O fenómeno das tradwife: liberdade individual ou reacción antifeminista?
Hai pouco leín o libro Yesteryear, de Caro Claire Burke, que trata sobre o fenómeno das Tradwife -abreviatura de “traditional wife”- e quedei cunha sensación incómoda. Detrás da estética amable das tradwife hai algo máis serio que unha simple tendencia de redes. O que parece unha elección persoal, unha vida lenta e harmoniosa, encaixa en realidade nunha lóxica moi coñecida: volver a colocar as mulleres na casa, convertendo a dependencia e a subordinación en algo bonito, desexable e mesmo aspiracional.
Este libro axuda a mirar este fenómeno con máis distancia. As tradinflus son un fenómeno viral que acumula millóns de visualizacións en TikTok, Instagram ou YouTube —ese universo de mulleres que fan pan caseiro, coidan unha casa perfecta, sorrín diante da cámara e converten o fogar en contido— non son só unha estética. Son unha posta en escena moi coidada, editada e monetizada, que presenta como natural unha idea moi concreta de feminidade. O que se vende non é só unha vida doméstica idealizada, senón unha forma de estar no mundo na que o fogar volve ocupar o centro e a autonomía queda en segundo plano.
E aquí é onde o asunto se volve interesante. Porque a pregunta non é só se estas mulleres escollen libremente vivir así. O feminismo non consiste en dicirlle a ninguén como debe organizar a súa vida. A pregunta é outra: Por que esta imaxe está volvendo a ser tan poderosa precisamente agora? Por que resulta tan sedutora nun momento no que tantas mulleres viven atrapadas entre a precariedade, a sobrecarga de coidados, a presión por render en todo e o esgotamento de ter que responder sempre?
A resposta pode estar no cansazo. Porque cando a vida se volve inabarcable, a fantasía dunha rutina máis lenta, máis ordeada e máis “simple” gaña forza. O problema é que esa suposta calma adoita vir acompañada dun retroceso: menos autonomía, máis dependencia e unha idea de felicidade moi limitada, construída sobre a renuncia.
Non é casual que este debate lembre tanto A mística da Feminidade de Betty Friedan, que xa denunciaba como se lle vendía ás mulleres un ideal doméstico supostamente perfecto mentres se ignoraba a súa insatisfacción real. Friedan explicaba que o malestar de moitas mulleres non era unha anomalía individual, senón o efecto dun modelo que lles prometía plenitude precisamente dentro dun espazo que as estreitaba. Hoxe, coas tradwife, ese relato reaparece con outra linguaxe, outra estética e outra velocidade, pero a lóxica é sorprendentemente parecida.
Hai ademais unha contradición difícil de ignorar e que retrata a perfección o libro Yesteryear, moitas destas creadoras presentan a dependencia económica ou a renuncia profesional como unha forma de liberdade, mentres monetizan esa mesma imaxe. É dicir, venden unha vida que elas mesmas non habitan exactamente do xeito que a presentan. O que parece autenticidade é, unha performance moi ben construída, posible porque existe unha infraestrutura material e simbólica detrás.
Por iso é tan importante non quedarse só na superficie. Non estamos falando de pan, flores secas e cociñas impecables. Falamos dun relato político sobre o lugar das mulleres. Dunha narrativa que se alimenta da crise dos coidados, da precariedade e da fatiga, pero que ofrece como saída unha volta ao fogar idealizado. E esa volta non é inocente: encaixa moi ben coa reacción antifeminista que leva tempo tentando presentar a igualdade como unha fonte de malestar, en vez de como unha conquista.
Nun contexto de avance da ultradereita e dos discursos reaccionarios, o feminismo comeza a presentarse como o culpable do cansazo das mulleres, da crise da maternidade ou da insatisfacción vital.
Como se o problema fose a liberdade das mulleres e non un sistema que segue sosténdose sobre a explotación do seu tempo, do seu corpo e dos seus coidados.
E esa idea é profundamente perigosa. Porque transforma problemas estruturais en responsabilidades individuais.
O feminismo nunca buscou obrigar ás mulleres a vivir dun único xeito. O que buscou foi ampliar posibilidades. Que unha muller poida quedar na casa ou saír dela, ter fillos ou non telos, coidar ou liderar, emprender ou parar. Pero que esas decisións sexan realmente libres, e non respostas ao cansazo, á presión social ou a un sistema que segue empurrando ás mulleres cara á renuncia.
Porque a liberdade non consiste en volver atrás idealizando un pasado que nunca foi igualitario. Consiste en poder elixir sen culpa, sen medo, sen mandatos e sen dependencia.
E por iso o fenómeno das tradwife é tan relevante, porque non fala só de redes, nin de estética, nin sequera só de maternidade. Fala de quen queremos que sexan as mulleres, e de quen gaña cando o retroceso se presenta como libre elección.
- Patricia Vaquero. Socióloga, Consultora e Coach especializada en perspectiva de xénero.
Máis contidos no Podcast Todas Nós
Outros artigos de Patricia Vaquero nas FirmasQPC
- Se todo empodera, nada empodera
- Corpos en vixilancia: cando o “autocoidado” é outra forma de control
- Os Coidados no centro. No centro de que?
- Cando a nostalxia intencionada intenta reescribir a historia
- A arquitectura da impunidade
- Cando o dixital deixa de ser un lugar seguro
- Deepfakes, control e silencio: a violencia que busca expulsarnos
- 2026: chamar ás cousas polo seu nome
- 2025: vivir sendo muller nun tempo de retrocesos e ruído
- O Nadal tamén cansa.
- Non é desexo, é poder.
- “O xogo onde todo comeza”
- Violencias machistas: nomear a verdade nun tempo complexo
- Emprender sendo muller: realidade, non relato
- “A trampa da liberdade”
- “Pubertat”: unha serie necesaria para mirar(nos)
- Un ano despois da DANA: as preguntas que seguen sen resposta
- Cancro de mama: menos rosa e máis compromiso real
- Facer que as nais importen (ou como sobrevivir á maternidade no século XXI)
- A democracia en cuestión
- Non hai nada épico na guerra.
Outras novas sobre Patricia Vaquero
- “Que a Costa da Morte acolla un Foro de Liderado Feminino é un privilexio, pero ao tempo, algo necesario”
- O Podcast Todas Nós axúdanos a “baixar o volume da síndrome da impostora”
- O talento de Todas Nós, á escena
- Patricia Vaquero pon en valor a análise da crise co coronavirus dende a perspectiva de xénero nos #DirectosQPC.