Mércores. 24.04.2024
El tiempo

A Laracha saca a concurso un posto de venda ambulante na área recreativa de Gabenlle

2021.06.05. Obradoiro de Emprego en Golmar
Os membros do Obradoiro de Emprego rematando as obras en Golmar
A Laracha saca a concurso un posto de venda ambulante na área recreativa de Gabenlle

Segue afianzando A Laracha a área Recreativa de Gabenlle como un dos principais puntos de referencia turística da comarca. Unha zona fluvial ideal para ir ca familia, amigos… para dar un paseo polo Anllóns ou disfrutar dos parques infantís, o parque biosaudable, as grellas, as mesas, aseos, etc.

E para completar os servizos, de cara ao verán, o Concello considera de interese para os usuarios autorizar a instalación dun vehículo de venda ambulante nese entorno.

Deste xeito, durante esta semana publicaranse no Boletín Oficial da Provincia (BOP) as bases que rexerán o procedemento, que irá dirixido exclusivamente a persoas físicas ou xurídicas que se atopen legalmente constituídas para exercer a actividade de venda ambulante. Trala publicación, o prazo para a presentación de ofertas será de 30 días. O único criterio obxectivo de valoración será o prezo ofertado, sendo o mínimo de 500 euros anuais.
Segundo se estipulan nas bases, o vehículo poderá vender unicamente xeados, refrescos, lambetadas, froitos secos, bocadillos ou similares. Terá autorización para situarse xunto á entrada principal da área recreativa durante a época estival entre as 10:00 e as 22:00 horas, sendo a concesión ata o ano 2024. Ao remate de cada xornada deberá ser retirado da vía pública.

Máis melloras do Obradoiro

E precisamente en Gabenlle levan moitas horas investidas os traballadores-alumn@s do Obradoiro de Emprego do módulo de carpintería, onde melloraron o estado do paseo de madeira, entre outras cousas.

Tamén remataron as actuacións previstas no entorno do Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar, que consistiron na conservación medioambiental da parcela municipal situada contigua á do museo, incluíndo a completa limpeza do terreo, o podado das nogueiras e cerdeiras xa existentes e a plantación de máis exemplares deses mesmo tipos.
Por outra parte, a especialidade de carpintería e moble mellorou a balaustrada do hórreo, renovou o mobiliario urbano instalando os novos equipamentos (bancos e papeleiras) creados por eles mesmos no taller -incluíndo as correspondentes bases de cada elemento e a tarima- e realizou traballos de mantemento nas fiestras e porta de acceso ao museo.

Comentarios