Mércores. 21.08.2019
El tiempo

20 anos de integridade dende Cabana para toda a Costa da Morte

20 anos de integridade dende Cabana para toda a Costa da Morte

Nada menos que o seu XX Aniversario celebrou a Asociación Íntegro para a diversidade funcional de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra esta fin de semana. O Restaurante A Pedra, de Nantón, acollía unha multitudinaria celebración, coa participación de ducias de entidades sociais, adminstracións... e sobro todo, os centos de discapacitados e as súas familias que Íntegro consegue facer da súa vida, unha vida normal.

Centos de persoas celebraron pois estes 20 anos de existencia da Asociación. Foi un acto sen demasiados alardes, sinxelo, pero como non podía ser doutro xeito, cheo de emoción. Foi o discurso do seu presidente, Adolfo López Baña, o máis impactante. Cunha sinxela comparación coa diversidade universal, Baña veu a destacar o traballo de integración nunha zona periférica e rural, coas súas vicisitudes, que leva feito a entidade. E mirou cara o futuro, ademais, pensando na total normalización social da discapacidade.

O acto estivo presentado por Mar Varela e contou coa actuación do gaiteiro Miguel da Agrupación Xacarandaina. Serviu ademais para facer entrega aos ex-membros de xunta directiva, ex-traballadores, traballadores actuais e membros da Xunta directiva dunha peza de cerámica conmemorativa destes 20 anos en recoñecemento a labor feita por todos eles para que ÍNTEGRO chegase a ser o que é hoxe.

Apoio en verso

Impresionante o poema "Estamos aquí", feito e leído no acto polos usuarios do Centro Ocupacional e de Día.

Apoio institucional

A entidade cabanesa, que forma parte da Confederación Galega de persoas discapacitadas COGAMI, é un “modelo de compromiso, esforzo e responsabilidade”, como asegurou a Conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato. Mato destacou que o Plan de acción integral para as persoas con discapacidade de Galicia 2010-2013 foi elaborado no marco do “diálogo e a concertación coas entidades, profesionais, asociacións e colectivos que traballan neste ámbito”. E haberá que ver se apoio se refrenda non só con fotos.
Iso si, a Consellería de Traballo e Benestar está ultimando actualmente a nova carteira de servizos para atención á dependencia. "Este novo modelo permitirá fomentar a promoción da autonomía persoal, e garantirá a uniformidade e efectividade dos servizos para persoas con discapacidade".

Novo vehículo da Deputación

Ademais, a entidade pode contar dende xa cun novo vehículo adaptado, que cede a Deputación da Coruña. O vehículo foi financiado nun 80% pola institución provincial, que achegou 33.974,56 euros.

Un dos que falou foi o Presidente da Deputación: “Moitas veces dunha pequena idea nace un gran proxecto, unha grande realidade, como a que formastes nesta comarca”- Calvo resaltou que, aínda que fose un acto conmemorativo, o que tocaba esta mañá era “falar de futuro, o que pasa inevitablemente polo voso traballo e a obriga das administracións de colaborar con vós”.

Exposición

Ademais, o venres pola mañá procederon á inauguración da exposición de fotografía da historia da asociación. Son 50 imaxes que reflexan os cambios que foi facendo a entidade dende o comezo ata agora. A exposición foi inaugurada polo usuarios do centro ocupacional e de día de ÍNTEGRO.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC ([email protected]).
  • Nota de prensa da Asociación Íntegro e da COGAMI.

Comentarios