Mércores. 16.10.2024
El tiempo

Camelle, nova fin de semana como epicentro da recuperación do patrimonio dos naufraxios

  • A Feira de Nadal, a Exposición sobre o City of Agra e a estrea do documental sobre o mesmo naufraxio, serán as grandes protagonistas
Documental City of Agra
Captura do documental que se estrea esta fin de semana arredor do City of Agra
Camelle, nova fin de semana como epicentro da recuperación do patrimonio dos naufraxios

”Mare de Invernía” é o título co que a AC Naufraxios Galegos, xa convertida nun referente cultural na Costa da Morte, e en Galicia, vai celebrar o seu programa cultural de outono vinculado, de novo co patrimonio inmaterial salgado. Camelle volverá convertirse en polo de atracción para os amantes das historias dramáticas do noso mar, pero tamén para todos aqueles que que queiran ver unha vila viva, comprometida co seu patrimonio.

As xornadas arrincan o sábado 10 de decembro, coa inauguración, ás 10.00 horas, da Feira de Nadal nunha carpa no Campo do Santo ao carón da igrexa de Camelle. Contará con 17 postos de artesanía, de petiscos e co propio da AC Naufraxios Galegos.

O roteiro

Á mesma hora principiará a VI edición do Roteiro histórico por Camelle, en homenaxe a José Baña Heim, co punto de encontro para os participantes no mesmo á entrada da vila, antes de baixar cara a praia. Estrearase pola organización un novo percorrido de 18 paradas de interese, adaptado ás novas descubertas feitas na tradición oral de Camelle e, á tan ansiada e agardada VI reedición do libro: “Costa de la Muerte. Historia y anecdotario de sus naufragios”, escrito polo seu mestre por excelencia, Don Pepe. Haberá ademáis algunha actuación teatralizada ao longo do percorrido e recitais de poesía.

O roteiro trascorrerá pola Agra de Abaixo, lugar onde se situa a primeira vivenda onde se aloxou Manfred Gnädinger, Man, o alemán de Camelle, unha singular e fermosa construción propiedade da familia Baña Romero, (fillos do mestre Baña Heim) seguindo o antigo Camiño dos Hérvedos que, tras pasar pola lendaria Pedra da Fin achegaranos á Agra de Arriba, onde se atopa a súa area. Tras beirear a praia pola súa marxe oriental, pasará o roteiro polo Lastre e polo Portiño, para voltar sobre o areal e facer tres paradas pola marxe esquerda da enseada que alberga o Mar do Espírito Santo. Tras visitar o cartaz que a AC Naufraxios Galegos ergueu no Paseo Marítimo á memoria de Pepe Baña, subiremos ao Campo do Santo e despois á rúa Principal nº 20, onde farase unha visita guiada no local da AC Naufraxios Galegos á gran exposición: “City of Agra. 125 anos na memoria, dedicada ao histórico naufraxio deste vapor británico afundido en Arou do que naceu O MEIRANDE EVENTO CULTURAL DEDICADO A UN NAUFRAXIO EN EUROPA que se celebra en Camelle, anualmente, na segunda fin de semana de xullo. De seguido, visitaremos a casa paterna de Baña Heim e as ruínas da escola onde deu clase para, descendermos de novo ao Paseo Marítimo e deternos onde se ergueu a histórica e pioneira Estación de Salvamento, para proseguir polo porto falando dos seus secadoiros de peixe, salazoeiras, conserveiras e almacéns dedicados a pertrechos e equipos da época gloriosa do despece de barcos e dos homes que andaban ao ferro, lembrando os seus nomes e os dos míticos buzos de escafandro.

O roteiro rematará ao final do Paseo Marítimo onde os recheos da nova escolleira rematada no 1989 cubriron o coído do Carbón e a pedra do Porto. Aquí, ao carón de onde se ergue a caseta-mausoleo de Man, repasarán os últimos intres da vida do artista alemán e a historia dos naufraxios acontecidos neste litoral.
De seguido, celebrarase como é tradición, un xantar entre os participantes do mesmo, no bar Rotterdam (só para os que se anotaran previamente).

Documental

Ás 18.00 horas, terá lugar a estrea mundial do documental “City of Agra. Un pobo unido pola traxedia”, da produtora arteixá Vizuals S.L. cunha duración aproximada de 40 minutos nos que se conta a vinculación do pobo con este evento, que cada ano se traduce nunha fermosa festa.
Tras a labor de documentación en colaboración co pobo camellán e co escritor Fernando Patricio Cortizo, e despois de filmar a festa e diversas entrevistas, o proxecto xa ve a luz, e pronto estará a disposición dos centros educativos da Costa da Morte.

Máis actividades

Ás 19.30 horas aínda do sábado, na carpa que alberga a Feira de Nadal, haberá un concerto de panxoliñas a cargo do grupo de pandereteiras locais, Mar Devalado. Peche da Feira de Nadal ás 12 da noite.

Xa o domingo, a feira volverá abrir ás 10:00h. Hberá dúas visitas guiadas á exposición “City of Agra. 125 anos na memoria”, unha ás 11.30 e outra ás 16.30 horas. O Peche da Feira de Nadal, ás 20.00 horas e fin do programa cultural.

 

Novas relacionadas

Comentarios