Mércores. 08.05.2024
El tiempo

Comeza o novo curso de Consellos parroquiais de Carballo

14092023 consello_parroquial_aldemunde Carballo
Imaxe do Consello de Aldemunde
Comeza o novo curso de Consellos parroquiais de Carballo

Un dos mellores exemplos de participación cidadá de toda a comarca, e probablemente do país, son os Consellos parroquias de Carballo. Unha cita na que alcalde e concelleir@s se presentan ante a súa veciñanza nos locais sociais de cada parroquia, onde presentan os proxectos que van levar a cabo e escoitan as queixas e demandas da xente.

Tralo parón estival, este pasado xoves xa se retomaron as sesións e a primeira tivo lugar na parroquia de Aldemunde. O alcalde, Evencio Ferrero, o concelleiro de Participación Veciñal, Daniel Pérez, e nesta ocasión o concelleiro de Obras, Luis Lamas, escoitaron as demandas dunha vintena de veciños e veciñas (case un cuarto da poboación da parroquia) en presenza concelleiros do PP Beatriz Neira e José Rey.

A secretaria do consello parroquial trasladou aos representantes municipais as peticións recollidas nunha reunión previa da veciñanza, practicamente todas relacionadas coa rede viaria e, fundamentalmente, pola carencia de gabias en varias vías, por raíces de árbores que levantan o asfalto ou polos danos que causa o transporte de madeira.
Luis Lamas explicou que xa está traballando a empresa concesionaria do mantemento de vías, e que eses problemas quedarán solucionados, e tamén instou á veciñanza a poñer en coñecemento do Concello a identidade das empresas madeireiras que causan os danos para poder esixirlles a súa reparación.

A limpeza das beiras da antiga estrada Carballo-A Silva, de titularidade autonómica, ou a extensión da fibra óptica son tamén preocupacións veciñais que se trasladarán ás entidades competentes.

Pola súa banda, o goberno municipal informou da próxima adquisición dos terreos do dolmen de Pedra Moura para poder acometer un proxecto arqueolóxico e da proxima
elaboración dun proxecto de pavimentación do núcleo de Aldemunde de Arriba.

Máis Consellos

Agora, durantes os vindeiros meses, os representantes do goberno municipal irán visitando as parroquias. A semana que vén reunirase o consello parroquial de Ardaña (xoves 21, ás 20.00 horas).

Comentarios