Martes. 23.04.2024
El tiempo

Arrinca a 27 edición da Mostra do Encaixe de Camariñas

Arrinca a 27 edición da Mostra do Encaixe de Camariñas
pasarela-deputacion-camarinas Tras o acto inaugural tivo lugar a pasarela de Deputación da Coruña. Imaxe: Concello de Camariñas Esta tarde quedou oficialmente inaugurada a XXVII Mostra do Encaixe de Camariñas que xa é máis que un punto de encontro para o mundo da artesanía. O pavillón da vila estará aberto dende mañá ata o domingo en horario de 11 a 21 horas. A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, destacou durante o acto inaugural o importante papel deste evento como dinamizador económico da zona e do sector artesán galego. A directora xeral, que asistiu coa xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, tamén puxo en valor que o encontro serve como escaparate da marca Artesanía de Galicia, xa que Camariñas é clave no papel que xoga como atractivo turístico e como vehículo para proxectar a imaxe galega no exterior. inauguracion-mostra-encaixe Un momento do acto inaugural da Mostra do Encaixe Tamén asistiron á inauguración o deputado provincial Bernardo Fernández - que acudiu en representación da Deputación da Coruña -, o alcalde camariñés Manuel Valeriano Alonso, e o presidente da FEMP e alcalde de Vigo, Abel Caballero. Este ano, a Deputación destinou 120.000 euros para a celebración da Mostra, ademais de prestar apoio material a través da imprenta provincial. Bernardo Fernández destacou que esta colaboración se enmarca na “longa traxectoria de apoio ao evento dende a primeira edición”. “Para nós é unha gran satisfacción seguir contribuíndo ao crecemento desta Mostra que vimos nacer e medrar”, afirmou Fernández e engadiu que o evento contribúe á potenciación turística da comarca da Costa da Morte e a “promocionar os nosos produtos artesanais”. Pasarela da Deputación Trala intervención das autoridades, deu comezo a tradicional pasarela de moda con pezas elaboradas a partir de encaixe de Camariñas tanto por deseñadores noveis coma por firmas de recoñecido prestixio internacional. “A partir de agora, o desfile máis importante de Galicia levará o nome Pasarela Deputación da Coruña”, sinalou o alcalde de Camariñas, en agradecemento ao compromiso da institución provincial coa feira. A pasarela Deputación da Coruña será o escaparate de diversas creacións elaboradas por 42 deseñadores, entre os que se atopan a xaponesa Noriko Hashizume e a firma madrileña Devota&Lomba. Esta pasarela ten tamén unha dimensión cultural, posto que estará acompañada dunha actuación cada día. Hoxe, a cantante Rosa Cedrón e o músico Miguel Arthús foron os encargados de amenizar a mostra interpretando, entre outras pezas, a popular cantiga de Camariñas. Actividades paralelas Nesta ocasión a Mostra do Encaixe de Camariñas conta coa participación de dezasete encaixeiras internacionais procedentes da India, o Xapón, Arxentina, Bulgaria, Inglaterra, Estonia, Francia, Italia, Polonia, Portugal, República Checa, Rusia e Suíza; e 15 expositores de encaixe nacionais. O programa de actividades inclúe diferentes desfiles coas creacións de 32 deseñadores noveis e a colaboración de firmas de moda de recoñecido prestixio. Ademais do encaixe, nesta Mostra podemos atopar outros oficios da artesanía galega grazas aos puntos de venda de artesáns do vidro ou as colareiras. A maiores, a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño organiza un obradoiro de artesanía todos os días que dirixirá a artesá María José Martínez para achegar a artesanía aos nenos e nenas que visiten a Mostra. [fbvideo link="pasarela-deputacion-camarinas" width="500" height="400" onlyvideo="1"]

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios