da crise co coronavirus dende a perspectiva de xénero nos #DirectosQPC.