Os contedores de Diversiplás xa están en toda a Costa da Morte
Continúa avanzando o pioneiro proxecto Diversiplás (+ diverso – plástico), mediante o cal a Asociación Íntegro converte o seu centro integrado situado en Nantón (Cabana) nunha planta de reciclaxe de plásticos. Desta volta, e para poder abastecerse, a entidade vén de instalar 8 puntos de recollida de residuos plásticos por diferentes puntos da Costa da Morte, a través da súa Rede de Entidades Colaboradoras.
Os concellos de A Laracha, Cabana, Malpica, Vimianzo, Muxía e Camariñas, xunto cos profesionais do mar da Confraría de Pescadores de Caión (Laracha), a Agrupación de Mariscadoras do Anllóns (Cabana), a Confraría Virxe da Barca de Muxía, a Confraría de Malpica, as redeiras O Fieital, a Confraría de Camariñas e a de Camelle, son os primeiros en acoller os novos colectores brancos.
O presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, e a directora do centro Noelia Barreira foron entregar este contedores brancos, que contan cunha lenda explicativa sobre o tipo de residuos que se poden depositar (HOPE 2, PP5, PS 6), e en que estado deben estar (sen etiquetas nin adhesivos de ningún tipo, e lavados con auga e xabón) para facilitar así os labores de reciclaxe e posibilitar o proceso de tratamento, recuperación e valorización dos mesmos no taller que a asociación Íntegro ten en Nantón.
Desde Íntegro apelan á responsabilidade e ao compromiso da cidadanía para un uso correcto e axeitado dos novos colectores. Do contrario, o proceso de reconversión de residuos non será viable e, polo tanto, non poderemos obter produtos con novas utilidades como testos, chaveiros, mosquetóns, pulseiras, froiteiros, etc.