Luns. 16.09.2024
El tiempo

As reaccións dos tres partidos ante a manifestación das traballadoras do SAF de Camariñas

Traballadoras do SAF de Camarinas de manifestacion w
A manifestación de onte das traballadoras do SAF de Camariñas
As reaccións dos tres partidos ante a manifestación das traballadoras do SAF de Camariñas

Saían á rúa onte as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar de Camariñas. Unha manifestación despois dun ano de protestas pola falta de actualización dos seus soldos ao convenio colectivo, que demostra a necesidade de reestruturar este servizo sanitario tan necesario no rural galego. O sistema de concesións municipais, e o seu complicado financiamento (arredor do 60% corre a cargo da Xunta, pero os Concellos teñen que sufragan arredor dun 20% que en casos como o de Carballo supón case 300.000€) fai que moitas veces os Concellos se vexan obrigados a prorrogar contratos provocando que as empresas, que en moitos casos gañaron os concursos ao presentárense á baixa, non poidan actualizar os soldos.

No caso camariñán, os 3 grupos municipais, despois de non saber resolver o asunto no pasado pleno, queren amosar as súas posturas ante a manifestación.

O BNG, grupo presente na manifestación de onte, quere ratificar o seu “apoio ao 100% ás reivindicacións das traballadoras”, e considera, con rotundidade que “a empresa, ao non cumplir, debería ver rescindido o contrato”.

Tamén dende a oposición, o PP, que tamén estivo representado por Manuel Mejuto, quere expresar o seu apoio ás traballadoras, e demanda a elaboración duns pregos para sacar a licitación o servizo, criticando a inacción do grupo de goberno. “Pídolle unha vez máis a alcaldesa Sandra Ínsua que remate os pregos, porque estamos cun tema moi serio”, manifestou Paula Mouzo Mas que non entende a que se debe esta dilación, se non é por “incapacidade ou desleixo”.
O PP critica o uso das notas de prensa do Concello “como se fosen do PSOE”, e pon premura ao Concello sinalando que “pode intentar xogar a confundir con propostas con informes negativos que a alcaldesa mesmo retira dos plenos, falando dun consenso que nunca buscou”.

O Grupo de goberno

O PSOE, pola súa parte, asegura que “O Concello se pon do lado das traballadoras do SAF e critica a irresponsabilidade da concesionaria”. Desde o goberno local sinalan que “a empresa participou nunha licitación na que se ativo a uns pregos cunhas condicións e responsabilidades claramente marcadas” e que “gañou este proceso facendo unha oferta económica cunha baixada considerable sobre o prezo base”. “Claramente a empresa non calculou ben os gastos e agora, en lugar de asumir a súa irresponsabilidade, quere poñer ás traballadoras en contra do Concello, que paga regularmente á concesionaria a cantidade resultante da adxudicación do contrato”, afirman.

O PSOE argumenta que quitou do último pleno a súa propia moción para resolver o contrato en contra dos informes de Secretaría e Intervención, “por non ter o apoido do PP” (consixeraba necesario obter a unanimidade do pleno) a pesar de que o grupo popular ía abterse para permitir sacala adiante.

O grupo socialista critica a UGT e lamenta que “a manifestación se leve a cabo na praza do Concello e non na Estrada ou no Allo na Ponte do Porto, onde ten a sede fiscal a empresa que é a que está incumprindo as súas obrigas nun contrato público”.

O PSOE agarda que “a concesionaria recapacite, asuma o seu erro no momento de presentación da oferta e cumpra as súas obrigacións coas súas traballadoras”, pero polo de pronto non fala nada dun novo intento plenario de sacar adiante a nova licitación.

Máis novas

Comentarios