Domingo. 28.04.2024
El tiempo
Vítor do Canteiro
19:46
19/10/23

Falando sen cancelas da eólica mariña

As renovables, os nosos representantes políticos e as súas políticas
fig-parque-eolico-mar-rp-1038x576
Falando sen cancelas da eólica mariña

Podemos afirmar con rotundidade que a eólica mariña cumple coa máxima ineludible da sustentabilidade? Desde o punto de vista medioambiental e socioeconómico vai ser que non. Vai ser que temos xente por Europa adiante que nos conta a feira como lle vai nela, e non contentas e contentos con non ser embaixadores e defensores do noso, son bufóns do poder das grandes corporacións e "correveidiles" da matraca discursiva desa marca política que nos desgoberna desde o 2009 a esta parte.

Foi nese "annus horribilis" cando, cal elefante en cacharrería, chegou o Sr. Feijoo á presidencia da Xunta optando polo gas como enerxía estratéxica, "para acadar a máxima competitividade da economía", dicía; e non tardou nin catro meses, argumentando "tachas de legalidade", en anular o concurso eólico do bipartito, que incluía a participación pública nas empresas que instalasen muíños, e a obriga de realizar programas industriais nas comarcas afectadas.

Houbo manchas de legalidade, si; pero non as denunciadas polo agora líder estatal do Partido Popular, senón as derivadas das súas présas por derrogar as políticas do goberno anterior (o que se traduciu en pagos de millonarias indemnizacións ás empresas afectadas). Un lince das renovables e da boa xestión, vamos!

E agora din que queren darlle a volta á tortilla coa futura Lei de Recursos Naturais; unha lei para que, según os seus "manufactureiros", os beneficios do aproveitamento dos recursos naturais galegos se reinvistan en Galicia. Pois nada, que nos siguen a tomar por parvas e parvos!

A eólica mariña nos obxectivos do Pacto Verde Europeo.

Abundando na sustentabilidade desta industria, os auditores do Tribunal de Contas Europeo, nun informe titulado "A enerxía renovable mariña na UE" , veñen de dicir que as implicacións socioeconómicas do desenvolvemento das renovables mariñas non foron estudadas con suficiente profundidade, e que moitos aspectos ambientais aínda están por recoñecer e estudar axeitadamente. Aínda que a estratexia da UE tenta aliñar esta industria coa conservación da biodiversidade,a Comisión Europea non avaliou as súas posibles consecuencias ambientais. Alguén se preguntaba nun artigo que lin hai poucos días, se "entendemos bien lo que es este tipo de energía". Pois si, algo imos entendendo. E tamén sabemos as consecuencias de ser uns arrimados á prédica oficial institucionalizada. Sen o contrapeso dunha réplica ben argumentada a ese discurso, apoiada por un amplo espectro social,  "avanzamos" sempre en contra dos intereses do común. Claro que sabemos que fai falta enerxía para mover as nosas vidas; de igual xeito que nos damos conta que hai que deseñar un sistema enerxético sostible fundamentado, na medida que se poida, nas enerxías renovables. Do que queremos que se dean conta, os (e as) que levan a agulla de marear, é que estamos fartas e fartos de levar posto sempre un traxe a medida dos seus intereses, e de que os nosos recursos sexan tan só para proveito dos que veñen a colonizalos. 

Todas as grandes incógnitas pendentes de estudo sobre como afectan estas instalacións aos ecosistemas, fan que invocar o "Principio de Precaución" antes de continuar co seu desenvolvemento nos nosos mares sexa o máis coherente: porque non se pode xogar coa natureza nin co futuro de moitas familias antes de coñecer as súas consecuencias. Non hai ningún tipo de estudo do que pode ocorrer nin dos efectos secundarios que se poden producir no medio mariño. Sabemos que unha visión mercantilista e sesgada do medio ambiente dos que toman decisións de conservación contribúe a agravar a crise da biodiversidade. Antes que calquera outra, a mellor medida para loitar contra o cambio climático é a preservación dos ecosistemas: isto, coido, pódeo entender calquera que no teña coartada a súa vontade por intereses espurios.

  En canto ás sinerxías que poden xurdir coa acuicultura ou coa pesca, estes auditores manifestan que existen poucos proxectos de uso compartido comercialmente viables dentro dos parques eólicos mariños, e sinalan como único exemplo (vaia por Deus!) unha concesión das autoridades holandesas para probar novos métodos de cultivo de mexillón offshore nunha das poligonais mariñas. En canto ao sector pesqueiro, o informe destaca que existe un "conflito persistente", e a oposición ás enerxías renovables mariñas "moitas veces xorde durante a avaliación do proxecto" e non antes. Hai artigos, manifestos, comunicados, etc. que revelan un plan concertado cunha finalidade moi clara: crear un clima de opinión favorable a determinados proxectos de renovables. Poñer na mesma frase “enerxía renovable marítima” e “futuro do mar”, aínda que este último sintagma leve signos de interrogación, pode resultar, cando menos, contraditorio, e desde logo, contraproducente para os intereses dos que teñen no binomio mar-industria o seu modo e medio de vida. O futuro do mar pasa por conservar os seus ecosistemas e non por inzalo de plataformas xigantes zoando cos xiros das pas de centos de metros. E senón que llo pregunten as xentes do mar de Viana do Castelo, onde os caladoiros que rodean os muíños flotantes están baleirados de fauna mariña asustados polo ruído das máquinas.

Coa relación Galicia-Europa a voltas.

Cando nos anos 80 os gobernos, da UCD primeiro e despois do PSOE, realizaron a traumática reconversión industrial, en Galicia traballaban no sector naval uns 17.500 traballadores, que representaban o 10% do emprego industrial. Foron máis de 10.000 os afectados polos plans estatais de reconversión dos estaleiros e unhas 6.600 persoas quedaron no paro. O persoal de Astano en Ferrol, e Vulcano e Ascón en Vigo foron os que máis sufriron a reestruturación da industria, e a sombra dos despedimentos deu paso a un gran conflito social que saíu á rúa en forma de grandes manifestacións e disturbios. Fomos, sen punto de comparación, a comunidade autónoma máis afectada polo tratamento de choque que supuxo o desmantelamento de boa parte do tecido produtivo nacional (o noso), así como a venda dos sectores máis rendibles ao capital internacional. Daquela, por incorporarnos ás políticas europeas tocounos pagar un prezo moi alto, que aínda hoxe trae rabo.

Que nos trae hoxe Europa? Megavatios a esgalla: a instalar nos nosos montes e nos nosos mares, sen contar cunha lexislación que nos permita, como pobo, como sociedade, tomar partido.

eolicos marinos galicia

Todo baixo a premisa do "colonialismo enerxético".

Que Galicia teña que acoller casi a metade da eólica mariña que se despregue en territorio español é unha cuestión "insostible" baixo calquera parámetro! 

Xa nos primeiros anos do século XXI estaban integradas, en España, todas as novas enerxías renovables (eólica e fotovoltaica) que se podían integrar, e simplemente xa non hai espazo para máis por razóns técnicas de estabilidade do sistema eléctrico, entre outras. Ata que comezou a nova febre renovable baixo o calor dos fondos Next Generation EU, non había lugar nin para un quilowatio.hora máis no deseño de Red Eléctrica. Que está a pasar para que haxa tan desproporcionado auxe de proxectos de enerxía eólica terrestre e mariña? Pois que se acaban os combustibles fósiles e os responsables financeiros do novo paradigma enerxético non queren nin oír falar de decrecemento. Un despropósito de dimensións oceánicas.

Según Antonio Turiel, investigador científico do CSIC, "Las dos tecnologías en las que se confía para aumentar el consumo de electricidad —el coche eléctrico y el hidrógeno verde— no pueden masificarse debido a sus necesidades de materiales escasos (léase litio,cobalto, etc) dependencia de energía fósil e ineficiencia". Pois estamos apañados! E entón, para quen e por que estamos a implementar este deseño de producción inxustificada? Xa, claro, vai ser porque a avaricia dos señores que engraxan os mecanismos da engrenaxe do sistema neoliberal non atopan outro lubricante que non sexan cartos a moreas.

Eu non son máis listo que ninguén: Deus che me aparte de tales ocorrencias! O que si debo ser é máis coherente que moitos e moitas que, nun eido ou noutro, están a levar o temón e os remos da nosa nave. E si, hai que ter amigos e amigas ata no inferno... pero semella que o inferno, para nós e para o noso,  pode estar dentro do linde dos marcos de só dúas letras: EU.

Outros artigos de Vítor do Canteiro

Comentarios