Domingo. 28.04.2024
El tiempo

Arrincan as obras no Parque de San Martiño no marco do Plan de Risco de Inundacións do Anllóns

Obras Muino Quinto Carballo inundacions anllons
Arrincan as obras no Parque de San Martiño no marco do Plan de Risco de Inundacións do Anllóns

Novo paso no proxecto Plan de xestión de Carballo como área de risco potencial de asolagamento. Desta volta, arrincaron as obras no Muíño do Quinto e no parque de San Martiño de Carballo.

A obra, que cunta cun investimento de case 650.000 euros, dos 6,3 do proxecto completo, céntrase na mellora da capacidade hidráulica do río na contorna do Muíño do Quinto, cun prazo de execución de 6 meses, e na remodelación integral do parque San Martiño, cun período de obras de 3 meses.

En concreto, executarase un ‘by-pass’ no río Anllóns na contorna do Muíño do Quinto para permitir a apertura dunha canle trapezoidal pola que derivar caudal en períodos de avenida. Para iso, deseñouse unha rasante lixeiramente elevada con respecto á canle para que circule a auga en caso de desbordamento.
Para levar a cabo esta actuación crearase un paso transversal da auga baixo a calzada que atravesa a canle, que se resolverá coa execución in situ dun marco de formigón armado.

Dado que a senda fluvial tamén se verá afectada pola apertura da canle, está prevista a construción dunha pasarela de madeira de 10 metros de luz que dea continuidade ao trazado. Ademais están a comezar tamén as obras da remodelación integral do parque San Martiño, coa construción de motas de protección fronte ás avenidas. Neste caso, os traballos comprenderán actuacións en tres zonas diferenciadas: a primeira, augas abaixo da ponte da rúa Sol; a segunda, no propio parque de San Martiño, bordeando a rúa San Ramón e terminando na ponte da rúa Iglesia; e a terceira, entre o parque de San Martiño -ponte da rúa Iglesia- e a ponte da rúa Fomento.

Obras en marcha

A estas intervencións, sumaranse as obras xa licitadas de remodelación da ponte da rúa Fomento, a da mellora no río Anllóns ao paso pola Cepeira, en Sísamo, e a de remodelación de ponte e creación dun leito de augas altas na rúa Sol.

NOVAS RELACIONADAS

Comentarios