Camariñas rescata, coa RAG, os seus microtopónimos

Este venres 28 de xuño, a Real Academia Galega visita Camariñas para organizar unha nova sesión do proxecto Toponimízate. A Casa de Pedra acolle, a partir das 20:00h, un evento presentado Xusto López Carril, xornalista da Radio Galega, no que icente Feijoo, responsable de Toponimia da RAG, será o encargado de explicar o procedemento para poder axudar a encher de microtopónimos esta ferramenta dixital patrimonial.
A veciñanza pode participar, como fixo Modesto García Quintáns en Dumbría achegando 8.000 microtopónimos, aportando nomes dos montes, leiras, lugares… para seguir completando a Galicia Nomeada.
As persoas asistentes coñecerán tamén a orixe e o significado de diversos topónimos que designan a paisaxe cotiá dos camariñáns, unha parte do relatorio que conta coas achegas etimolóxicas do académico de número e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza.
Un dos nomes máis significativos deste municipio da Costa da Morte é o do Cabo Vilán, un topónimo que na cartografía histórica aparece de múltiplas formas, como Belén, Velem, Bellam, Veillane ou Vilán, e que foi castelanizado en Villano, ao se interpretar como un derivado do latín VILLANO ‘habitante dunha vila’, significado que posteriormente foi ampliado a 'ruín' ou 'persoa que demostra baixeza'. Porén, trátase dun topónimo de etimoloxía controvertida para o tamén se barallaron outras hipóteses como a de relacionalo co adxectivo ou co sobrenome VIL(L)ANUS, un ornitónimo relacionado ave de rapina chamada miñato.
A xornada contará coa colaboración de entidades como a Asoc. de Propietarios de montes A Croa, que leva semanas inmersa na colleita de topónimos vinculados ao monte camariñán