sábado. 14.12.2024
El tiempo
Vítor do Canteiro
13:30
19/03/24

Operación #AltriNon

Operación #AltriNon

Aínda me resoan na cabeza con toda a súa forza de mensaxe identitaria de protesta aquelas estrofas de Manuel María da "Cantiga das Encrobas", interpretada maxistralmente por "Fuxan os Ventos":
"Queren encher a Galicia de industrias contaminantes e que o noso pobo siga a producir emigrantes"
Facendo unha retrospectiva rápida da instalación da primeira pasteira na dictadura de Franco, ENCE (Empresa Nacional de Celulosas), un non pode máis que "viaxar" de volta aos anos setenta e rememorar aquel escenario de loitas populares contra o modelo colonial que se estaba desenvolvendo con crueldade e sen ningún pudor na Galiza: o proxecto de construción dunha central nuclear en Xove, a destrución da praia de Baldaio, ou as celulosas en Quiroga e no Anllóns. 
Para este mester criminalmente mercantilista pasáronse polo forro calquera principio básico de conservación da biodiversidade ou criterio de uso sostible dos recursos, co único fin de encher os seus petos de cartos. 

"Visto cos ollos do despiadado capitalismo, a desfeita na nosa terra só era un dano colateral menor"

Primeiro foi o piñeiro o que foi substituíndo ao bosque autóctono, para, poucos anos despois, comezar coa masiva plantación de eucaliptos cunhas consecuencias desastrosas para o noso monte e para as nosas vidas: monocultivo dunha especie que achega pouco valor, migración da poboación, máis monocultivo para ocupar espazos abandonados, máis empobrecemento do rural, maior migración, etc.
É neste círculo vicioso no que aínda estamos inmersos hoxe os galegos e galegas agardando que algún día se introduza unha variable que altere esta secuencia demencial. 
Nun extracto do NO-DO "Repoblación forestal", do ano 1954, pódense escoitar cousas tan aberrantes coma esta: "La tarea del Patrimonio Forestal del Estado quiere conseguir la defensa de nuestras vegas y nuestros pueblos cubriendo con los brazos verdes de los bosques las tierras estériles, origen de los torrentes y los aludes que siembran la destrucción, aterran los pantanos y cortan los caminos (...) Con estos trabajos de repoblación, zonas que hasta ahora eran estériles o de rendimiento casi nulo, se conviertan en centros creadores de riqueza que abastecerán a las industrias, a la minas y a los talleres de la materia prima indispensable en la mayor parte de ellas". 
Desde a perspectiva que nos dan tantos anos de sometemento a este tipo de colonización, recoñecemos o calado da gran mentira dunha industria que non deixa máis que o fomento do cultivo masivo de especies pirófitas e de rápido crecemento, mingallas de pobreza para a xente do rural e enormes beneficios para os perpetradores deste espolio a gran escala. 

"Que barbarie ambiental e ecosocial tan deplorable"

Plantacións indiscriminadas de eucaliptos enchen a Galiza enteira
Plantacións indiscriminadas de eucaliptos enchen a Galiza enteira

Redeseñar o mapa da totalidade dos recursos enerxéticos "a futuro" ven sendo algo así como establecer o modelo de sociedade que queremos implementar para as nosas fillas e fillos. Non mesmo contexto: mudar a relación das interaccións no binomio Natureza/Humanidade, e establecer unha nova correlación de forzas para que a economía do sistema-mundo poida saír do colapso que vén cunhas garantías mínimas de pervivencia, son dúas das máis importantes e urxentes accións humanas capaces de xerar a única dimensión crediticia dun futuro sustentable. 

"Ademais, e virando o sacho cara o noso rego, estas dúas premisas son a base conceptual da necesidade perentoria dunha "Operación #AltriNon", participada por todos os actores políticos e sociais de progreso e por toda a xente do común con, nada máis que sexa, un pouco de conciencia ambiental e de futuro para a nosa terra"

Encoro de Portomouro
Encoro de Portomouro


Extrapolando a contextualización global ao noso, atopámonos inmersos nunha serie de políticas ao máis alto nivel (europeo, estamos a falar), que pretenden, en aras desa tan traída e levada “descarbonización”, de aquí ao 2030 como primeiro horizonte, guiarnos cara o obxectivo de reducir as emisións nun 55% como mínimo, e garantir unha “transición equitativa e socialmente xusta”. Pois, ou eu teño un cerebro nivel “parvulitos”, ou non captei moi ben o significado que lle dan as lexisladoras e lexisladores europeos aos conceptos “equitativa” e “socialmente xusta”. Hai moito tempo que somos parte do cú desa Europa periférica na que todo vale, e que se utiliza colonialmente para fornecer de recursos e servizos a esa outra parte do noso continente que intensifica coa imposición das súas políticas as diferenzas económicas e sociais entre os países europeos, e entre os Estado-nación e as nacións sen Estado.

Cal é a equidade e onde está a xustiza? Ou debería preguntarme que parte das investigacións e das análise sobre o emprego, sobre as capacidades e aspectos sociais e distributivos da transición ecolóxica etc., interactúa con ese capital que segue a desenvolver unha economía de enclave? A Europa do Pacto Verde non pode apoutar ou futuro da Galiza a dous “monocultivos”, por desgraza, aínda en fase intensiva: eólicos e eucaliptos. E por que non pode? Porque, como sociedade temos que ter capacidade para decidir sobre o noso; se non, de que xustiza social estamos falando? Se unha porcentaxe importante de galegas e galegos nos reviramos para impedir esta desfeita ambiental, se dicimos que #AltriNon, e nos posicionamos en contra deste tipo de industrialización é porque NON VALE TODO!

Queremos emprego e queremos a ampliación do noso tecido industrial, pero non á conta de poñerlle data de defunción aos nosos ecosistemas terrestres, fluviais e mariños, e interromper de maneira irreversible o ciclo da auga, desde o molecular ata o ecosistémico. 

"O proxecto Gama de Altri consumiría máis auga que toda a provincia de Lugo"

Poñer auga nas canalizacións de Altri significaría tamén estender ata o infinito o modelo de explotación forestal do monocultivo de eucalipto; ese aberrante modelo de plantacións destinadas a producir madeira de baixo custo para a industria pasteira, que desprazan o bosque nativo, ocupan ilegalmente terras agrarias de cultivo ou da gandería en extensivo e ameazan a integridade e o benestar das comunidades locais polo aumento do risco de incendios, a afectación dos mananciais e a destrución da identidade, intimamente relacionada coa paisaxe ancestral.

Proxecto de Altri en Palas de Rei (Lugo) e a súa ubicación a carón da ZEC Serra do Careón. Adega
Proxecto de Altri en Palas de Rei (Lugo) e a súa ubicación a carón da ZEC Serra do Careón. Adega


Na “Declaración de Barcelona” de 1998, BNG, PNV e CiU xa falaban dunha "falta de recoñecemento xurídico-político e mesmo da asunción social e cultural das nosas respectivas realidades nacionais no ámbito do Estado", e tamén a nivel da Unión Europea. E non estamos a tentar establecer posicionamentos de nacionalismo emancipador, que tamén, senón de poder político suficiente para poder ofrecer respostas propias aos retos do século XXI. Do mesmo xeito, no contexto socio-político actual, imos ter que volver xogar a baza da presentación dunha candidatura conxunta, BNG, Bildu e ERC, ás eleccións europeas. 
Pero, é dabondo con isto para defender os nosos intereses por Europa adiante, ou hai que idear unha metodoloxía e unha estratexia diferente para confrontar coas políticas institucionais? Comecemos por onde agora mesmo se pode facer algo ao respecto: se o Goberno central quere os apoios para sacar adiante esta lexislatura, que poña as penas no carto, e que mire moi moito a que proxectos se lle conceden, por exemplo, os PERTES de descarbonización industrial.

"Hai moito tempo que temos conciencia de todo isto, e por iso hai que pararlle os pés!

Primeiro, Nadia Calviño dicía deixar Altri fóra do novo paquete de axudas estatais "por criterios europeos". Moi poucas datas despois o titular de Industria, Héctor Gómez, na antesala das eleccións do 23-J, sentenciaba: "Este PERTE contribuirá a modernizar nuestra industria para afrontar con éxito la transición ecológica apostando por el fomento del uso de energías renovables, la protección del medio ambiente y el avance hacia la economía circular. Queremos que España lidere la revolución verde industrial a nivel europeo y el PERTE va a ayudar a conseguirlo. Y Altri presenta un proyecto extraordinario que encajaría con los objetivos de nuestra apuesta hacia la descarbonización". 
E xa por fin, no cume da incongruencia, a principios deste ano o Ministerio de Industria, con Jordi Hereu á fronte, abría a billa do PERTE polo que suspiran Altri, Ence e Alcoa. 

Información do estado das masas de auga. Adega.
Información do estado das masas de auga. Adega.

Isto que vén dar? Estamos loucos ou que pasa? Que criterios cambiaron para que agora o proxecto da megapasteira  poida entrar nesa inversión de carto público?  A día de hoxe, e non habendo ningún cambio significativo nun proxecto que fai unha fragmentación fraudulenta de libro, porque é legalmente inaceptable que o proxecto de captación de auga se someta a exposición pública separadamente do proxecto industrial da fábrica de celulosa,  e que implementa, disque, a construción dunha planta de celulosa soluble e unha fábrica de fibras téxtiles da que se descoñecen practicamente todos os aspectos técnicos. A captación de auga é parte inseparábel dun complexo industrial único e, neste sentido, a lexislación esixe que sexa sometido a exposición pública na súa integridade para que se teñan en conta os verdadeiros impactos ambientais do proxecto completo. 
Segundo ADEGA, as pasteiras de ALTRI e ENCE aspiran a captar fondos PERTE para a descarbonización industrial "malia incumpriren as condicións dás axudas e o marco normativo europeo". Amén! Doutores tén a igrexa.
Noutra orde de cousas pero coa mesma liña de afectación ao noso, o 28 de febreiro de 2021 foi constituída pola Xunta de Galiza unha “Sociedade para o desenvolvemento de proxectos estratéxicos dá Galiza”, e para xestionar e impulsar os fondos europeos Next Generation, integrada por Abanca, Reganosa e Sogama. De verdade queremos unha Galiza xestionada única e exclusivamente polos intereses espurios do capital, coa conivencia dos políticos e políticas de quenda, que despois pasarán a formar parte dúas consellos de administración desas empresas que nos mangonean? Non somos tan parvas e parvos, ou?

Para rematar, só dicirvos que, se cadra, se todas e todos arrimamos o ombreiro, e presentamos este modelo de alegacións que atoparedes na Plataforma por unha Ulloa Viva contra o Proxecto Gama de Altri; se cadra, dicía, somos quen de mudar a deriva desta desfeita! 

Outros artigos de Vítor do Canteiro

Comentarios