#AxendaCostadaMorte de percedes e irmadiños a dúas rodas


Menuda é sempre a primeira fin de semana de xullo. E así o confirmamos coa #AxendaCostadaMorte completamente chea. Xa temos acendido o modo #QPCdeverán, no que a plataforma www.axendacostadamorte.com é parte protagonista.
Esta fin de semana ten unha #mareadefestas, pero sobresaen 3 eventos: O Gran Fondo Ézaro, moito máis que unha proba deportiva; a Festa do Percebe do Roncudo e o Asalto ao Castelo de Vimianzo. Antes de repasalo, imos ver que nos din os amigos de 4gotas.com sobre como vén o tempo:
Será unha fin de semana de pasear pola praia, pero non de quedarse moi quieto tirado na toalla. Haberá bastantes momentos de sol (non todos), pero sen moitísima calor.
O venres amencerá despexado en toda a Costa, pero con ventos do suroeste que irán a máis a medida que avance o día. Entre Muxía e Malpica será un día de praia, pero de Fisterra a Carnota a partir do mediodía irase cubrindo. Acabará por chover na Costa no final do día.
O sábado amencerá con moitas nubes e mesmo con orballos. A partir do mediodía iranse desfacendo as nubes e quedará unha tarde de sol, con vento frouxo e uns 22 graos.
O domingo amencerá con néboas no interior, pero axiña predominará o sol en toda a Costa, pero sen moita calor. Uns 22 graos de máxima. Dentro da Ría de Muros chegarán ata os 24-25.
Así que, non será a mellor finde de praia, pero nin tan mal.
Por certo, temos prognóstico especial para O Gran Fondo de Ézaro.
Gran Fondo Ézaro
Moito máis que unha proba deportiva, o Gran Fondo Ézaro é un tremendo evento socio-económico para a Costa da Morte. Por iso queremos resaltalo aquí, porque será unha cita fantástica, vendo a 1000 ciclistas polas nosas estradas, comandadas por dous históricos como Miguel Indurain e Claudio Chiapucci.
A saída será ás 9:00h da Fervenza do Ézaro, haberá actividades paralelas como zumba, aerobic e unha subida guiada ao Monte Pindo, e a chegada será entre as 15:00h e as 16:00h ao Alto do Mirador do Ézaro.
Festa do Percebe do Roncudo
A máis multitudinaria festa gastronómica da Costa da Morte ten lugar en Corme este sábado 4 de xullo. A XXIII Festa do Percebe do Roncudo é, en realidade, dúas festas nunha: a gastronómica, a do rei do marisco; e a trouleira, a da mocidade de todo Bergantiños que enche Corme de vida e festa.
Asalto ao Castelo
Despois dun mes de actividades chega a gran invasión irmandiña. O Asalto ao Castelo de Vimianzo celebra 20 anos e o fai por todo o alto. Ten parte gastronómica coa Ruta dos Pinchos Irmandiños. Ten parte musical, co fantástico festival con 4 grupos de grande sona. E ten a parte teatreira, a gran singularidade desta festa, a representación teatral da revolta irmandiña do século XV contra os nobles. Todo feito na casa ademais. Unha verdadeira experiencia!
E toda unha marea de festas
Temos festas para parar un autobús. Así que deixamos aquí a lista:
- Festas de Abelleira, Muros (venres, sábado, domingo e luns).
- Festas de San Crimenzo, Zas (venres).
- Festas de San Pedro da Ponte do Porto, Camariñas (venres, sábado e domingo).
- Festas do Carme de Neaño, Cabana (venres, sábado e domingo).
- Festas do Rosario de Serantes, Laxe (venres, sábado e domingo).
- Festas de San Antonio de Tines, Vimianzo (venres e domingo).
- Festas de San Pedro de Cances, Carballo (sábado e domingo).
- Festas do Socorro de Coucieiro, Muxía (sábado e domingo).
- Festas de Ardaña, Carballo (sábado e domingo).
E aínda máis
Ademais, temos outras citas ben singulares, como o monólogo de Serxio Pazos ás 22:00h do venres no Baixo da Vivenda Comunitaria de Santa Comba; ou a Festa do Porquiño que artellan os bares da Rúa da Pena de Cee. Tamén en clave gastronómica, temos Cea-concerto no Lestón, sempre singular.
E falando de tradición, o sábado teremos unha auténtica Foliada con Senda Nova en Carballo e a Gala do 35º aniversario da Raigañas en Malpica.
Máis información
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).