ANPA Alén: “Estamos mellor que nunca, pero o cole necesitaría unha Coidadora máis, xa que un de cada tres nenos ten NEE”
No marco desta xeira de recortes que sofre o sistema de ensino público da Costa da Morte, seguimos percorrendo as necesidades dos nosos centros educativos.
E no CEIP de Corcubión é certo, non houbo recortes, en si, pero “os recursos asignados son insuficientes”. É certo que no centro conseguiron un AL (mestre de Auxiliar de Linguaxe) a tempo completo (estaba compartido con Dumbría) gracias á presión de toda a comunidade escolar, dirección e ANPA Alén. Unha nova demostración de que as familias temos que pelexar polo ensino público.
En todo caso, falan dunha AL que non está no catálogo, polo que en calquera momento pode desaparecer.
Con todo, e recoñecendo que están “mellor que nunca”, e que a nivel de ratios o colexio corcubionés está cuberto, dende a ANPA cren necesario dotar o centro de máis Persoal Auxiliar Coidador, porque contan cunha soa coidadora nun centro con 97 rapaces, cando entre o alumnado hai 33 alumn@s con Necesidades Educativas Específicas, tendo un caso de grado 3, que practicamente necesita unha Coidadora a tempo completo, e varios de grado 2. As familias entenden que sen persoal de apoio, é difícil que os mestres titores poidan atender as necesidades educativas como deberan a todos eles.
”A nivel de ratios estamos cubertos, pero as ratios non están ben concebidas, porque tratan aos nenos como números. A día de hoxe a efectos de ratio os nenos con NEE contan por 2, pero iso é moi relativo, e habería que analizar cada caso, porque un neno con NEE pode contar con 1, como 2 ou como 5”, sinala a voceira da ANPA Alén, Mariña Lema, Terapeuta Ocupacional de profesión.
A realidade é que o colexio corcubionés se está a converter nun centro de referencia en materia de NEE na comarca porque as clases son pequenas. E para seguir na mesma liña fai falta apoio.