Carballo exporta a súa experiencia de reciclaxe co colector marrón

Os Concellos de Carballo e A Laracha son pioneiros a nivel galego na implantación do colector marrón, como novo paso nunha mellor recollida selectiva de lixo. O programa “Ti Tes a Chave”, de recollida de lixo orgánico na chamada quinta fracción, xa leva máis dun ano de implantación. Pronto será unha realidade en toda Galicia e para ir espallando a experiencia, Luís Lamas participaba onte na xornada final do proxecto europeo “Tropaverde”, que se celebrou en Santiago.
A nova Directiva Europea de Residuos obriga aos concellos de máis de 20.000 habitantes a implantar no ano 2022 a recollida selectiva de bio-residuos, co obxectivo de acadar unha redución do 50% no volume de RSU no ano 2030.
A idea principal é que a recollida selectiva teña un novo destino: a compostaxe. No rural xa funciona o sistema de compostaxe caseira, nas zonas urbanas funciona o Ti tes a chave.
Lamas fixo un percorrido dende o inventario de necesidades realizado 2003, focalizando a sesión no comezo da campaña “Carballo Limpo”. Ese labor de concienciación cidadá, xunto coa profesionalización dos servizos de limpeza viaria e edificios, recollida e xestión dos RSU, xestión e mantemento do alumeado ou ciclo integral da auga, contribuíu a que, a día de hoxe, estes servizos acaden unha puntuación de 8,9 sobre 10, segundo as enquisas realizadas.
A día de hoxe son 1.500 familias e grandes produtores (nomeadamente hostalería e comercio) as que teñen a chave dos colectores marróns, recollendo arredor das 2 toneladas diarias, cun índice de impropios inferior ao 5%, o cal permite intuír que en cuestión de meses contaremos cun compost de grande calidade.
”Carballo sustentable”
Lamas explicou que agora o obxectivo carballés é cambiar ese “limpo” por “sustentable”, no marco da #Axenda2030, traballando paralelamente na mobilidade, na xestión dos servizos públicos, na humanización ou na participación veciñal.
Novas relacionadas
- Abril 21: 1.253 familias e 123 establecimentos de Carballo teñen a chave da compostaxe urbana.
- Marzo 2021: 567 familias carballesas xa compostan na casa.
- Xuño 2020: As familias de Carballo xa superan a reciclaxe de 11.100 quilos na quinta fracción .
- Xullo 2020: Gran acollida do programa "Ti tes a chave" de Carballo na súa primeira semana de funcionamento.
- Xullo 2020: A Laracha espalla o colector marrón da quinta fracción.
- Maio 2020: A recollida selectiva da quinta fracción orgánica segue funcionando na Laracha.
- Febreiro 2020: 400 familias e 41 empresas xa son usuarias do servizo de colector marrón de residuos orgánicos de Laracha.
- Febreiro 20: 1.200 laracheses dan uso ao Punto Limpo do Formigueiro.
- Xaneiro 20: A Laracha, xunto con Carballo, concellos pioneiros na implantación do colector marrón.
- Algunhas cifras da #Axenda2030 carballesa.
- Carballo, o único Concello que utiliza a palabra sostibilidade.