Mércores. 17.04.2024
El tiempo

O Casino 1889 acolle a presentación do libro da RAG "Toponimia de Carballo"

TOPonimia C aarballo
O Casino 1889 acolle a presentación do libro da RAG "Toponimia de Carballo"

Saía publicado aló por abril, pero este xoves 30 de setembro ten a súa presentaciópn oficial. A Real Academia Galega presenta no Casino 1889 de Carballo a presentación de ‘Toponimia de Carballo’.
O autor, Fernando Cabeza Quiles, estará acompañado polo presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; a académica correspondente e presidenta da AGON, Luz Méndez; e Luís Giadás Álvarez en nome do Instituto de Estudos Bergantiñáns.

A entrada é libre e de balde ata completar o aforo se ben a organización agradece a confirmación da asistencia no correo [email protected].

Terra Nomeada

Toponimia de Carballo forma parte da colección “Terra Nomeada”, que a Real Academia edita en colaboración coa Asociación de Onomástica Galega, e contou co apoio económico da Deputación da Coruña.
No caso carballés Fernando Cabeza Quiles achega información detallada, por orde alfabética, dende Agramaior, na parroquia de Lema, ata O Zarallo, na parroquia de Sofán. Entre todos os topónimos incluídos, o autor destaca o da Vixoteira, do que só se atopa información no galego bergantiñán. O adxectivo substantivado vixoteira, explica, adoita atribuírselles ás persoas, xeralmente de idade avanzada, que axexan dende as fiestras a quen pasa pola rúa, e que o fan con moita precaución para non seren vistas. Este significado garda clara relación coas características do lugar que a mesma palabra nomea, xa que A Vixoteira se atopa nun lugar alto dende o que se pode vixotar ou vixiar unha ampla extensión de terreo do val de Rus. Por este motivo, o filólogo suxire que o topónimo pode ter un significado similar ao da Esculqueira, nome de lugares altos dende os cales se poden esculcar ou vixiar tamén panorámicas vastas.

A lingua da zona tamén deixa pegada na toponimia carballesa a través das terminacións de nomes de lugares como Barís, Bas, Betrís, O Esmorís, Esteves, que dan conta do seseo implosivo en posición final que diferencia a fala deste concello, explica o autor. De igual xeito, a toponimia amosa exemplos de como o galego falado de Carballo emprega as terminacións -án(s) tamén para o feminino (a/s miña/s irmán/s, non a/s miña/s irmá/s), un trazo expresado na toponimia carballesa nos nomes de lugar As Chans e Vilachán, que no galego de Lugo e Ourense e mais no do leste da Coruña e Pontevedra serían As Chás e Vilachá, compara o filólogo.

OUTRAS NOVAS SOBRE TOPONIMIA

Comentarios