O Concello da Laracha tamén presenta alegacións contra o Parque Eólico Coto Loureiro

É total o rexeitamento aos grandes proxectos eólicos na comarca. Na Laracha é absoluto. Xa presentaron alegacións a veciñanza e a oposición, e agora é o Concello o que tamén presentou alegacións contra o P.E. Coto Loureiro. Un proxecto que inclúe 14 aereoxeneradores en territorio larachés, malia que a poligonal afecta tamén ao Concello de Cerceda.
O Concello considera que “os aeroxenedarores, polo seu emprazamento, dimensións e velocidade de xiro poderían afectar aos núcleos de poboación situados a unha distancia de entre cincocentos e mil metros, polo que se reclama un estudo máis profundo sobre as posibles afeccións ambientais, paisaxísticas e de ruído que levarían consigo ditas infraestruturas”.
Ademais, estiman “insuficiente a representación gráfica das zonas afectadas acusticamente no estudo de impacto ambiental ao non incluír unha delimitación exhaustiva dos núcleos rurais”. É por iso que se reclama un estudo específico das posibles afeccións que poderían causar a transmisión do ruído, especialmente a edificacións de uso agrogandeiro situadas moi próximas aos aeroxeneradores, así como a vivendas plantacións e accidentes xeográficos.
Ademais, solicítase que a empresa promotora realice un estudo pormenorizado das captacións de auga para traídas veciñais existentes na área afectada e que, ante a presenza de tráfico pesado que implicaría a construción e posta en marcha do parque eólico, leve a cabo a pavimentación das vías municipais de acceso.
Novas relacionadas
- P.E. Coto Loureiro: 14 aereoxeneradores sobre A Laracha.
- O BNG presenta alegacións contra os Parques Eólicos de Monte Neme e Coto Loureiro.
- O Concello de Carballo tamén presenta alegacións contra o parque eólico Monte Neme.
- Presentan alegacións contra o Parque Eólico Monte Neme
- Denuncian a desfeita eólica que a Xunta preve instalar na zona mineira de Monte Neme .
- 4-12-2021: A Xunta confirma que o 30% de Galicia quedará afectada polos eólicos.
- INFORME: O novo impulso eólico propón máis de 40 novos proxectos na Costa da Morte.